Hoxe tivo lugar a aprobación no Consello da Xunta
do Proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.
En roda de prensa, o Presidente Alberto Núñez Feijóo
puxo de manifesto que se trata do presuposto menos restritivo desde que comezou
a crise, así como que por primeira vez as contas autonómicas prevén rematar o
vindeiro exercicio con crecemento económico, con redución dos niveis de
desemprego e dando continuidade á converxencia co resto de España.
Ao seu entender, isto é froito da política
rigorosa que se ven practicando desde os últimos cinco anos e, de feito,
contrapuxo a estabilidade dos presupostos para 2014, que se manteñen en niveis
moi similares aos do pasado ano, coas caídas de exercicios anteriores, que
chegou a alcanzar o 10 por cento en 2011. Consciente disto, a Xunta continuará
en 2014 coa aposta ininterrompida pola solvencia de Galicia, de xeito que
seguirá avanzando nunha maior eficiencia a través da contención do gasto
corrente e garantindo o cumprimento dos criterios de déficit, fixado no 1% o
vindeiro ano.
As contas do próximo ano afondan na política
fiscal practicada ao longo de toda a crise. Así, por un lado, increméntanse os
esforzos para detectar aos que non cumpren coas súas obrigas ao dar
continuidade ao Plan contra a Fraude Fiscal, que xa permitiu recadar arredor de
230 millóns de euros dende 2011 e que o vindeiro ano espera incrementar esa
cifra con 50 millóns de euros adicionais.
Por outra banda, continúase unha
política fiscal selectiva, que ten como obxectivo garantir a sustentabilidade
dos servizos públicos e promover unha maior competitividade das familias e dos
sectores produtivos.
Con este dobre obxectivo, o Goberno galego ten
decidido preservar ao transporte de mercadorías e viaxeiros, á pesca e á
gandería, e á calefacción das familias, da homologación do céntimo sanitario ao
resto de España, unha decisión encamiñada na súa totalidade a blindar o
presuposto para a Sanidade Pública.
Tamén reforza a aposta polas rebaixas de
impostos ao máximo posible para seguir sendo, como ata agora, a comunidade que
máis reduciu a presión fiscal aos cidadáns a pesar da crise económica con 23
rebaixas de impostos que supoñen 116 millóns de euros.
En materia fiscal o Goberno autonómico márcase
para o vindeiro exercicio o triple obxectivo de beneficiar aos que máis o necesitan,
incentivar os sectores produtivos da economía galega e reforzar o gasto social
na Comunidade.
Deste xeito, a Xunta aproba unha rebaixa do tramo
máis baixo do IRPF que beneficiará a sete de cada dez contribuíntes, achegará
máis progresividade e permitirá ter máis renda dispoñible aos que menos
ingresos teñen. Con esta medida, Galicia convertirase -xunto a Estremadura- na
comunidade autónoma co tramo de IRPF máis baixo para as bases liquidables de
ata 17.700 euros.
Ademais, o Goberno galego aumentará as deducións
para favorecer a natalidade e a conciliación familiar e laboral. Tamén
incentivará con deducións ao sector das enerxías renovables e facilitará o
relevo xeneracional nas empresas, elevando a un ano o período no que as persoas
doadoras de empresas individuais, negocios profesionais ou participación de
entidades deben deixar de exercer funcións de dirección, e a percepción de
remuneracións polo exercicio das devanditas funcións.
Crecemento
solidario:
O presidente subliñou a aposta dos presupostos
por facer posible un crecemento solidario apoiado en tres aspectos clave.
En
primeiro lugar, apoiando aos que máis o precisan e, por iso, malia as
restricións orzamentarias, crece o presuposto para a dependencia, para a Risga,
para axudas de emerxencia social e para comedores escolares. Así, o gasto en
dependencia superará os 278 millóns de euros, máis do dobre que en 2009.
En segundo lugar, blindando a todo risco as
prestacións públicas esenciais, ás que se destinarán en 2014 case o 80% do
total do orzamento. Deste xeito, desde 2009, auméntase en máis de 10 puntos o
peso dos recursos destinados aos servizos públicos, e séguese incrementando o
peso do gasto social que nunca foi máis amplo en Galicia.
En terceiro lugar, as contas autonómicas
encamíñanse a lograr un desenvolvemento común dos cidadáns e dos sectores
produtivos. Con este último obxectivo, reflicten o compromiso que a Xunta
adquiriu con todos aqueles que queiran investir en Galicia a través da Lei de
Emprendemento, co obxectivo de mobilizar máis de 50 millóns o vindeiro ano para
os emprendedores. Así mesmo, refórzase unha das principais novidades incluída
nos presupostos do pasado ano como foi a creación dun Fondo para o Crecemento.
De xeito concreto, increméntase a dotación cuantitativa
de forma importante, que ascende a 412 millóns de euros, un 7% máis que no
presente exercicio; pero cun aspecto cualitativo máis importante, porque supón
seguir priorizando as medidas que responden aos obxectivos do Plan Estratéxico
de Galicia, baseados na aposta polo desenvolvemento sostible, pola innovación e
pola internacionalización.
Presupostos
realistas:
Trátase, segundo Feijóo, de
poñer as condicións necesarias para que a economía galega siga tendo un
comportamento mellor que o conxunto de España, manteña tamén o diferencial
positivo respecto á taxa de paro nacional; e que logre por primeira vez ver
crecer a súa economía e ver reducido os niveis de desemprego.
Concellos e
universidades:
Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, incidiu en que por primeira vez desde que se iniciou a crise, Galicia recuperará taxas positivas de crecemento –un incremento do 0,8% do PIB autonómico, dúas décimas máis do previsto- e as compatibilizará cun descenso da taxa de desemprego, que se reducirá cinco décimas respecto ao estimado e baixará ata o 21,7%.
Así mesmo, Elena Muñoz fixo fincapé en que en
2014 o Goberno galego continuará co esforzo en áreas clave, como os concellos.
E, a Administración local recibirá, deste xeito, 113 millóns de euros a través
do Fondo de Cooperación Local.
“Mantemos o esforzo pese a que as disponibilidades de recursos da Xunta son menores”, aseverou, logo de destacar, tamén, o importante esforzo no financiamento das universidades, con 36,5 millóns de euros máis que en 2009.
“Mantemos o esforzo pese a que as disponibilidades de recursos da Xunta son menores”, aseverou, logo de destacar, tamén, o importante esforzo no financiamento das universidades, con 36,5 millóns de euros máis que en 2009.