jueves, 24 de julio de 2014

Medallas de Ouro de Galicia ás vítimas do accidente de Angrois e a todos os que minimizaron no posible, co seu esforzo, as consecuencias

Hoxe é o aniversario da terrible traxedia de Angrois, e por este motivo fun a Santiago de Compostela e participei en dous actos de recordo e homenaxe as vítimas.

En primeiro lugar as portas da sé do PP de Galicia un amplo grupo de parlamentarios e cargos acompañamos ao Secretario Xeral, Alfonso Rueda nun minuto de silencio.

Logo acudín ao monte Gaiás e na Cidade da Cultura participei no acto de entrega das Medallas de Galicia 2014.

Estas foron as palabras do Presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo dirixidas aos representantes das vítimas do accidente de Angrois, representantes dos profesionais sanitarios e dos doadores de sangue, representantes dos servizos de emerxencias e dos voluntarios, representantes dos corpos e forzas de seguridade do Estado, Autoridades e todos os presentes:

“En ocasións como esta, o léxico esgótase, o dicionario non é dabondo e o vocabulario  demanda máis palabras. Todos os idiomas do mundo serían insuficientes para expresar  o que sinte o noso pobo. Porén, provistos desa bagaxe limitada, temos a obriga de facer  presente o que aquí sucedeu hai un ano.

É unha tarefa tan difícil como imprescindible porque non pode quedar no tempo un  silencio que sexa o limiar do esquecemento.

Non podemos salvar os que nos deixaron, pero si lles debemos esa forma de  inmortalidade que é a memoria. Ninguén morre por completo mentres teña un sitio nela.

Sabemos que esa lembranza está acesa na mente dos seus achegados, pero tamén  aspiramos a que quede impresa para sempre na historia do noso país.

Cremos que unha boa maneira de facelo é acender unha chama feita de palabras,  alimentala con agarimo na posteridade e manter vivo o seu recordo na concesión da  Medalla ás vítimas que acabamos de materializar.

Quero que hoxe estean vivas entre todos nós as palabras que entón se pronunciaron.

Os que pedían axuda; as palabras de alento dos veciños que acudían a socorrer os  feridos; as palabras de ánimo que se daban os membros do 112 e do 061, dos servizos  médicos, de protección civil, dos bombeiros, das forzas de seguridade; as palabras de  xúbilo ao rescatar alguén máis; as palabras de agradecemento pola man tendida ou o  sangue doado de tantos anxos da garda que naquel día se fixeron seres humanos.

Quixésemos pronuncialas todas sen deixar ningunha fóra porque ese sería o discurso  perfecto, un discurso coral feito de moitas voces que son unha, de moitos corazóns que  se puxeron a latexar xuntos contra a morte, dos sentimentos que todos os galegos  queremos transmitirlle aos que se foron, tamén aos que sobreviviron e aos que loitaron  alí contra a traxedia.

Pero temos que conformarnos con algo menos intenso, aínda que igualmente sentido.

Botamos man do idioma que é patrimonio de todos desde que Galicia existe para dicir  que naquel lugar cheo de dor estaba un país enteiro.

Cada brazo tiña a forza de todos os galegos. Cada esforzo, a enerxía das persoas anónimas que viviron o drama desexando estar alí colaborando. Poucas veces pode  dicirse con tanta propiedade que unha Comunidade tivo tantas cousas en común que compartir: tristura e esperanza, pena e loita contra o infortunio, loito e resolución.

Galicia demostrou que xuntos somos máis. A irreparable desgraza serviu para demostrar  que dous homes ou mulleres que cooperan, non suman senón que multiplican.

Houbo un heroísmo espontáneo que non precisa esperar por recoñecementos ou  gratificacións, pero tamén algo que vai en nós desde a noite máis afastada dos nosos tempos. Os nosos devanceiros educáronnos na solidariedade. Nalgún momento da  historia, dous galegos distantes atopáronse, decidiron unirse, e levar á fala unha das  palabras máis fermosas do noso acervo común: esa palabra é mancomún.

Desde ese instante, somos un país mancomunado, pioneiro no que poderíamos  denominar ‘a sociedade da cooperación’. Como explicar senón a nosa resistencia a  calamidades de todo tipo, a nosa capacidade de superación, ou esa facultade innata  para atopar xuntos puntos de acordo nos que basear a acción común. Cada vez que Galicia foi posta a proba, reaccionou como o fixo o 24 de xullo de 2013. Ese día non foi  unha excepción, senón un chanzo máis nos exemplos solidarios.

Que esa maneira de ser é necesaria no mundo de hoxe, demostrouse coa admiración  que a Galicia solidaria provocou nos lugares máis afastados. Países e culturas diversos  dirixiron a súa ollada cara nós para ver reflectido o mellor do xénero humano.

Produciuse unha peregrinación sentimental que neste caso non buscaba unha reliquia  sacra, senón un exemplo humano. Moitas mulleres e homes en todo o mundo  preguntáronse por aquelas persoas que loitaban pola vida dos demais. Eran galegos. Son  galegos.

Desgraciadamente, hai nomes de territorios asociados a conflitos, a disputas e a guerras. A partir desa data, terrible e ao tempo memorable, Galicia é sinónimo de  mancomún. A Galicia mancomunada marcou un camiño que quixésemos ver trazado en  todo o mundo e do que non queremos separarnos nunca.

Ese camiño lévanos a ser mellores, a facer da nosa terra algo máis grande e máis grato,  lévanos a convivir sen fronteiras nin ideas que sementen a discordia.

Son moitas as palabras que deberían ser aquí pronunciadas e moitos os sentimentos que  aínda non atoparon palabras axeitadas nos dicionarios. 

Malia todo, do mesmo xeito que Galicia se puxo aquel día á disposición de Galicia, hoxe estamos nun acto no que Galicia  loa Galicia.

Porque, na nosa opinión, o día de hoxe –xusto un ano despois— non tería sido completo  sen que a homenaxe singular que é o acto máis importante de Galicia nos permita render unha homenaxe aos que non están, e tamén a todos os que están, e a todos os  que traballaron para que fosen menos os que nos deixaron.

Ninguén esquecerá as vítimas que abriron en todos nós un baleiro insuperable, nin a todos os que loitaron contra aquela desgraza. É este un compromiso que hoxe todos  compartimos.

Hai unha palabra sinxela que resume moitas outras e que ten que resoar coa forza das  gorxas de todos os galegos e de todas as galegas.

Grazas. Moitas, moitas grazas.”




https://www.youtube.com/watch?v=J76lgAQgDB8&feature=youtu.be

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta