Hoxe estiven en
Santiago de Compostela e desde a tribuna do Parlamento de Galicia puiden
escoitar a intervención inicial do Presidente da Xunta de Galicia
durante o Debate do Estado da Autonomía.
Alberto Núñez Feijóo mantivo o obxectivo de que Galicia
poida saír da crise económica blindando a atención aos que máis o precisan e
mellorando os servizos públicos respecto da época de bonanza. De feito, ao
longo do seu discurso formulou diversas medidas de impulso social como a
exención do pagamento en escolas infantís públicas para as familias con menos
de 30.000 euros a partir do segundo fillo ou a elaboración dunha Lei de control
da calidade dos servizos públicos.
Do mesmo xeito, tamén defendeu que Galicia encare a
recuperación facendo compatible o crecemento económico e o compromiso co
patrimonio natural. Concretamente, apostou por blindar o liderado ambiental de
Galicia con propostas como a creación dun canon mineiro, a diminución do
Imposto de Transmisións Patrimoniais para todas as enerxías renovables ou con
plans de impulso especial para os sectores eólico e da biomasa.
Para estas e outras medidas de futuro, o presidente da
Xunta solicitou vontade de consenso aos grupos parlamentarios e abriu ao
diálogo todos os asuntos de interese para Galicia co obxectivo de que se poida
colaborar en algo. Nese sentido, propuxo trasladar á Cámara o espírito de
Angrois que se puxo de manifesto tras o accidente de tren do pasado 24 de
xullo, convencido de que a mensaxe foi clara. “O diálogo é posible, o
entendemento non supón renuncia ás propias conviccións, senón un esforzo por
facer que conflúan no substancial”, explicou.
No tocante á primeira iniciativa, Feijóo precisou que
esta rebaixa do tramo autonómico do IRPF será para todos os que teñan unha base
liquidable ata 17.700 euros, de xeito que o tipo dese gravame pasará do 12 ao
11,5%. Beneficiará a 7 de cada 10 galegos e, deste xeito, Galicia será a
comunidade, xunto con Estremadura, co IRPF máis baixo para este colectivo.
Oito de cada
dez euros dos orzamentos para gasto social:
Logo de avanzar que os orzamentos do vindeiro ano destinarán aos servizos públicos practicamente 8 de cada 10 euros, máis que nunca na historia da Autonomía; Feijóo recordou o incremento en máis do 50% o orzamento para os perceptores da RISGA; o aumento nun 13% das partidas destinadas ás entidades de iniciativa social; e fixo fincapé en que Galicia é a primeira comunidade en poñer en marcha un protocolo de colaboración cos xuíces para tentar evitar os desafiuzamentos primeiro; e, en todo caso, para ofrecerlles asesoramento e vivenda cando a execución hipotecaria se consuma, aos afectados.
No eido da discapacidade destacou: o Plan de Discapacidade,
executado a un 90%, a nova Lei de Accesibilidade, en elaboración, e o
incremento nun 40% das prazas públicas de residencias, centros de día e de
alzhéimer. E, sobre as vítimas da violencia de xénero, anunciou a posta en
marcha, en xaneiro do vindeiro ano, do Centro de Recuperación Integral para
Mulleres vítimas de violencia de xénero, que converterá a Galicia na segunda
comunidade cun centro destas características.
Feijóo garantiu tamén o apoio a aquelas persoas que teñen
máis dificultades no acceso a unha vivenda, co compromiso de volver rebaixar o
vindeiro ano a orde de prezos de referencia, que xa conseguiu diminuír o
imposto do IBI e o imposto de Transmisións Patrimoniais cunha baixada media dun
20% nos concellos máis dinámicos (que son o 80% do total).
Así mesmo, reiterou a necesidade de blindar a
sustentabilidade da Sanidade Pública porque ese é o camiño para poder incluír
melloras como un novo Plan contra a obesidade infantil ou continuando as seis
infraestruturas hospitalarias en marcha: ampliación do hospital público da
Coruña –rematarase este ano-; ampliación do hospital público de Ourense
–rematarase o proceso de adxudicación este ano-; ampliación do hospital público
do Salnés –antes de que remate o ano estará entregado o proxecto-; ampliación
do hospital da Mariña –no vindeiro mes estará adxudicada a redacción do Plan
Director-; novo hospital Público de Pontevedra – iniciando o plan de
viabilidade-; e o novo hospital público metropolitano de Vigo –en plena
execución con tres quendas de traballo-.
Despois de impulsar unha Lei que blinde os tempos de
espera máxima na Sanidade Pública; Feijóo adiantou, na súa intervención, unha
Lei de control de calidade dos Servizos Públicos para que, por primeira vez, os
galegos poidan contar cun seguro que fixe dereitos no ámbito do benestar de
forma clara e obxectiva.
O presidente do Goberno galego destacou a aposta firme
por unha Educación pública mellor e máis accesible: “E hoxe as universidades
teñen as taxas máis baixas de España e ampliamos as bolsas este curso; e a
Formación Profesional conta cun 38% máis de prazas que en 2009. Na Educación
Primaria e Secundaria, pese á crise, non renunciamos a incrementar o acceso ás
tecnoloxías -49.000 estudantes beneficiados-; á aprendizaxe de idiomas –máis de
72.000 alumnos no presente curso reciben as clases en tres linguas-; ou á rede
transporte escolar público e gratuíto máis grande de España”.
Na Educación Infantil, para nenos de 0 a 3 anos, ademais
da creación de máis de 3.000 prazas públicas (un 50% máis que en época de
bonanza); Feijóo anunciou a aprobación dunha nova rebaixa no pago das garderías
públicas, eximindo do pago a partir do segundo fillo para familias con rendas
menores a 30.000 euros.
Un compromiso que se une, a outras medidas xa anunciadas
como a de elevar ata os 360 euros o incentivo fiscal para familias con fillos
menores de tres anos e que se contemplará xa nos orzamentos que se presentarán
o venres para empezar a aplicarse no vindeiro ano.
Por outra banda, e na busca da mellora do servizo público
que presta a Xustiza, referiuse ao Plan de Infraestruturas Xudiciais, executado
en máis dun 50%; “e reforzamos alí onde haxa máis carga de traballo, como
fixemos reforzando o xulgado encargado da instrución do accidente de Angrois ou
reforzando os xulgados da Coruña e de Vigo para poder atender as necesidades
dos afectados polas preferentes”.
Galicia, aval
da recuperación:
O titular do Goberno autonómico resaltou que os galegos contan coa mellor materia prima para poder saír da crise, que é Galicia, coa súa riqueza natural, co seu patrimonio cultural ou coa súa posición privilexiada en sectores estratéxicos. Referiuse así, por exemplo, á capacidade do país para atraer cada vez máis turistas, o que quedou de manifesto o pasado verán, cun incremento de visitantes respecto ao ano anterior do 12,2%, o maior aumento desde 2004, que representa, ademais, o mellor balance turístico de toda España.
E puxo especial énfase nas virtudes dos produtos propios
de Galicia que “se distinguen e seducen o mundo”, e, tras apuntar que aí reside
unha das nosas maiores fortalezas, avanzou que o vindeiro ano se porá en marcha
un plan de relanzamento da marca Galicia Calidade, “para que sexa o selo galego
que distinga os produtos e os servizos galegos como garantía dunha calidade diferenciada”.
Nese sentido, apuntou que esa medida terá como efecto interno potenciar o
consumo de produtos galegos e, ao mesmo tempo, será “un pasaporte” que facilite
a entrada dos mesmos en novos mercados.
A Xunta, coas
empresas viables:
Feijóo chamou a atención sobre a aposta da Xunta por apoiar “a todos os que contribúen a diario a que a nosa economía recupere a vitalidade”, e, nese sentido, destacou as axudas concedidas a empresas fortes que atravesaban momentos de dificultade financeira. Así, referiuse aos 90 millóns dedicados ao sector da automoción nos últimos catro anos; ao sector do transporte de mercadorías e de viaxeiros, que se deixou exento da homologación do céntimo sanitario co resto de España; aos 125 millóns de euros en axudas ao comercio, do que adiantou que contará cunha nova liña de subvencións para fomentar a remuda xeracional nos establecementos; e ás pemes, como principais beneficiarias dunha liña de apoios para incrementar a súa competitividade que mobilizou o pasado ano, máis de 100 millóns de euros.
Sobre o naval dixo o titular da Xunta que este sector
ocupa “o primeiro plano das preocupacións” do Goberno galego o que motivou unha
inxección de axudas de 80 millóns, así como o empeño en solucionar o problema
do ‘tax-lease’, hoxe xa superado. E, logo de apuntar que lle gustaría que
Navantia intensificase a busca de carga de traballo para os estaleiros de
Ferrol, manifestou a súa confianza na execución dos contratos de construción de
dous floteis para Pemex.
Apoio ao
emprendedor:
O presidente galego afirmou que o Executivo autonómico quere consolidar a tendencia emprendedora rexistrada en Galicia nos últimos tempos e nesa liña situou a Lei do Emprendedor e da Economía Competitiva de Galicia, que incide, nunha banda na necesidade de eliminar trámites e, doutra banda, achega facilidades de financiamento.
Sobre o primeiro punto, destacou a eliminación da
necesidade de licencias municipais para abrir un negocio e avanzou que o
vindeiro mes de novembro se porá en marcha a Unidade Galicia Emprende, co
compromiso de que avalíe a viabilidade dos proxectos nun mes. Ademais, anunciou
que se inclúen no proceso emendas como a posibilidade de apertura automática,
para poder abrir un negocio sen esperar 15 días desde que se presenta a
comunicación previa; ou a creación de Entidades Certificadoras de Conformidade
Municipal, “para que o emprendedor delegue nelas a tramitación posterior e a
responsabilidade de toda a papelame”.
En relación co financiamento, ademais de seguir apostando
pola estratexia de venda de solo industrial, que abarata as parcelas unha media
dun 20% que pode chegar ao 50% en casos excepcionais; e ademais de aprobar
antes de que remate o ano o Plan Sectorial de Áreas Empresariais para
planificar máis de 52 millóns de metros cadrados de solo industrial en 121
posibles emprazamentos, Feijóo destacou que o vindeiro ano a Lei porá ao redor
de 500 millóns de euros entre recursos públicos e privados a disposición de
todos os que inicien un proxecto económico. E remarcou que todos eles se
beneficiarán dunha batería de catro bonificacións fiscais en IRPF, no Imposto
de Patrimonio, no Imposto de Sucesións e Doazóns e no Imposto de Actos
Xurídicos Documentados con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2013.
Rematar 2013
con menos paro:
No seu discurso, o titular do Executivo galego sinalou que a Xunta traballa
pensando sempre nas 260.733 persoas sen emprego, polo que impulsa medidas que
impulsen a contratación, de xeito que, logo de crear a pasada lexislatura por
primeira vez unha axuda para a contratación do primeiro traballador por parte
dun autónomo, na actual volve a ser pioneira ao ser unha das primeiras
comunidades que financian a contratación indefinida do segundo e do terceiro
traballador.
Na mesma liña avanzou novas medidas de fomento do emprego,
como a aprobación da Lei de Economía Social para fomentar e regular o
cooperativismo, ou como a creación dunha carteira de servizos de emprego para
reforzar o papel intermediario das oficinas de emprego.
O presidente galego sinalou que comezar a reducir o paro é xa un reto
alcanzable para Galicia porque, se ben se mantén a previsión de non poder crear
emprego neto ata 2015, prevé que 2013 sexa o primeiro ano da crise que remate
con menos paro rexistrado que co que comezou e 2014 será o primeiro en que os
orzamentos inclúan a previsión de que a taxa de paro se reduza e a economía
volva crecer.
Canon mineiro
para conservar o liderado ambiental:
O titular da Xunta expuxo a necesidade de impulsar sectores da economía vinculados á súa riqueza natural dun xeito respectuoso con esta. Así salientou que a minería representa “unha oportunidade para Galicia” e que a Xunta apoiará a todos os que queiran investir na Comunidade sempre que o fagan co suficiente compromiso ambiental e económico co país. E nese marco, sinalou que o Goberno galego “non vai autorizar o proxecto da mina de Corcoesto ao entender que non acredita o cumprimento de todos os requisitos técnicos e económicos establecidos na lexislación vixente”.
Ademais, avanzou a creación dun canon mineiro destinado a “blindar o liderado ambiental de Galicia tamén neste eido”, dun xeito similar ao do sector eólico que permitiu recadar 100 millóns de euros.
O presidente autonómico sinalou tamén o interese da Xunta
por impulsar as enerxías renovables como unha posibilidade real de crecemento
económico compatible coa preservación do patrimonio natural. Con ese obxectivo,
anunciou que nos Orzamentos da Xunta para 2014 se incluirá unha rebaixa no
Imposto de Transmisións Patrimoniais para todos os proxectos que se leven a
cabo nese eido, mediante unha bonificación do 92% sobre a cota (desde o 4% ata
o 0,3%).
Será dixo, unha medida que beneficiará a todas as
enerxías renovables, dentro dunha “aposta reforzada” por dúas delas: a eólica e
a biomasa. En relación co primeiro deles anunciou un paquete de medidas
destinado a potencialo no actual contexto de dificultades para o sector, con
iniciativas como o Plan Sectorial Eólico de Galicia ou a duplicación da
bonificación fiscal para os promotores eólicos que aposten pola modernización
dos parques e a redución do seu impacto, así como a modificación do decreto de
repotenciación para axilizar ao máximo a tramitación administrativa destes
investimentos. E, ademais, comprometeuse a axilizar os trámites administrativos
e os prazos para a execución dos parques eólicos.
En relación coa reforma eléctrica, Feijóo sinalou que a
Xunta vén de abrir a Comisión Bilateral co Goberno central para solicitarlle “a
súa modificación” por entender que é prexudicial para o desenvolvemento dos
intereses galegos.
Sobre o sector da biomasa, o mandatario galego avanzou
que se intensificará o seu uso práctico como combustible, de tal xeito que, por
exemplo, os proxectos innovadores relacionados con esta materia serán
prioritarios á hora de captar subvencións. Nesa liña situou tamén a primeira
orde de axudas, dotada con 10 millóns de euros para a implantación de equipos
de biomasa térmica, co obxectivo de que cada ano se valoricen 18.000 toneladas
de biomasa galega, tendo en conta que a Xunta iniciará un proceso de maior
consumo de biomasa nos seus edificios.
Poñer en valor
o territorio:
Na súa comparecencia ante a Cámara, Alberto Núñez Feijóo sinalou a necesidade
de acometer unha planificación forestal para poñer en valor o territorio e
facer de Galicia “unha das potencias europeas” nesta industria. Para iso avogou
por mellorar a estrutura atomizada da propiedade e por combater o estado de
abandono das parcelas, e nese sentido, anunciou que a Lei de mellora da
estrutura territorial agraria recollerá a posibilidade de incluír de oficio no
Banco de Terras aqueles terreos que estean manifestamente abandonados, “sempre
con comunicación previa ao propietario, outorgándolle un prazo razoable para a
súa explotación e sen perder nunca a propiedade”.
Segundo dixo, a política agraria é un campo que esixe, como o resto dos sectores, dunha planificación, porque “Galicia precisa emprego, crecemento e riqueza para hoxe e para mañá”.
Segundo dixo, a política agraria é un campo que esixe, como o resto dos sectores, dunha planificación, porque “Galicia precisa emprego, crecemento e riqueza para hoxe e para mañá”.
Ademais comunicou que se tomarán medidas na loita contra
os lumes, redobrando esforzos para perseguir os incendiarios “porque Galicia
non arde, a Galicia quéimana”. Por ese motivo anunciou que antes de que remate
o verán se aprobará unha reforma da Lei de incendios que dote a Policía
Autonómica “da potestade suficiente para multar no acto a un incendiario e que
se inicie, sen máis trámites, un proceso sancionador contra el”. Neste campo, o
presidente da Xunta pediulles aos grupos da Cámara “claridade” porque, dixo,
“penso que sería un acerto de todos que non lles quedase ningunha dúbida aos
incendiarios que, ante os lumes, os adversarios son eles”.
Feijóo salientou que Galicia foi capaz de dotarse en
poucos anos dos tres instrumentos necesarios para superar unha materia pendente
desde había décadas: ordenar racionalmente a nosa terra. E, nesta liña, Feijóo
subliñou que desde hai máis de dous anos están en vigor as Directrices de
Ordenación do Territorio; “fomos capaces de deseñar tamén o Plan do Litoral; e hai
menos dunha semana presentamos un anteproxecto de Lei do Solo, que remitiremos
nos próximos días aos grupos parlamentarios para que todos fagan as súas
achegas e poidamos aprobar unha normativa con vocación de permanencia e con
vocación de consenso”.
Blindar un
resultado para cada euro que se inviste:
O presidente da Xunta lembrou que Galicia é unha comunidade que desde sempre comprendeu que o aforro é sinónimo de responsabilidade. E, neste sentido, garantiu que o Goberno galego seguirá “polo camiño que nos marcan os galegos”, aplicando á xestión pública esa mesma receita da prudencia cidadá.
Nesta liña aseverou que modernizar a Xunta significa
tamén a certeza de eficiencia e aforros para os vindeiros anos e, con ese
obxectivo, subliñou que xa está no Parlamento a Lei de Racionalización do
Sector Público, que consolida plans periódicos de reestruturación, a obriga
previa de fiscalización para crear novos entes, a limitación de consultarías ou
a contratación centralizada.
Así mesmo, afirmou que o Goberno galego seguirá o camiño
marcado coa terceira fase de redución da Administración paralela, na que xa se
eliminaron 57 organismos cun aforro acumulado de case 41 millóns de euros; cun
novo Decreto para a regulación do parque móbil e poder sumar así novos aforros
aos case 6 millóns de euros que xa consolidamos por lexislatura; e coa segunda
fase do Plan de redución de alugueiros, que xa permitiu reducir nun 25% esta
partida e coa previsión de sumar outro 20% de aforro no vindeiro ano 2014.
Feijóo salientou, tamén, que a Xunta seguirá apostando
pola contratación centralizada en todos os ámbitos posibles, como se fixo cos
contratos de subministro de produtos sanitarios, de telefonía, de seguridade ou
de limpeza. Nesta liña, avanzou que proximamente se completará o proceso de
unificar por primeira vez nun só contrato a subministración de enerxía
eléctrica da Xunta cun aforro dun 13%, é dicir 12 millóns de euros nunha
lexislatura; e se licitará un novo concurso de telecomunicacións, que incluirá
case 1.500 centros que non estaban integrados na rede corporativa da Xunta e
coa que se logrará un aforro de polo menos 10 millóns de euros en tres anos.
Feijóo adiantou, ademais, que a comunidade seguirá a
controlar as contas públicas, volvendo cumprir o déficit marcado no 1,2% do PIB
para este 2013 e no 1% para o vindeiro 2014. E ademais de blindar por lei a
Disciplina Presupostaria, como se fixo de xeito pioneiro, anunciou que no
vindeiro período de sesións remitirase á Cámara autonómica unha Lei que blinde
a rendibilidade dos fondos públicos, é dicir, “que esixa e garanta un resultado
concreto para cada euro que investimos”.
“Xa ninguén cuestiona que en cada exercicio se examine
con antelación de cantos recursos públicos podemos dispor. Pois ben, penso que
fai falta ademais que se avalíe constantemente tamén como e para que se
gastan”, aseverou. O obxectivo é esquivar completamente a posibilidade de que
os recursos se invistan por inercia ou por efecto arrastre dun ano para outro,
senón sobre a base dunha constante análise de oportunidades: oportunidades que
sexan cuantificables e oportunidades que sexan innovadoras.
Unha Galicia
innovadora, aberta e conectada:
O titular da Xunta aseverou que o Goberno galego seguirá a traballar no despregamento dunha rede de infraestruturas de transporte e de comunicacións que funcione como estrutura que dá soporte ao crecemento. De igual xeito que seguirá a aposta inequívoca pola innovación e a internacionalización.
Logo de acadar que o 75% dos galegos estea a menos de 15
minutos dunha vía de alta capacidade, Feijóo afirmou que estamos no camiño de
completar a porcentaxe, coa posta en servizo, entre este ano e o que vén, de
máis de 60 quilómetros de altas prestacións; e o avance en infraestruturas tan
agardadas como a Autovía do Morrazo, a Variante de Noia, que entrará en servizo
o próximo verán, e o tramo Tomiño-A Guarda da estrada que unirá este último
concello con Tui.
Ademais da posta en marcha do Transporte Metropolitano xa
nas áreas de Lugo, A Coruña, Santiago e Ferrol; Feijóo resaltou o compromiso do
Goberno de España reflectido, por exemplo, na posta en servizo neste 2013 de
todo o percorrido galego da Autovía do Cantábrico e no AVE galego, a través dos
orzamentos do Estado.
Feijóo subliñou tamén o esforzo por dar resposta a miles
de galegos que precisaban acceso ás novas tecnoloxías en igualdade de
condicións coas zonas máis desenvolvidas de Galicia, de xeito que a finais de
2013 o 97% da poboación terá acceso a ela por vía terrestre.
No eido da innovación, lembrou o esforzo sen precedentes
realizado ata o de agora, tanto no eido normativo –Lei de innovación e Axencia
de innovación- como, sobre todo, incrementando os recursos (só en 2013 se
destinou un investimento superior aos 150 millóns de euros). E avanzou a posta
en marcha en 2014 dun programa para a retención e captación de científicos de
alto nivel, co obxectivo de ofrecer un contrato estable a aqueles
investigadores que teñen sido recoñecidos a nivel europeo ou captado
financiamento internacional “e aos que debemos garantir igualdade de condicións
en Galicia que as que reciben de fóra”.
O presidente autonómico confirmou tamén a aprobación no
mes de novembro no Consello da Xunta da Estratexia de Especialización
Intelixente RIS 3 que asentará precisamente na innovación cinco eidos prioritarios
nos que Galicia quere investir os fondos europeos para o período 2014-2020: no
eido da sanidade, da agricultura e da pesca, con especial énfase na acuicultura
e na biotecnoloxía; no campo do medio ambiente, do turismo e da enerxía; na
tecnoloxía, especialmente orientada a mellorar a eficiencia da administración,
a abaratar os custos de funcionamento; e no eido da innovación orientada ás
empresas.
No tocante ao eixo da internacionalización, Feijóo
resaltou que hoxe, a Xunta destina un 254% máis de presuposto ás políticas de
internacionalización, o que ten permitido que a balanza comercial galega sexa
unha das máis positivas de España e, durante o primeiro semestre do ano, as
exportacións galegas medraron un 15,7%.
Co obxectivo de intensificar esta política nos próximos
anos, traballarase en dous eidos: incrementando os esforzos na captación de
investimentos estranxeiros cara Galicia; e coa aspiración de converter a
Galicia na Plataforma Loxística do sur de Europa. “O futuro portuario da nosa
comunidade ábrenos unha oportunidade que non podemos desaproveitar. Comprobar a
envergadura do Porto Exterior de Punta Langosteira, as posibilidades da
Terminal de Contedores de Ferrol, a capacidade do Porto de Vigo xunto con
Vilagarcía e Marín, malia todas as dificultades, perfila Galicia como un
enclave estratéxico e base de operacións para aquelas empresas que queiran
introducirse en Europa”.
Cooperación, esforzo, visión de futuro, responsabilidade.
Un acordo coa Galicia real:
Se a crise evidenciou a cooperación como a mellor fórmula para poder prestar os servizos públicos máis básicos e consolidados; Feijóo concluíu a súa intervención no Debate do Estado da Autonomía facendo un chamamento ao diálogo e a cooperación en todos os eidos e a todos os niveis. E, nesta liña, propuxo trasladar á Cámara o espírito de Angrois que se puxo de manifesto tras o sinistro de tren o pasado 24 de xullo.
“Cooperación, esforzo, solidariedade, visión de futuro e
responsabilidade, son os principios reitores do plan de Goberno que veño de exporlles.
E son tamén os principios que deben guiar o noso proceder como representantes
públicos”, sentenciou.
O presidente da Xunta aseverou que os galegos reclaman e
merecen unha política na que poidan verse reflectidos. “E o rancor tampouco é
galego. O rancor permanente leva a algúns a comprender e a mesmo xustificar
actos terroristas completamente alleos á nosa natureza”, dixo, logo de lamentar
profundamente que haxa quen se sinta máis preto dos que practican a violencia
que de presidentes ou gobernos democráticos.
Ao fío disto, amosouse satisfeito de que, non obstante,
esas condutas teñan escaso eco entre os galegos e pediu reflexión e mesura:
“Non pretendo un acordo co Goberno, senón un acordo coa Galicia real. Sei que
esa galeguidade serena non é exclusiva de ningunha ideoloxía, partido ou
pensamento, senón común a todos eles. Señorías, discutamos como galegos,
discrepemos como galegos e acordemos, si é posible, como galegos”.
Así mesmo, afirmou que lonxe de formular unha serie de
posibilidades de pactos concretos que logo teñen unha escasa resposta
posterior, trasladou como única proposta para chegar a acordos: Galicia.
“Escollan aquilo no que se sintan máis cómodos. Aquilo no que crean que poden
ser máis útiles. Pero o que si lles pido é que colaboren en algo, que cooperen,
que xuntos poidamos servir ás galegas e aos galegos. Xuntos”, aseverou.
Non obstante, asegurou que Galicia debe seguir blindando
os servizos públicos e mellorándoos a pesar das dificultades: seguir
preservando a sustentabilidade da sanidade pública como piar do Estado do
Benestar; seguir apostando por reducir unha factura farmacéutica que acapara
1.000 dos 8.000 millóns dos Orzamentos da Comunidade, “o triplo do que gastamos
en universidades”; completar a ordenación do territorio; “e adecuar as
condicións do Parlamento, dentro das posibilidades que establece o Estatuto, á
realidade da rúa”.
O responsable autonómico fixo fincapé, deste xeito, en
que “negar por sistema a efectividade de todo o que Galicia fixo nos últimos
anos para afrontar a crise non supón levarlle a contraria á Xunta; implica
negar inxustamente os méritos dos galegos”.
Feijóo referiuse tamén á cooperación entre as
Administracións “e hoxe é normal o que parecía impensable, que todas as ordes
de axuda primen os proxectos de cooperación de municipios”.
Despois de anunciar que nas vindeiras semanas asinarase o
convenio para iniciar o desenvolvemento do Pacto Local da Auga; o responsable
do Executivo galego expresou a necesidade de estender a cooperación a outros
ámbitos pendentes, como no referido aos aeroportos. “Teñen á súa disposición
–dixo, en relación a este aspecto- a central de compras proposta pola Xunta, na
que estamos dispostos a investir 4 millóns de euros para atraer viaxeiros a
través da promoción de Galicia como destino”.
Feijóo incidiu en que as cidades e os concellos poden
contar coa Xunta en todo o que signifique colaborar e traballar conxunta e
coordinadamente en todos os eidos. E, a nivel estatal, afirmou que en Galicia a
idea autonómica vai intimamente ligada á solidariedade entre territorio e
desbotou facer seguidismo dos que se afanan en destruír o pacto constitucional.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta