miércoles, 30 de abril de 2014

Aprobado un paquete financeiro para apoiar 1.000 novos proxectos empresariais

Hoxe, tras o Consello da Xunta, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación do Programa Galicia 1000, un paquete financeiro para apoiar 1.000 novos proxectos empresariais a través dunha batería de medidas que mobilizarán 200 millóns de euros.

Feijóo subliñou que se trata dun programa “importante” para conseguir facilitar novos avances na rexeneración do tecido produtivo; para facilitar a recapitalización das empresas; e para facilitar a execución de novos investimentos polas firmas en disposición de investir e crear emprego na comunidade.
Neste contexto, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou a importancia dun programa que reforza as ferramentas dispoñibles co obxectivo de “cubrir todas as necesidades financeiras do noso tecido empresarial e facilitar o acceso ao crédito”. Para isto, destínanse 50 millóns a través de catro instrumentos financeiros: fondos de capital risco, préstamos, bonificacións de tipos de interese e avais.


 “O primeiro grupo de actuacións suma 32,5 millóns de euros en iniciativas centradas en fondos de capital risco e préstamos participativos”, apuntou Conde. Deste xeito, financiaranse 70 operacións que permitirán reforzar o capital, actuar en sectores estratéxicos ou apoiar proxectos que impulsen a atracción de investimento cara Galicia.

 “Destinamos 8 millóns de euros a préstamos Jeremie, unha iniciativa pioneira en Galicia que permitirá outorgar préstamos ás empresas con fondos europeos, dando resposta ás súas necesidades para afrontar investimentos que impulsen a súa competitividade”. Desta forma, segue a avanzarse na eficiente utilización dos fondos europeos cun retorno continuo para o tecido empresarial.
O terceiro grupo de actuacións suma máis de 2 millóns de euros para bonificar os tipos de interese dos préstamos e microcréditos outorgados polas entidades financeiras canalizados polo ICO. O obxectivo, salientou o titular de Economía e Industria, é “favorecer o emprendemento e a competividade en condicións máis vantaxosas, e achegar liquidez para desenvolver as súas actividades”.
“Por último –proseguiu-, a cuarta ferramenta de financiamento que seguimos a poñer a disposición dos empresarios galegos son os avais”. Achéganse aquí 7,5 millóns para avalar operacións de acceso ao circulante, tanto para reforzar proxectos xa existentes como para impulsar a creación de novas empresas.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta.