Estiven hoxe, invitado pola
Deputación Provincial de Ourense, no Teatro Principal de Ourense onde tivo lugar a presentación
do Plan "Ourense é a provincia termal", nun acto que presidido polo
presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, e que contou coa
participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar Blanco.
Especialización, novos produtos, modernas
infraestruturas e promoción son as liñas estratéxicas do plan, orzamentado en
94 millóns de euros para situar á provincia de Ourense no mapa internacional do
termalismo.
Precisamente Manuel Baltar
referiuse ao plan afirmando que é o momento "de pasar das palabras aos
feitos, porque a nosa provincia foi, é e seguirá sendo un referente termal
internacional". Baltar dixo que no desenvolvemento do plan o
Inorde, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, ten un protagonismo
especial, "polo xa feito, polo aportado, e polo que fará para que sexa
unha realidade. Un organismo sobre o que pivotará a política provincial nesta
área estratéxica".
O presidente provincial
agradeceu no seu discurso a implicación da Xunta de Galicia no plan afirmando
que esta aposta conxunta, Deputación-Xunta, "é un eixo claro de
desenvolvemento de Ourense. Por ir da man neste "mar interior" que é
a nosa provincia, e por presentar hoxe este papel, que non debe quedar en papel
mollado, nunca mellor dito, senón polo que si hai que mollarse".
Baltar pediu ao presidente
da Xunta que defenda "con toda contundencia" o plan no novo escenario
de fondos comunitarios 2014-2020, para que recibamos os orzamentos necesarios
para impulsar como nunca esta provincia e dotarnos dunha personalidade que
sempre tivemos pero que agora nos situará na vangarda do benestar, do relax e
da saúde. Unha provincia para desconectar e para a que pido prioridade
absoluta".
Pola súa banda, Mario
Crecente, responsable técnico da consultora que desenvolveu o plan, explicou
que as liñas de actuación baséanse en definir novos produtos termais, como as
concesións ao aire libre, para o que se fai necesario establecer unha norma
baseada nestes centros de benestar. Tamén falou duna "especialización
intelixente do termalismo", e da necesidade de "traballar buscando a
diferenciación e a evolución e modernidade do termalismo".
Crecente explicou que hai
que aproveitar e coordinar todas as infraestruturas balnearias da provincia de
Ourense e crear un "termalismo corporativo que permita realizar unha
axeitada xestión de todos os recursos termais". Cultura, investigación,
valorizar o patrimonio e promocionar axeitadamente o ámbito termal son tamén,
en opinión do técnico, "eidos nos que hai que afondar para que a marca
"Ourense" e "Termal" vaian da man, se poda comercializar e
chegue a todos os mercados, de ámbito nacional e internacional". A elo
engadiu aspectos que son necesarios potenciar como a cosmética termal e o
sector textil adaptado ao termalismo, "como trazas de identidade que nos
poden diferenciar, aproveitando ademais as infraestruturas ferroviarias para
atraer máis turismo en menos tempo".
Pechou o acto o presidente da
Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que salientou que o plan Ourense, provincia termal,
recolle case un centenar de propostas concretas asentadas sobre cinco eixes de
actuación cos que, “desde Ourense, aspiramos a manter e reforzar o noso
liderado termal”. “Somos conscientes de que na riqueza termal radica unha das
nosas principais fortalezas turísticas”, engadiu Feijóo subliñando que o
termalismo tamén representa “unha grande oportunidade para prolongar o reclamo
turístico de Galicia máis alá do verán, do Nadal ou da Semana Santa”, como
ocorre, por exemplo, co Camiño de Santiago.
Na súa intervención, o presidente
da Xunta explicou que Ourense, provincia termal actúa sobre cinco eidos
estratéxicos: lograr unha mellor organización; mellores infraestruturas; o
deseño de novos produtos termais; un maior coñecemento da riqueza termal da
nosa terra; e tamén unha mellor promoción deste recurso turístico.
“Seremos capaces de manter e
reforzar o noso liderado se nos organizamos mellor”, argumentou Feijóo,
incidindo en que, con ese propósito “asumimos o compromiso de manter unha
lexislación actualizada permanentemente e de seguir sendo pioneiros no
desenvolvemento normativo deste sector”; e o compromiso “de blindar a xestión
integrada”, conscientes, dixo, “de que a cooperación entre os axentes privados
e as administracións públicas multiplica as nosas posibilidades”.
“Seremos capaces de manter e
reforzar o noso liderado se perseveramos no camiño de ter as mellores
infraestruturas posibles”, engadiu, lembrando que a diversificación e os extraordinarios
emprazamentos dos establecementos termais galegos teñen moito que ver coa
fidelidade dos usuarios. Por iso, indicou, “debemos continuar por esta liña”,
como así o farán proxectos previstos como a piscina flotante termal de Laias, a
Viña Termal de Berán ou Ecocaldas.
Como terceiro eixo estratéxico
para manter e reforzar este liderado o plan recolle o deseño de novos produtos
termais, capaces de garantir unha oferta apta para todos os gustos, para todas
as idades e para todos os petos. A este respecto, o titular da Xunta sinalou
que existen algunhas ideas a curto prazo (como o programa A auga coida de ti,
con propostas como o termalismo corporativo para empresas ou a Semana do
tratamento personalizado; A auga divírtete, onde se encadran iniciativas como o
Entroido Termal; A auga é patrimonio, con proxectos como Ourense Termal ou
Enohidroturismo na Ribeira Sacra; A auga fonte de vida, onde se sitúan ideas
como o Descanso termal peregrino ou o Camiño da Prata termal; ou Galicia baixo
a chuvia, onde se impulsan propostas como o Inverno termal ou a Primeira pel,
segunda pel), ademais doutras propostas de creación de produtos a desenvolver a
medio e longo prazo (Auga de lecer: Miño termal ou Auga de pensar: estadías de
meditación).
O cuarto eixe apóiase no
principio de que “debemos coñecer cada vez máis a riqueza termal da que
dispoñemos porque ese é o camiño para innovar e avanzar”, subliñou Feijóo. A
este respecto considerou un “paso importante” a creación dunha cátedra de
Hidroloxía pero salientou que o plan presentado hoxe dá un paso máis ao xuntar
todas as vías de coñecemento termal arredor do Campus da Auga, que lle
permitirá a Ourense ser, ademais de referencia de explotación turística do
termalismo, centro de referencia científica neste eido.
O quinto piar no que se sustenta
o plan é a promoción termal, fundamentando a cooperación que permitiu a
xestación deste proxecto a todas as accións destinadas a darnos a coñecer. “Na
gran diversidade do mundo, temos que diferenciarnos e, por iso, a comercialización
do destino Ourense, provincia termal, vai ser a principal acción comercial que,
no ámbito do interior, vai desenvolver Galicia a partires de xa”, asegurou
Feijóo.
Na súa intervención, o xefe do Executivo autonómico incidiu en que o plan
presentado hoxe “pon ante nós a convición de que podemos estar entre os líderes
mundiais do termalismo”. “Debemos pretender ser líderes porque temos todo o
necesario para selo”, abundou, xa que “contamos, en primeiro lugar, cos usuarios”.
As máis de 931.000 pernoitas en 2013 demostran que, en poucos anos, o
termalismo ten deixado de ser unha proposta residual para converterse na busca
recorrente de turistas que asocian un balneario, un talaso ou un spa, a
descanso e benestar.
O segundo factor que sitúa
Galicia nunha posición privilexiada é a calidade. “Importa, por suposto, ter
unha oferta cuantitativa suficiente –contamos con case 6.000 prazas en
establecementos de turismo de saúde de Galicia-; pero tan importante coma iso é
que esa oferta teña a calidade necesaria e en Ourense e en Galicia haina”
enfatizou Feijóo, afirmando que así o demostra o feito de que a maioría dos
establecementos de balnearios galegos son de alta gama, representando os
aloxamentos de 4 e 5 estrelas o 67% da oferta total, ou como así o pon de
manifesto o feito de que Galicia sexa líder en certificacións Q de Calidade no
sector de balnearios (das empresas que teñen este distintivo en toda España
case unha de cada catro localízase en Galicia).
En terceiro lugar, agregou
Feijóo, “contamos cun sector que mantén intacta a inquietude para facer da nosa
relevancia termal un sector de éxito e que ademais ten afrontado un proceso de
agrupación a través do Clúster Termal”, que xa representa a máis de 50 socios
que empregan a case 5.000 persoas; un tecido que inclúe a propietarios de
balnearios, operadores, empresas de subministracións, universidades, médicos
hidrólogos, fisioterapeutas, en definitiva, en palabras de Feijóo, “convencidos
termalistas que apostan pola súa difusión e renovación constante”.
“O termalismo ten retos, ten posibilidades que traballar, pero penso que se
pode dicir que os piares que sosteñen o sector son xa suficientemente fortes
para afrontar novos desafíos”, sentenciou Feijóo, indicando que conta: “con
demanda”, usuarios que cada vez máis se senten atraídos por ese turismo de
saúde e benestar; “cunha riqueza de auga”, que admite comparación con calquera
outra do mundo; “cun sector activo e emprendedor”; “cunhas administracións
implicadas”; e, desde hoxe, conta tamén “cunha folla de ruta que desde Ourense
permita reactivar o sector termal para blindar o noso liderado”, concluíu o
presidente galego.
Sen dúbida, estamos diante dun
Plan co que todos debemos comprometernos, xa que o potencial termal da nosa
provincia é innegable.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta.