domingo, 13 de julio de 2014

Desenvolver o sector turístico: unha política económica fundamental para Ourense

Na Vila do Carballiño rematou hoxe a Escola de Verán "Miguel Ángel Blanco" que foi un interesante foro para reflexionar sobre as potencialidades do turismo para o desenrolo económico de Ourense.

Con interés presencie  a mesa redonda, moderada por Miguel Santalices, na que participaron José Manuel Rodríguez, Carmen Pardo e Carmen Yáñez. A internacionalización e as comunicacións centraron boa parte das exposicións, claves á hora de vender o producto, neste caso o Turismo vinculado ao Termalismo. A cultura emprendedora e a formación convírtense así en eixos fundamentais para dar saída cara o exterior aos recursos endóxenos de Ourense. Precisamente, a centralidade da provincia no tocante ás comunicacións é unha vía para captar visitantes atraídos por dous dos grandes exponentes galegos: o seu litoral e o Camiño de Santiago. "A marca de Ourense debe estar vinculada á de Galicia e conseguir que a xente veña cara nós e se queden", sinalou José Manuel Rodríguez.

A globalidade de internet tamén é un factor que debe ser explotado, segundo se puxo de manifesto nesta mesa redonda, dado que é o escaparate máis importante da actualidade. "Hai que acadar que a xente se apaixone por vender os atractivos de Ourense, primando o talento e a creatividade", precisou o xerente do Inorde.

A alcaldesa de Lobios e presidenta da sección de Vilas Termais da FEMP, María del Carmen Yáñez, centrou a súa intervención no Termalismo. Os recursos hidrominerais como potencialidade, que supón a posta en valor de todos os recursos patrimoniais da área de influencia. O 75% dos municipios que posúen este recurso non superan os 5.000 habitantes e que teñen a enorme posibilidade de desestacionalizar o turismo, xa que non depende directamente da meteoroloxía. E Carmen Yáñez matizou a importancia, dentro da área da Medicina, do Termalismo con enormes posibilidades terapéuticas, o cal está directamente relacionado co Turismo de Saúde. "O Termalismo é un axente dinamizador da vida económica dos municipios, cunha importante incidencia da creación de emprego", sinalou a alcaldesa de Lobios, cun importante apoio das administracións, como é o caso da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense.

Pola súa banda, a parlamentaria autonómica e secretaria executiva de Turismo do PPOU, Carmen Pardo, agradeceu a importancia da temática desta edición da Escola de Verán "Miguel Ángel Blanco", considerando que no mapa político nacional, "posiblemente non se teña feito unha iniciativa similar para analizar en profundidade o Turismo". Recalcou que a importancia da promoción pode reportar grandes resultados con pequenas iniciativas, ofertando por exemplo paquetes turísticos temáticos de fin de semana. "O importante é convencernos e creer nós mesmos que podemos facelo", sinalou Carmen Pardo, precisando que o efecto multiplicador do Turismo é unha senda que debe ser explorada e, sobre todo, explotada. Os elementos diferenciadores que especialicen a oferta turística son outros dos piares dunha planificación turística rentable e sustentable dende o punto de vista do emprego, tal e como precisou Carmen Pardo na mesa redonda que abordou dende esta óptica turística o futuro de Ourense

A clausura foi realizada polo presidente provincial, Manuel Baltar, e polo portavoz do Grupo Popular do Parlamento de Galicia, Pedro Puy Fraga.

Lembrou que a Escola de Verán foi un compromiso persoal que asumiu cando foi elixido presidente provincial en 2010. A lembranza de Miguel Ángel Blanco estivo daquela presente e perdura a día de hoxe coa mesma forza e loitando a prol do máis importante en política: os dereitos fundamentais e liberdades públicas. Tamén agradeceu ao alcalde anfitrión, Argimiro Marnotes, o seu traballo á fronte do Concello do Carballiño, "un traballo feito con rigor, seriedade e bo facer", sinalou. Non deixou de agradecer a todos os membros do PPOU, personificados nos 546 concelleiros populares da provincia, os recientes resultados electorais nas pasadas Eleccións Europeas. "Persoas e ideas son os fundamentos do PP de Ourense", precisou. No tocante á Escola de Verán, recalcou a dificultade de convocar durante tres días do mes de xullo, "xa que somos a única formación política que estamos facendo actividades".

Pola súa banda, Pedro Puy Fraga (ao que Manuel Baltar agradeceu expresamente a súa dispoñibilidade sempre que o PPOU o invita a participar nalgunha das súas actividades), felicitou ao PP de Ourense pola súa magnifica iniciativa da Escola de Verán e pola elección no nome en recoñecemento a Miguel Ángel Blanco.

Apuntou a formación se consigue a través de tres formas. “En primeiro lugar, co esforzo necesario para avanzar na vida de cada persoa e coa educación que se vai recibindo desde todas as frontes; en segundo lugar, na rúa, a carón da xente e coñecendo de preto os seus problemas; e, en terceiro lugar, en actos como o de hoxe, que serven para formar e para que os partidos falen e reflexionen sobre como impulsar o interese xeral”, concretou.

Na súa intervención, tamén fixo referencia á importancia das organizacións políticas para “converter os intereses particulares, moitas veces diverxentes, nun interese compartido, de xeito que se impulse o interese público que é o mellor para toda a comunidade”.

A modo de exemplo, Puy situou o turismo, “pola súa importancia para a economía e o benestar nas múltiples variedades que se pode gozar: de praia, cultural, deportivo ou náutico, entre outras”. Neste sentido, salientou o traballo realizado polo actual Goberno galego neste ámbito, coa aprobación dunha nova Lei para o sector, a creación da Axencia Galega para o Turismo, o Plan Estratéxico posto en marcha a difusión do Camiño de Santiago ou facilitando a implantación da Q de calidade turística.

“Trátase de desenvolver o sector turístico galego como unha política económica fundamental para Galicia dun xeito transversal, do que formen parte aspectos como a ordenación do territorio, a paisaxe ou o coidado da natureza”, dixo.

Para rematar, Pedro Puy subliñou que “non hai mellor exemplo de dedicación ao interese común e de procura do ben colectivo que o que nos deixou Miguel Ángel Blanco, de quen se celebra o XVII aniversario do seu pasamento a mans da banda terrorista ETA”


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta