sábado, 11 de enero de 2014

Feijoo presenta a nova planificación

Salientar nesta semana o anuncio feito presidente Alberto Núñez Feijóo, dun calendario de actuacións para preparar a Galicia do 2020, coa previsión dun centenar de plans que dean un novo impulso social e económico e afonden na reforma da Administración. 

 Plans que, segundo sexan aprobados, serán expostos con medidas concretas, con obxectivos concretos e con tempos concretos. 
 
Feijóo destacou, ademais, que este calendario supón, tamén, asumir un triplo compromiso público ante os galegos: o compromiso de que eses programas e o desenvolvemento regulamentario das leis se faga substancialmente cos medios propios da Xunta. O compromiso de traballar en coordinación. E, en terceiro lugar, o compromiso de seguir traballando con planificación; concretar con antelación que se quere facer, como se quere facer e cando se vai facer.
 
Cohesión social, benestar e calidade de vida:
 
No eido da cohesión social, benestar e calidade de vida, Feijóo avanzou que en materia educativa, o ano que vén porase en marcha o Plan de convivencia escolar e un novo Plan do libro; mentres que no 2015, entrarán en funcionamento o II Plan de potenciación de linguas estranxeiras, o Plan de mellora das infraestruturas educativas e o Plan de mellora de éxito escolar, vinculado á lexislación estatal.
 
No tocante á Sanidade, subliñou a renovación tanto do Plan de prioridades sanitarias coma a nova Estratexia do SERGAS 2015-2020, e a entrada en vigor de tres importantes plans focalizados en patoloxías concretas como a Estratexia Galega de Atención á Cronicidade, o Plan Xermola de prevención da obesidade infantil e o Plan de acción anti VIH/SIDA, que se verán complementados no 2015 co novo Programa de prevención e control da Tuberculose.
 
Así mesmo, e para mellorar a xestión sanitaria, o ano que vén porase en marcha o programa director das TIC no eido sanitario, un Plan de inspección de centros, servizos e prestacións e un Plan corporativo de xestión integrada da calidade asistencial que fomente a cultura da seguridade clínica.
 
No eido do benestar serán aprobados no 2014 tres plans de vital importancia: o Plan galego de política familiar, a Estratexia galega de apoio ao menor e a Estratexia de inclusión social. E, para o ano 2015 presentarase o programa galego de acción voluntaria, a Estratexia Galega da Discapacidade e a Estratexia Galega de Envellecemento dende a Innovación.
 
Para completar este eixo, o ano que vén elaboraranse o Plan Integral de Apoio á Muller Embarazada, o Plan de modernización dos servizos de emerxencias, un novo Plan de Vivenda, un novo Plan integral de Emigración, un Plan da Cultura, outro de Dinamización Lingüística e o Plan Xeral de instalacións e equipamentos deportivos que vén requirido pola Lei do Deporte.
 
Dinamización económica, crecemento e emprego:
 
En relación ao eixo económico, Feijóo subliñou: o Plan Galicia Emprende; o Plan Galicia Internacional; o Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal; o Plan estratéxico da Xuventude para que o crecemento económico teña en conta á poboación moza; e o Plan da Marca Galicia Calidade, que facilite o relanzamento deste distintivo.
 
Tamén dentro deste eixo encádranse os Plans de actuación en materia de infraestruturas: as propiamente industriais como o Plan de impulso para a venda de solo empresarial xa aprobado ou o Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais. “Ademais, en 2014 actualizaremos o Plan Move e, no 2015, o Plan de Seguridade Viaria”, precisou o presidente autonómico.
 
Este eixo comprende tamén o plan integral do Turismo, o plan director da Industria, o plan estratéxico do Comercio, o plan estratéxico da Artesanía, o Plan Forestal de Galicia ou o Plan Director de Acuicultura.
 
No ano 2015 darase un impulso ás cooperativas coa aprobación dunha nova Estratexia Galega de Cooperativas, unha Estratexia de Responsabilidade Social Empresarial e a Estratexia de Seguridade e Saúde Laboral.
 
Economía do coñecemento:
 
No eido da economía do coñecemento, Feijóo referiuse ao Plan Director de Seguridade; ao Proxecto Alén, que será a continuación do Plan Abalar na introdución de novas tecnoloxías no sistema educativo; ao Plan de Inclusión Dixital destinado a aproveitar as aulas CeMIT para reducir a fenda dixital; e á activación don Plan TIC para a xestión e difusión no eido cultural, que achegue á rede os contidos dos nosos museos, arquivos e bibliotecas incrementando o coñecemento dispoñible a través de internet.
 
Aprobarase, tamén, o programa de actuación e retención de talento e o programa de formación e captación empresarial.
 
Finalmente, no 2015 presentarase a nova Axenda Dixital de Galicia; un novo Plan de Investigación, Innovación e Crecemento; e un novo programa de despregamento de redes ultrarrápidas de acceso a internet.
 
Sustentabilidade ambiental e equilibrio territorial:
 
No eido da sustentabilidade ambiental e equilibrio territorial, Feijóo adiantou que durante toda a lexislatura seguirán vixentes e actualizaranse os Plans Impulsa Lugo e Impulsa Ourense, así como os plans que afectan á Costa da Morte e a Ferrolterra. No mesmo sentido, presentarase un novo Programa de Desenvolvemento Rural e a renovación do Plan HURBE.
 
Tamén no eido territorial, ademais da Estratexia da Paisaxe vixente, aprobarase no 2014 un novo Plan Cartográfico. E, no tocante a planificación hidráulica, continuarase coa execución do Plan Auga de Abastecemento e aprobarase en 2015 un novo Plan de Saneamento e un novo Plan Hidrográfico Galicia-Costa.
 
“Hai tamén dous plans importantes no eido da sustentabilidade no transporte previstos para o ano 2014, como son o Plan de mobilidade alternativa e o Plan de aparcadoiros disuasorios. E, outro factor importante da sustentabilidade como é a xestión dos residuos conta xa cun Plan de xestión de residuos urbanos, que será actualizado este ano, así como cos recentemente aprobados Plan de continxencias por contaminación mariña, Plan de prevención de residuos industriais e Plan de prevención de residuos de construción e demolición”, engadiu Feijóo.
 
No referente á sustentabilidade enerxética, en 2014 aprobarase o Plan de acción integral da biomasa; proseguirase para completar o Plan de eficiencia enerxética dos centros hospitalarios; ofrecerase á administración local integrarse no plan de aforro e eficiencia enerxética da administración autonómica, e presentarase un novo plan de gasificación de Galicia.
 
Administración austera, eficiente e próxima ao cidadán:
 
Dentro do último eixo, Feijóo destacou dous plans en marcha cos obxectivos de racionalizar as estruturas administrativas e o corpus normativo: o III Plan de racionalización da Administración paralela e o Plan de simplificación lexislativa. E, subliñou que a comezos do ano que vén entrará en funcionamento o Plan Achega de axilización administrativa, que potenciará a redución de cargas e de tempos de tramitación.
 
Amais, aprobarase o Plan transversal de modernización da Administración pública; un Plan específico para a xestión susrtentable do posto de traballo TIC dirixido aos empregados público; e un Plan de mellora de contratación pública.
 
No eido da Xustiza, o titular do Goberno galego destacou a posta en marcha dun novo Plan SENDA, entre outros.
 
“E, tamén en 2014 comezaremos a desenvolver un Plan de Transparencia que nos permitará adaptar a nosa normativa e os nosos sistemas aos novos requirimentos da lei estatal. E, no 2015 presentaremos o Plan de Reordenación de Efectivos e o Plan de xestión da calidade nos servizos públicos”, dixo.
 
Feijóo incidiu en que destes cinco eixos de actuación derívanse 100 plans; 100 plans que condensan todo un programa de goberno e toda unha planificación de traballo para esta lexislatura.
 
Programa de desenvolvemento lexislativo da IX Lexislatura:
 
Logo da aprobación do Calendario Lexislativo para esta IX Lexislatura e da aprobación do Plan de Simplificación Lexislativa, Feijóo destacou que o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao acordo de seguimento e planificación do desenvolvemento lexislativo para incidir nun obxectivo: conseguir unha normativa renovada, máis ordenada, ben desenvolta e, polo tanto, cunha comprensión máis fácil para o os cidadáns.
 
“Temos dito que para dispoñer dun ordenamento xurídico completo, claro e operativo son claves tres aspectos: leis actualizadas, poucas, e que estean desenvolvidas de forma concreta. O primeiro obxectivo cumprímolo coa actividade lexislativa da Xunta na anterior lexislatura e coa prevista na actual, na que a prioridade está a ser actualizar textos lexislativos cunha antigüidade igual ou superior aos 10 anos. O segundo estámolo a cumprir a través do Plan de Simplificación Lexislativa, que pretende reducir nun 25% o ordenamento legal existente en Galicia, agrupando nun mesmo texto todas as disposicións legais relativas á mesma materia. E, agora, é o momento do terceiro reto: o desenvolvemento regulamentario de todas as normas legais aprobadas na última fase da anterior lexislatura e que aínda non o teñen e de todas as normas legais que aprobemos nesta lexislatural”.
 
O presidente da Xunta afirmou que o momento actual, no que preto dun terzo das normas previstas no calendario lexislativo foron xa aprobadas no Parlamento no primeiro ano da lexislatura e outras 7 se están a tramitar, é o axeitado para centrarse en completar o desenvolvemento regulamentario das leis aprobadas nestes anos anteriores.
 
“Hoxe en día temos aprobados no que se refire a regulamentos ou xa en plena tramitación os instrumentos que concretan a aplicación de varias leis: a Lei de aproveitamento eólico, a Lei de prevención do consumo de alcohol en menores e a Lei de racionalización do gasto farmacéutico. Temos a meirande parte do regulamento da Lei de augas, da Lei do deporte e da Lei do turismo. A metade dos desenvolvementos da Lei de comercio interior, e os primeiros decretos derivados das leis de bibliotecas, acción voluntaria, xuventude, montes e galeguidade. Todo isto ou ben xa está aprobado ou está na fase de tramitación que permitirá telo aprobado no primeiro trimestre de 2014”, precisou.
 
Así mesmo, ao longo do 2014 está previsto completar o desenvolvemento de leis como a de apoio á muller embarazada, da LOFAXGA, da Lei de disciplina orzamentaria, da Lei de política industrial, da Lei de patrimonio, da Lei de vivenda, da Lei do taxi, da Lei de fomento da innovación, da Lei de universidades ou da Lei de inclusión social. Así como continuar aprobando decretos reguladores das Leis do deporte, de galeguidade, de montes e do turismo. E iniciar os primeiros desenvolvementos da Lei de impulso ás infraestruturas de telecomunicacións. “No ano 2014, polo tanto, consumarase o groso do traballo de desenvolvemento lexislativo pendente”, afirmou.
 
No que se refire ao ano 2015, está previsto completar o desenvolvemento da Lei de augas, co regulamento marco do abastecemento no que se está a traballar coa FEGAMP, e tamén da Lei do comercio interior. Ademais, nese ano aprobarase toda a concreción regulamentaria das leis de apoio á familia, de mobilidade de terras, de acción voluntaria, de bibliotecas, de xuventude, de estradas e de caza. E pecharase, cos derradeiros decretos, o desenvolvemento das leis de turismo, deporte, montes e galeguidade.
 
Finalmente, no último ano da lexislatura, ano 2016, despois de ter aprobada a Lei de Asociacións de Consumidores que figura no noso Calendario Lexislativo, concretaranse os desenvolvementos da Lei de Protección ás persoas consumidoras.
 
Con este acordo validado hoxe no Consello, cómpre subliñar que tamén se decide introducir nas futuras Directrices de Técnica Normativa, que serán aprobadas neste ano 2014, a recomendación de incorporar en todas as leis unha disposición derradeira que concrete coa maior exactitude posible cales serán os desenvolvementos regulamentarios desa norma e os seus prazos de publicación.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.