domingo, 26 de enero de 2014

Galicia manterá, en liñas xerais, as achegas que recibe da Política Agraria Común (PAC)

Nesta semana que remata tivemos a boa noticia de que Galicia manterá, en liñas xerais, as achegas que recibe da Política Agraria Común (PAC) no vindeiro período de vixencia 2014-2020.

Así o comunicou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, tras asistir en Madrid á Conferencia Sectorial de Agricultura e de Desenvolvemento Rural.

A conselleira nunha entrevista hoxe na Radio Galega, amosou a súa satisfacción sobre o reparto dos fondos da PAC, porque, indicou, “se conseguiu un traballo moi equilibrado para Galicia e para toda a agricultura en España”. 

Neste sentido, destacou o labor de investigación sobre a evolución da agricultura e a gandería realizado pola administración e lembrou que Galicia asistiu ás negociacións do reparto dos fondos da PAC “cun documento consensuado con todas as organizacións agrarias”.

Dentro das axudas directas ás explotacións –as do primeiro piar da PAC- se conseguiu cumprir o obxectivo da Xunta e das organizacións agrarias, que era que a maioría dos pagamentos acoplados -os ligados á produción- foran para o sector gandeiro. De feito, salientou que no reparto a nivel estatal se destinan aos sectores gandeiros un 12,08% do total das axudas.

Dentro das axudas acopladas, destacou o caso do sector lácteo español, ao que se destinan 93 millóns de euros anuais, o que supón un incremento de máis de 30 millóns de euros da asignación actual, que era de 57 millóns de euros. Neste caso lembrou que hai queixas e se está a dicir que Francia dá moitas máis axudas para o sector lácteo que España, pero “de momento ninguén deu datos”.

A titular de Medio Rural e Mar aclarou que isto non é así, pois Francia produce 126 millóns de toneladas de leite e ten para repartir en axudas 120 millóns de euros e España produce 6 millóns de toneladas de leite e ten para repartir en axudas 93 millóns de euros.

Neste apartado, Rosa Quintana tamén salientou “a valente decisión” de ligar por primeira vez na historia a percepción das axudas directas ao concepto de agricultor activo, aquel que como mínimo ten un 20% dos seus ingresos procedentes da agricultura. Isto tamén está consensuado coa maioría dos sindicatos a nivel nacional, lembrou. Tamén se define por primeira vez o que é unha finca en produción no que un dos requisitos das explotacións gandeiras e agrícolas é que estean dadas de alta nun rexistro.

En relación á desaparición das cotas lácteas en marzo de 2015, a conselleira sinalou que “queda moito traballo por facer” e que para iso é fundamental que o sector se organice mellor. “Temos que conseguir un sector forte e competitivo e ser quen de superar o minifundismo. Para iso é importante buscarlle un valor engadido aos nosos produtos e que ese valor quede nos nosos produtores”. Neste aspecto as organizacións profesionais agrarias poden axudar moito, engadiu.


nismo”.

No caso dos fondos asignados ao desenvolvemento rural, a conselleira sinalou que para o período 2014-2020 “dispoñemos de máis cartos que no período anterior” e destacou o seu convencemento de que Galicia acertará á hora de deseñar un novo Plan de Desenvolvemento Rural (PDR). Engadiu que a Xunta leva “máis de medio ano traballando no seu deseño”, que xa lle pasou o primeiro documento aos representantes do sector e que previsiblemente este novo PDR se presente no Consello da Xunta a finais de febreiro.


Segundo sinalou, a premisa básica deste plan é “desenvolver os sectores produtivos e xerar riqueza no rural”. Neste cometido teñen un papel importante os Grupos de Desenvolvemento Rural.