jueves, 22 de mayo de 2014

Os factores diferenciais a ter en conta na revisión do actual modelo de financiamento autonómico

Considero do máximo interés a reflexión realizada hoxe pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, en Santiago na apertura das xornadas sobre "A nova reforma do financiamento autonómica: análises e propostas", organizadas pola Fundación de las Cajas de Ahorros (Funcas), advertindo que o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica provocan que Galicia teña cada ano un custo a maiores en gasto sanitario de preto de 500 millóns de euros máis que a media de comunidades, e demandando que na revisión do actual modelo de financiamento autonómica teñan máis peso estes “factores diferenciais”.

Na súa intervención- que recolle a web oficial da Xunta-  sinalou que o actual sistema de financiamento autonómico, aprobado en 2009, non garantiu a sustentabilidade dos servizos básicos que prestan as comunidades, e recordou que Galicia defende que se teña en conta o custe real da prestación destes servizos no momento en que se produza a revisión do modelo vixente.
Ademais, recalcou que estes desequilibrios acentúanse en Galicia por “factores diferenciais” coma o avellentamento da poboación ou a dispersión xeográfica, que encarecen o custo dos servizos básicos. 
Por exemplo, recordou que na actualidade o 23,1% da poboación galega supera os 65 anos, un punto máis da proxección que realizou o INE para o conxunto de España para o ano 2023. “Resulta evidente que o custo medio anual sanitario en Galicia xa se sitúa claramente por riba do que corresponde ao conxunto de España, así como que o seu financiamento resulta insuficiente”, explicou.
Tamén detallou que en Galicia un facultativo de atención primaria presta servizo por termo medio a máis de 15 entidades singulares, mentres que en España a media sitúase en dous; que Galicia conta co 8% dos centros escolares do Estado, máis de dous puntos por riba da porcentaxe que representa no total o alumnado; e que o custo do transporte escolar na Comunidade galega é practicamente catro veces máis caro que a media de España, chegando nalgúns casos ata un coste de 4.277 euros por alumno.
Por todo isto, Elena Muñoz Fonteriz explicou que o modelo de financiamento autonómico vixente non respondeu ás finalidades nin ás expectativas manifestadas cando foi aprobado en 2009. En concreto, insistiu en que non cumpriu co seu principio de suficiencia e non garantiu a sustentabilidade dos servizos básicos que prestan as comunidades, nas que a sanidade e a educación representan o 68% do seu gasto.
A conselleira tamén fixo fincapé en que a configuración do modelo non foi acertada, posto que os ingresos que proporcionou ás comunidades “mostran claros signos de retroceso” que orixinaron notables aumentos do déficit e do endebedamento das administracións autonómicas, pese aos axustes practicados no gasto.
É por isto que na negociación do novo modelo de financiamento a Xunta vai solicitar unha mellor ponderación destas variables diferenciais, cuxo peso no actual modelo está “claramente infravalorado”. A conselleira recalcou que estes factores “xeran obxectivamente un maior custo na prestación de servizos”.

Ademais, Elena Muñoz Fonteriz aludiu a outros factores que non están incluídos no sistema de financiamento e que tamén provocan “custos diferenciais” na prestación de servizos. Entre eles, citou os quilómetros de costa e as infraestruturas portuarias, a lonxitude da rede de estradas, os dereitos das comunidades galegas asentadas no estranxeiro, a existencia dunha lingua propia ou as actuacións en materia de prevención e extinción de incendios pola presenza dunha biomasa forestal que en Galicia triplica a media autonómica.
En resumo, a titular de Facenda demandou que na revisión do modelo vixente se teña en conta o custo real da prestación de servizos en cada territorio, de forma que todos os cidadáns teñan o mesmo nivel de prestación de servizos públicos esenciais con independencia da comunidade onde residan. 
Comparto ao cen por cen estas atinadas reflexións.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta