jueves, 10 de abril de 2014

Impulso á renovación do liderado histórico do sector eólico de Galicia

Salientar, que hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou  unha batería de medidas orientadas a renovar o liderado histórico do sector eólico de Galicia de acordo coas condicións do novo escenario enerxético que se está a pechar en España e unha vez que a situación económica o permita.

Apuntou que o Consello da Xunta analizou esta mañá as necesidades que se derivan do contexto actual, xerado por “unha implantación excesiva e improvisada da potencia enerxética en España” e por unha débeda co sector eléctrico que, de acordo cos últimos datos, ascende xa a máis de 30.000 millóns de euros.

Resaltou o “firme compromiso do Goberno galego de impulsar as enerxías renovables”, que, no seu conxunto, xa producen o 66% da enerxía eléctrica que se consume actualmente en Galicia. 

Neste marco, Feijóo avanzou a decisión de dar hoxe un novo paso na estratexia enerxética da Xunta, adoptando medidas que adaptan o sector eólico ao novo modelo enerxético español e lle dan pulo no novo escenario.

O mandatario autonómico informou de que o dato de 2013 revela que ese ano foi “o de maior produción eólica en Galicia desde que existen rexistros”, con 9.500 GW, o que supón un 38% máis que no ano 2008. Ademais, salientou que “fomos líderes en España en produción de enerxía por cada MW instalado”, xa que se constatou unha xeración de enerxía superior á da media de España por cada MW, o que, ao seu xuízo, “significa que temos parques eólicos que son dos máis eficientes do conxunto de España”.

Para dar un novo impulso ao sector, segundo avanzou o presidente galego, o Consello da Xunta aprobou hoxe unha modificación da lei en vigor para reducir as cargas financeiras dos parques eólicos. Nesa liña situou a decisión de “trasladar a constitución dos avais no momento da concesión do parque, como viña sendo habitual, ata o momento do inicio da construción do parque” o que, segundo dixo, supón un aforro aproximado de 24.000 euros anuais.

Ademais, resaltou que os titulares de parques autorizados antes da entrada en vigor da lei poderán solicitar a devolución dos avais sempre e cando non empezaran a construción do parque.

Para incentivar a eficiencia do sector, Feijóo destacou tamén o desenvolvemento dun decreto orientado a axilizar as repotenciacións dos parques, incentivando a substitución dos aeroxeneradores actuais por outros máis eficientes e axilizar a modificación dos que están en proxecto, o que suporá incrementar a eficiencia e reducir o impacto ambiental dos parques. 

Sinalou, ademais, que esta medida permitirá pagar menos en concepto de canon eólico e inclúe a posibilidade de que as empresas que fagan este proceso poidan ampliar a potencia concedida, se teñen rede de evacuación, entre un 10 e un 20%.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinalou que o desenvolvemento destas medidas implica “a renovación da aposta da Xunta polo sector eólico galego”. Deste xeito, o Goberno autonómico segue a traballar xunto aos axentes do sector, outorgando facilidades fiscais, técnicas, administrativas e financeiras.


“A Xunta está a tomar a iniciativa para que os promotores eólicos estean nunha situación de vantaxe cando se culmine o proceso da reforma eléctrica”, explicou Conde. Neste sentido, apuntou, estanse a dar os pasos adecuados para garantir a seguridade xurídica e a defensa do sector no actual escenario enerxético, ao tempo que se promoven melloras tecnolóxicas nos parques, se axilizan os procedementos administrativos, e se rebaixan as cargas fiscais. 

“Galicia traballa para adaptarse ás novas circunstancias, para superar os novos retos, e para, desde a unidade de acción, recuperar o liderado eólico”, incidiu.



Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta