jueves, 1 de agosto de 2013

Teito de gasto e obxectivo de déficit da Comunidade Autónoma de Galicia para 2014

Hoxe, en rolda de prensa,o presidente Alberto Núñez Feijóo, deu conta da aprobación no Consello da Xunta do teito de gasto para 2014 en 8.456 millóns de euros que permitirá: blindar a solvencia de Galicia, blindar o financiamento da sanidade, da educación, das universidades e dos servizos sociais e albiscar o inicio da recuperación económica. 

Feijóo destacou que este teito de gasto –que supón niveis semellantes de gasto ao exercicio 2013- continúa a senda “de responsabilidade, de estabilidade e de solvencia” que ten comprometida o Goberno galego co pobo de Galicia; e permite facer fronte con recursos propios e recursos acadados nos mercados ordinarios a todos os compromisos de gasto. “Imos seguir polo camiño da solvencia no ano 2014.

 Non imos acudir aos Fondos de liquidez do Goberno central nin ás axudas do Goberno central para financiar os nosos presupostos”, insistiu. Así mesmo, o titular da Xunta incidiu en que o teito de gasto para 2014 blinda as prioridades de Galicia, “é dicir, o Estado do Benestar”; e permite seguir a traballar no obxectivo de que Galicia teña unha economía que creza un pouco máis que a do Estado, “que teña un paro rexistrado mellor que o paro rexistrado do conxunto do Estado e que teña un índice de produción industrial e un produto interior bruto superior ao da media do Estado”. 

No tocante á celebración do Consello de Política Fiscal e Financeira que tivo lugar onte pola tarde; Feijóo salientou que o marco financeiro fixado confirma que o camiño iniciado por Galicia no ano 2009 é o camiño correcto na xestión dos recursos públicos. “É o camiño correcto porque é a senda da progresiva redución de déficit público que onte se reafirmou para o conxunto nacional; e porque as administracións estamos obrigadas a ir diminuíndo cada vez máis o incremento da débeda na que incorremos ano tras ano para paliar os efectos da caída brutal dos ingresos públicos”. 

O presidente da Xunta valorou tamén que ningunha comunidade teña este ano máis déficit que o alcanzado no ano 2012 e que, no caso de Galicia, é o 1,2% (máximo déficit para o ano 2013, que está por debaixo sensiblemente do ano 2012). “Valoramos –engadiu- que o obxectivo para o ano 2014 volva ser o mesmo para todas as comunidades: o 1% para todas as comunidades. E valoramos, en definitiva, que as comunidades cumpridoras como Galicia non saiamos prexudicadas por cumprir”. 

Feijóo fixo fincapé en que ser a comunidade autónoma con maior confianza nos mercados acredita que estamos no camiño axeitado e tense traducido en resultados tanxibles que nos permiten non ter que tomar as decisións tan abruptas que estiveron a tomar as comuos anos “e que van ter que seguir tomando no ano 2013, e nos anos 2014 e 2015”. 

A solvencia da comunidade está a permitir amais, segundo lembrou o presidente da Xunta, reducir o impacto dalgunhas medidas adoptadas polo Goberno central ao contar cunha pequena marxe para tomar algunhas decisións específicas como, por exemplo, non ter que acudir aos mercados extraordinarios para pagar aos provedores; poder facer investimentos en infraestruturas sanitarias e infraestruturas viarias; e conxelar as taxas universitarias da primeira matrícula e da segunda matrícula nas universidades galegas.

 Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, resaltou que é a terceira vez que esta Comunidade autónoma elabora un teito de gasto; “unha medida imprescindible para transparentar a elaboración do Orzamento para o vindeiro ano”, dixo, logo de precisar que “permitirá compatibilizar o obxectivo de estabilidade coa taxas de crecemento”. 

Elena Muñoz cualificou o teito de gasto de “realista, coherente e comprometido coa senda de cumprimento da estabilidade orzamentaria” e avanzou que coa fin de recuperar os ingresos, “impulsaremos un novo plan de loita contra a fraude fiscal”.


Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta. Grazas