Unha boa nova
de onte foi a presentación feita polo presidente da
Xunta, Alberto Núñez Feijóo, da Estratexia de Impulso á Biomasa 2014-2020.
Acto que tivo lugar diante do sector e os axentes
implicados, no que Feijoo informo que esta estratexia prevé unha mobilización
de 450 millóns de euros en investimentos ata o ano 2020, axudas directas que
superan os 89 millóns de euros e a xeración de 1.000 postos de traballo.
Explicou que este proxecto nace co obxectivo de
“potenciar unha nova industria ao servizo da recuperación económica” da nosa
Comunidade, creando “unha auténtica industria da biomasa en Galicia”, unha
actividade empresarial “punteira” que nos permita ser “líderes e referentes”
nesta materia a nivel estatal.
“Temos
ante nós unha oportunidade económica que permite o aproveitamento de todo o
potencial que ofrecen os nosos montes”, aseverou Feijóo, salientando a aposta,
tanto do sector como das administracións, por unha industria que abrangue toda
a cadea de valor do produto, que permite fixar emprego no rural e que está en
consonancia cos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente, RIS3,
que Galicia presentou en Europa.
Lembrou que a Comunidade galega dispón dunhas
características naturais privilexiadas, conta con abundante materia prima e
cunha elevada masa forestal (o 50% de toda España), que representan “claras
vantaxes que Xunta e sector estamos dispostos a aproveitar”. Unhas capacidades
que, abundou, “redundarán no despegue da biomasa como fonte de enerxía de
presente, pero sobre todo, de futuro, ao tempo que fortalecerán a nosa
industria madeireira”.
“Temos ante nós a oportunidade dunha enerxía
limpa”, engadiu, unha enerxía capaz de reducir a dependencia enerxética de
Galicia dos derivados do petróleo; de mellorar a xestión e o rendemento dos
montes galegos, contribuíndo á prevención de incendios forestais; de impulsar o
aforro e a eficiencia enerxética en familias, empresas e organismos oficiais en
ata 70 millóns € /ano; e de protexer o medio natural, coa conseguinte redución
de emisións de CO2. Así, coa valorización de 275.000 toneladas por ano de
biomasa que se prevé acadar con esta estratexia evitaríase a emisión á
atmosfera de 246.000 toneladas de CO² anualmente.
O presidente da Xunta explicou que a Estratexia Integral de Impulso á Biomasa, “completa e a longo prazo”, marca catro eixes para “alcanzar o futuro ao que queremos chegar e, con realismo, ao que podemos aspirar”, dixo.
Respecto ao
primeiro deles, Feijóo sinalou que “é realista” pensar que existe unha ampla
marxe para incrementar a demanda da biomasa e tamén “vontade da Administración”
para que así sexa. A este respecto incidiu en que a estratexia fomentará que
concellos, industria agroalimentaria e particulares consuman este combustible,
comezando pola propia Administración galega, coa instalación dunha rede de
enerxía térmica baseada na biomasa no complexo de San Caetano. “Pero tamén é
realista aspirar a unha maior demanda de biomasa porque os datos demostran que
as galegas e os galegos están dispostos a confiar nesta industria en
substitución dos combustibles fósiles”, engadiu o presidente da Xunta,
indicando que así se puxo de manifesto tras a publicación da orde anual de
axudas para a instalación de caldeiras, por máis de 9 millóns de euros, que se
esgotou en menos de 24 horas.
Feijóo remarcou que, se este primeiro eixe “está
en disposición de cumprirse”, é necesario traballar noutros tres, empezando
pola mellora da oferta e das capacidades do sector a través da innovación
tecnolóxica, algo que, asegurou, “queremos facer conxuntamente”, tanto coa
colaboración e implicación dos emprendedores “dispostos a abrise a novas ideas
e tendencias”; como coa colaboración do CIS Madeira para propiciar novos
proxectos industriais; e co compromiso da Administración –a través das
Consellerías de Economía e Industria e do Medio Rural e do Mar- para “darlle absoluta
prioridade a todos aqueles proxectos que introduzan a biomasa como actividade
preferente”.
“Desde a
Xunta de Galicia non quixemos limitar ao ámbito técnico e financeiro o noso
apoio á biomasa. Pensamos que existe tamén un terceiro eixo fundamental para
poñer en valor este sector, que é o referido á orixe e á calidade galega”,
abundou Feijóo, destacando que por iso se decidiu incorporar á estratexia unha
decisión “das máis importantes”: a de “achegar valor engadido” aos
emprendedores que fortalezan o sector “con materia prima de Galicia,
creatividade de Galicia e dirección desde Galicia”. Así, as empresas do sector
poderán amparar os seus produtos baixo o selo Galicia Calidade para poder
recoñecer as condicións relativas á orixe, calidade, produción e
sustentabilidade. “É dicir –subliñou-, que tamén a biomasa poida contar cunha
certificación que garanta a súa orixe 100% galega.
Como cuarto piar da estratexia está a formación e
a divulgación, “o propósito de convocarnos continuamente para seguir avanzando
e mellorando día a día”, sinalou Feijóo, obxectivo no que será esencial o papel
do Foro da Biomasa que se creará cos axentes económicos, administrativos e
sociais do sector.
Na súa intervención, tamén o presidente situou a
Estratexia Integral de Impulso á Biomasa como unha “ferramenta” que contribuirá
a recuperar “os niveis de progreso que tiñamos antes da crise”. “Haberá quen se
pregunte se merece a pena esta aposta por un sector aínda por desenvolver en
Galicia, e mesmo descoñecido en moitos eidos da nosa sociedade. A resposta é
que si”, aseverou, argumentando que limitar a estratexia económica aos sectores
históricos “sería insuficiente”. “Tal cousa só nos permitiría, no mellor dos
casos –dixo- volver á economía do pasado que se ten demostrado vulnerable ante
as dificultades”.
Por iso avogou por atopar “novas ferramentas”
para que a recuperación “sexa unha ola á que subirse o antes posible e coa que
trazar a economía do futuro”, ferramentas entre as que, dixo, se atopa a
biomasa. “O sector da biomasa é unha proba palpable de que temos potencial
propio que aproveitar, capacidades propias por desenvolver e vontade para
facelo”, aseverou.
“Temos ante nós unha oportunidade galega”, por
canto permitirá pechar toda a cadea de valor, “unha enerxía dos galegos, xerada
polos galegos e destinada para os galegos”, concluíu.
Non podo estar máis de acordo con toda o anterior.
Non podo estar máis de acordo con toda o anterior.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta