lunes, 10 de febrero de 2014

Sobre o Plan Integral de Turismo de Galicia

Un acto relevante foi o protagonizado hoxe en Santiago de Compostela polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que presentou o Plan Integral de Turismo de Galicia que identifica as grandes fortalezas da Comunidade para competir como destino único: a súa riqueza natural e paisaxística, a calidade das augas termais e a gastronomía, o gran símbolo histórico que representa o Camiño de Santiago no mundo; e un patrimonio artístico e cultural que conta con catro declaracións de Patrimonio da Humanidade pola Unesco. 

Feijóo lembrou que o turismo achega xa máis do 10% do PIB autonómico e acapara máis do 11% dos postos de traballo da Comunidade, pero sinalou que se trata dun eido con apreciables posibilidades de desenvolvemento por diante.

 A ese respecto, sinalou que o turismo pode contribuír á bonanza doutros sectores da economía, a proxectar a imaxe do país no exterior e a avanzar no reequilibrio territorial de Galicia. 

Puxo en valor que a estratexia ten un capítulo económico no que a Axencia Turismo de Galicia achegará polo menos 136 millóns de euros ata 2016 nesta lexislatura. 
 No seu discurso, Alberto Núñez Feijóo, remarcou que o Plan Integral de Turismo de Galicia fixa catro grandes retos para o turismo galego, e que son: posicionar a marca diferencial, é dicir, “definir Galicia como un destino diferenciado a nivel interno, nacional e internacional”; consolidar a Comunidade “como un destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e desestacionalizada”; facer do noso “un referente do turismo sustentable a nivel europeo”; e reforzar o sector para facelo “máis innovador e máis competitivo, cada vez máis importante no mercado internacional”. 
Concretou que estes obxectivos teñen unha tradución en cifras, que, “desde unha perspectiva tan realista como ambiciosa”, cuantifican as melloras que se aspiran acadar co plan. Tomando como referencia os valores rexistrados en 2013, o titular da Xunta destacou que o plan pretende pasar dos 3,7 millóns de turistas aloxados en establecementos a 4 millóns; pasar dos 900.000 turistas internacionais rexistrados a 1 millón; pasar dunha ocupación media hoteleira do 29,65 % ao 33,54 %; pasar dunha estadía media de 2,13 noites a 2,5 noites; e pasar dun gasto total dos turistas internacionais de 733 millóns de euros a 836 millóns de euros. 
O presidente da Xunta informou de que para conseguir estes obxectivos o plan recolle seis liñas de actuación estratéxicas que dan razón de ser a programas e iniciativas concretas. 


En primeiro lugar, referiuse á que ten por obxecto facer do Camiño de Santiago un “eixe vertebrador de novas alternativas de turismo e reclamo de Galicia nos mercados internacionais”, e avanzou a elaboración dun Plan Director do Camiño, que introduza melloras en todas as rutas. Ademais, fomentarase a súa incorporación ás novas tecnoloxías, a través de programas como o ‘Smart Camiño’, reforzarase a súa promoción nos mercados internacionais como modelo de turismo sustentable, aumentarase a rendibilidade do itinerario, diversificando produtos e aumentando a oferta complementaria, e buscaranse novas canles de captación de turistas estranxeiros. 
Como segunda liña, Feijóo adiantou que se orienta a consolidar a oferta baseada “no patrimonio e nos recursos endóxenos que nos diferencian”, buscando así captar novos públicos e a desestacionalización da demanda. 
Enmarcou aquí medidas como a consolidación do turismo termal co plan presentado recentemente, así como o programa para relanzar ‘Galicia Calidade’ como etiqueta que distinguirá “o ben feito en Galicia como sinónimo contrastado de bo produto, de boa calidade e bo facer”. O Plan de Turismo incide, ademais, na presentación de Galicia como destino ambiental, social e economicamente sustentable, ao desenvolver produtos especializados para segmentos de público, ao reducir a pegada ecolóxica do turismo ou ao poñer en marcha o programa ‘Galicia, turismo accesible”. 
En cuarto lugar, o mandatario autonómico referiuse ao fomento do talento e das novas tecnoloxías para competir como “un sector turístico competitivo e un destino intelixente”, con programas como a plataforma ‘Smart turismo’ ou os ‘Smart destinos’ Procurarase, tamén, promover e comercializar Galicia como destino único baseado nun modelo á demanda, para o que Feijóo avanzou a promoción unificada da marca Galicia a través de prescriptores e o fortalecemento dos procesos de prescrición a todos os niveis. 
Finalmente, o presidente da Xunta salientou que a sexta liña de traballo se centrará no fomento do consenso e da cooperación entre o sector público e privado para que as capacidades turísticas de Galicia se desenvolvan “nun marco eficiente”. Para iso, avanzou medidas como a creación da rede de técnicos de municipios turísticos, a posta en marcha ou fusión de entidades xestoras e a facilitación de canles para a comunicación e a cooperación tanto público-privada como entre administracións.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.