jueves, 31 de julio de 2014

Descenso da criminalidade en España e Galicia e moi salientable en Ourense

Onte coñeciamos o segundo informe trimestral sobre a criminalidade do presente ano, no que se incorporan os datos de criminalidade daquelas capitais de provincia e das localidades con poboación superior a 50.000 habitantes (segundo padrón oficial do Instituto Nacional de Estatística a data 1 de xaneiro de 2013), ata agora un total de 148.

Así sabemos que ao longo do primeiro semestre de 2014, se coñeceron un total de 1.038.487 delitos e faltas en España, o que supón un 4,4% menos respecto aos seis primeiros meses do ano pasado, cuxa cifra ascendía 1.086.146. O total das infraccións penais rexistradas leva consigo que a taxa de criminalidade sexa de 45,1 delitos e faltas por cada 1.000 habitantes, seguindo a tendencia xeral descendente dos últimos anos.

A pesar de que todos os indicadores presentan cifras que indican un descenso dos índices da criminalidade en xeral, é a delincuencia violenta (14,7%), e dentro desta categoría os roubos con violencia e intimidación (18,0%), a que experimenta unha variación porcentual maior de descenso. A continuación, ségueno nesta tendencia de caída as subtraccións de vehículos a motor (11,1%) e os roubos con forza (10,1%).

Polo que se refire á Comunidade Autónoma de Galicia ao longo do primeiro semestre de 2014, coñecéronse un total de 38.007 delitos e faltas, o que supón un 5,1% menos respecto aos seis primeiros meses do ano pasado, cuxa cifra ascendía a 40.042. Unha redución importante superior en 0,7% á media nacional.

Galicia, conta case 27 delitos por cada mil habitantes, e o dato sitúaa como a terceira Comunidade autónoma con menor taxa de criminalidade do Estado, cuxa media é de 45,1 delitos.

Na provincia de Ourense ao longo do primeiro semestre de 2014, coñecéronse un total de 4.115 delitos e faltas, o que supón un 12,9% menos respecto aos seis primeiros meses do ano pasado, cuxa cifra ascendía a 4.724. Un descenso moi apreciable que máis que duplica a media galega.

Destacan un descenso dos índices da criminalidade nesta provincia, nos roubos con forza en domicilios (-38,5%) e dos roubos con violencia e intimidación (-37,5%), así como os de danos ( -33,2%)


Finalmente polo que respecta ao concello de Ourense ao longo do primeiro semestre de 2014, coñecéronse un total de 2.037 delitos e faltas, o que supón un 10,1% menos respecto aos seis primeiros meses do ano pasado, cuxa cifra ascendía 2.265. Un descenso moi apreciable que duplica a media galega.

Destacan un descenso dos índices da criminalidade nesta capital, nos roubos con forza en domicilios (-45,2%) e dos roubos con violencia e intimidación (-33,8%), así como os de danos (-29,7% )

As miñas felicitacións aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, polo esforzo realizado neste semestre en toda España, pero moi singularmente en Ourense que sen dúbida ten o seu reflexo nestes bos resultados e o meu ánimo para que sigan nesta senda de loita contra a criminalidade que non debe cesar pués seguen sendo moitas as preocupacións dos cidadáns. Especialmente no medio rural, onde algúns sucesos como os acontecidos este mes na Peroxa, con ataques a persoas maiores indefensas - feitos absolutamente intolerables e desprezables - están causando gran inquedanza.