A Comisión Europea, xa ten novo presidente para os próximos cinco
anos, é Jean Claude Juncker.
Foi elixido por maioría absoluta polo Parlamento Europeo. Substituirá ao actual
presidente José Manuel Durao Barroso o próximo 1 de novembro, despois de que
constitúa o novo colexio de comisarios, formado por un candidato de cada país
membro.
No Parlamento obtivo o apoio de 422 dos 751 eurodeputados, superando amplamente
a maioría mínima requirida no Tratado de Lisboa, que é de 376 votos. Nunha
votación secreta, 250 eurodeputados votaron en contra, 47 abstivéronse e 10
votos foron nulos. Obtivo o apoio do Partido Popular Europeo (PPE), de parte do Grupo
Socialista (S&D) e dos liberais (ALDE).
O luxemburgués Jean-Claude Juncker é o primeiro
presidente da Comisión Europea elixido polos cidadáns, referendados polo
Parlamento e aprobado polo Consello Europeo, tras as eleccións europeas do 25
de maio. É a primeira vez que se elixe o presidente desta forma tras a
aprobación do Tratado de Lisboa en 2009, que establece que o Consello Europeo,
formado polos Xefes de Estado e de Goberno da UE, ten propoñer o
Parlamento o candidato da Comisión nos resultados segundo os resultados das
eleccións europeas.
Jean
Claude Juncker foi o primeiro ministro de Luxemburgo entre xaneiro de 1995 a
decembro de 2013, e anteriormente fora ministro de varias carteiras no seu
país, un dos Estados fundadores da Unión Europea. Ten unha grande experiencia
na política comunitaria, xa que empezou a asistir aos cumios en 1995 e estivo
presente en todas elas durante case dúas décadas.
No seu discurso ante o
Parlamento Europeo, Jean-Claude Juncker recordou que Europa sufriu a peor crise
económica dende a Segunda Guerra Mundial e as Institucións Europeas se viron
obrigadas a adoptar medidas sen precedentes para consolidar as finanzas
públicas e evitar que se perdesen os logros de décadas de integración europea.
Juncker comprometeuse a
"reconstruír pontes en Europa despois da crise, establecer a confianza dos
cidadáns e centrar as nosas políticas nos desafíos aos que se enfrontan as
nosas economías e as nosas sociedades".
O novo presidente da Comisión explicou que "coa chegada do novo ciclo
lexislativo, chegou o momento de adoptar un novo enfoque en Europa". Para
iso propuxo unha "Axenda en materia de emprego, crecemento, equidade e
cambio climático centrada" en dez ámbitos políticos.
A
súa prioridade é estimular o investimento, baseado nas empresas, porque
"son as que crean emprego", mentres que os gobernos e as institucións
deben consolidar o marco normativo axeitado para fomentar un clima de espírito
empresarial que o facilite. Darase máis importancia ao Banco Europeo de
Investimentos, que permite utilizar fondos públicos a escala da Unión Europea
"para estimular o investimento privado na economía real". Unha parte
importante dos investimentos realizaranse principalmente en infraestruturas de
redes de banda ancha, enerxéticas, de transporte nos centros industriais e en
enerxías renovables.
Outro dos puntos máis destacados do seu programa é a creación dun mercado único
digitalconectado, que pode xerar en
Europa ata 250.000 millóns de euros de crecemento adicional nos próximos anos.
Iso permitirá crear centos de miles de novos postos de traballo, especialmente
para os mozos.
Jean-Claude Juncker propón reforzar a Unión da Enerxía
para que Europa pase a ocupar o primeiro lugar mundial no sector das enerxías
renovables, reforzando a eficiencia enerxética. O novo presidente establece
máis prioridades, como recuperar o peso industrial da UE e que ese sector
ocupe o 20% do PIB do conxunto dos 28 Estados Membros.
En materia macroeconómica afondarase na Unión Económica e Monetaria para
preservar a moeda única e fomentar a converxencia das políticas económicas,
presupostarias e do mercado laboral dos Estados Membros que comparten o euro.
Complementaranse as novas normas europeas para os bancos mediante unha Unión
dos Mercados de Capitais.
No ámbito social, fortalecerá o espazo de xustiza e dereitos fundamentais
baseado na confianza entre todos os Estados Membros. Para o presidente da
Comisión "a Unión Europea é máis que un gran mercado común", e
"non" pode ter "cabida a discriminación dos cidadáns". Nese
sentido, Jean-Claude Juncker propúxose como meta a curto prazo, o
equilibro de xénero no persoal directivo da Comisión, tanto a nivel político
como administrativo. "O equilibrio entre homes e mulleres non é un luxo, é
unha obriga política", dixo ante o Parlamento Europeo.
Ademais destas prioridades, Jean-Claude Juncker aposta por unha nova
política de migración legal, que a Unión Europea sexa un actor máis potente no
escenario mundial e manter un diálogo político e non tecnocrático co Parlamento
Europeo, para fortalecer unha Unión máis democrática e próxima aos cidadáns.