martes, 3 de diciembre de 2013

Preguntando sobre os avances das obras do AVE a Galicia

Hoxe fixen unha pregunta oral na Comisión de Fomento do Congreso ao secretario xeral de Infraestructuras, Manuel Niño, sobre os avances logrados ao chegar ao ecuador desta Lexislatura en relación ao AVE a Galicia.

En resposta, Niño ratificou que o Ministerio de Fomento que dirixe Ana Pastor non baixa a garda e asegurou que cos investimentos que se están facendo “estase recuperando o tempo perdido polos Gobernos anteriores en relación ao AVE galego”.

O secretario xeral de Infraestructuras aclarou que a finais de 2011 o investimento realizado na liña entre Olmedo e Ourense era de tan só 483 millóns, polo que aínda faltaban por executar 5.631 millóns de euros para chegar aos 5.814 nos que se valora a liña. Fronte a isto, Manuel Niño explicou que entre 2012 e 2013 tense licitado obras por importe de 928 millóns e adxudicáronse investimentos por valor de 1.933 millóns.

Ademais, recordei que nos PGE do 2014 hai presupostados 876 millóns para esta liña, dos que 572,2 son para Galicia.

Destaquei que o AVE a Galicia é un proxecto de infraestructuras de extraordinario valor social e económico para todo o Estado, non só para unha ou outra CC.AA., e preguntei tamén sobre a situación do acceso do AVE á cidade de Ourense, recordando que o pasado día 19 de abril a Ministra de Fomento estivo de visita oficial na cidade e deixou absolutamente claro que se mantiña a variante exterior desde Taboadela ata Ourense e que o novo trazado entre Taboadela e Seixalbo, igual que o tramo entre Seixalbo e a cidade de Ourense, sería de dobre vía e en ancho UIC e daría solución tamén ás mercancías.

Na miña intervención destaquei o firme compromiso de Ana Pastor respecto de a dobre vía e subliñei que onte mesmo, en Medina do Campo, a ministra ratificou que a conexión de alta velocidade entre Madrid e Zamora estará operativa nos vindeiros meses e que a infraestructura será de dobre vía cando finalicen as actuacións.

Manuel Niño, na súa resposta ao, relatou que entre Olmedo e Lubián está moi avanzada a plataforma e que entre Olmedo e Pedralba da Pradería xa están adxudicados a montaxe de vía e as instalacións de enerxía mediante Contrato de Colaboración Público-Privada. 

Igualmente, sinalou que a plataforma no tramo Olmedo-Zamora está prácticamente terminada e que se iniciaron as obras da montaxe de vía. Ademais, explicou que entre Lubián e Taboadela os 19 tramos existentes están en obras e que agora se está traballando en resolver a licitación da electrificación do tramo entre Pedralba da Pradería e Ourense, así como nas instalacións de toda a liña.

Respecto ao acceso do AVE á cidade, Niño asegurou que se está traballando no trazado ao que se comprometeu a ministra na súa visita a Ourense o presente ano.


Rematei recoñecendo o esforzo do Ministerio de Fomento con Galicia e recordando que herdou graves desequilibrios económico-financeiros atopados en decembro de 2011, como unha débeda das empresas do Grupo Fomento de máis de 40.000 millóns (no caso do ADIF de 14.600 millóns).

Congratuleime de que nestes dous anos os feitos acrediten que o AVE a Galicia é unha aposta decidida do Goberno do PP, como se evidencia no investimento consignado nos PGE durante esta etapa.

Manuel Niño  finalizou a súa intervención asegurando que o Ministerio de Fomento está traballando, en definitiva, para que “tal e como anunciou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, o AVE chegue a Ourense en 2018”.




 Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
 Recibirá resposta