sábado, 5 de octubre de 2013

Protexer os servizos públicos

Esta maña tivemos en Compostela, reunión do Comité Executivo do PPdeG. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que a porcentaxe dos fondos públicos destinados a gasto social será a máis alta da historia da autonomía. 

Así oito de cada dez euros que se investirán pola Xunta en 2014 estarán destinados ao mantemento e mellora dos servizos públicos. 

Feijóo fixo fincapé en que hai dúas maneiras de protexer os servizos públicos: blindando as contas públicas a proba de déficit e dotando de fondos as partidas destinadas a gasto social, algo que os populares están cumprindo. Apuntou que os servizos públicos son un alicerce fundamental no noso país e debían seguir séndo despois da crise. 

Por iso, aínda cunhas contas menores en termos de capacidade orzamentaria que as que había hai cinco anos, o gasto social sempre estivo protexido nos orzamentos de Galicia. 

A punto de cumprirse o primeiro aniversario da victoria electoral do PP de G nas pasadas eleccións autonómicas, Feijóo indicou que aquel feito deixou tres mensaxes moi claras. 

A primeira delas é que Galicia entende e avala a xestión realista e responsable, xa que na anterior lexislatura se contaron as cousas como son e e os populares se esforzaron por cambialas e melloralas. 

Para Feijóo, a súa primeira lexislatura deixou unha Galicia mellor preparada para a recuperación e para encarar o futuro, aínda que non se conforma. Neste senso, indicou que nos atopamos en mellores condicións para desfacernos do déficit elevado, para reducir o endebedamento e o desemprego, para seguir apoiando aos sectores produtivos ou para internacionalizar a nosa economía. 

Do mesmo xeito afirmou que estamos en mellores condicións para ter o AVE, grazas á aposta do Goberno de España por Galicia, que é a terceira Comunidade Autónoma con maior investimento do Estado. En definitiva, mellor preparados para iniciar a recuperación económica e poder dicir que se sairá da crise sendo capaces de manter blindado o Estado de Benestar e mellorando os servizos públicos. 

Segundo Alberto Núñez , hai unha segunda mensaxe que os galegos quixeron lanzar á súa clase política hai un ano, e é que a Xunta de Galicia é algo moi serio como para andar facendo experimentos con ela. 

Así, ante a opción dun Goberno responsable, que foi quen de aprobar os orzamentos para 2013 en tempo record nada máis tomar posesión, estaba a opción de que outros partidos se aliaran contra o PP no Goberno.

Desa maneira, agora andarían a negociar con quen vai cada un ás eleccións europeas na Sala de Conseda Xunta, en lugar de facelo desde as súas sedes.

Pero os populares non perden un minuto nese asunto porque, como destacou Feijóo, a súa coalición é pública e todo o mundo a coñece e é tan clara que figura no seu nome: o Partido Popular de Galicia. De Galicia e para Galicia. Non hai máis pactos que o que asinan cada día con esta terra. 

Para o dirixente popular, o resultado electoral do pasado ano tamén deixou a mensaxe de que a vontade dos galegos é que se afronte esta crise coa unidade que ofrecía o PPdeG. Nesta liña, Feijóo apuntou que os populares lograron esa unidade de acción na Xunta pero admitiu tamén que iso non é facil ante quen adopta unha pose revolucionaria e ofrece constantemente insultos e descualificacións. 

E tampouco é doado ante quen soamente quere escoitar as opinións minoritarias, e despreza o criterio da maioría dos galegos. Por outra banda, Feijóo fixo fincapé en que esta semana houbo un bo exemplo co que ilustrar o que debe ser a política responsable, que deixa á marxe calquera diferenza para unir unha única vontade que é a de sacar a Galicia adiante. 

Así se refería o presidente do PPdeG á Conferencia de Presidentes que celebrou xunto con Xerardo Fernández Albor, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. Catro persoas que non teñen entre as súas coincidencias a militancia nun mesmo partido pero si a inmensa honra de ter ostentado o cargo de presidente da Xunta reuníronse para falar do futuro de Galicia. 

Para Feijóo, é en momentos de grandes dificultades coma este cando a grandeza dos políticos ten que estar á altura da grandeza das persoas para as que traballa e os ex presidentes deron unha lección de xenerosidade en beneficio de Galicia. 

Neste senso, o líder do PPdeG agarda que ese exemplo cunda en todas as forzas políticas do arco parlamentario galego. Nesta reunión tivemos a oportunidade de escoitar ademáis dos presidentes provincias, a ministra de Fomento, Ana Pastor, que explicou as liñas básicas dos Orzamentos Xerais do Estado para 2014, e a sua repercusión en Galicia. 

Todos os asistentes felicitaron a ministra polo compromiso amosado coa nosa Comunidade.

http://www.youtube.com/watch?v=ogJiLmMk_jc&app=desktop

Si desexa comentar esta entrada, pode escribir un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta. Grazas.