O Consello da Xunta do xoves pasado informou sobre o Plan de turismo termal ‘Ourense, provincia termal 2014-2020’, que se enmarca no Plan integral de turismo de Galicia e cuxo obxectivo é o fortalecemento do sector turístico termal da provincia de Ourense, así como a consolidación e fortalecemento do posicionamento de Galicia como destino termal global.
Así mesmo, informouse sobre a constitución da comisión de seguimento deste entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.
O Plan integral de turismo de Galicia 2014-2016 con visión horizonte 2020 trata a auga e o termalismo como unha das grandes fortalezas do destino, xunto ao Camiño de Santiago, a enogastronomía e o patrimonio cultural e natural. No marco do Plan integral, o turismo termal toma un papel clave na liña estratéxica que fai referencia á oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos diferenciais, buscando a desestacionalización e os novos públicos.
O Plan de turismo termal para a provincia de Ourense establece cinco principais liñas estratéxicas que se desenvolven en 71 programas de accións. A planificación termal, as infraestruturas termais, os produtos termais, o coñecemento termal e mais a promoción termal son as liñas nas que se enmarcan as accións deste plan. O obxectivo central é poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta, os recursos e os servizos, de tal xeito que conduzan á creación do destino ‘Ourense, provincia termal’.
Ademais, o documento conta con obxectivos específicos que pasan por poñer en valor turístico os recursos naturais e culturais da provincia de Ourense, coa sustentabilidade como criterio clave para acadar unha mellor calidade de vida, a recuperación e preservación dos recursos naturais e mais a contribución ao desenvolvemento socioeconómico.
De igual modo, preténdese articular os recursos, servizos e oferta termal como produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores; ao tempo que se posiciona Galicia como destino termal a través da potenciación de Ourense como provincia termal.
Asinarase un acordo marco para a coordinación da execución das actuacións conxuntas e o establecemento dunha comisión de seguimento do plan. Esta comisión será paritaria e estará presidida pola Xunta de Galicia, para o seguimento e control das actuacións cada semestre, tal e como está recollido no plan.
O termalismo na oferta turística de Galicia:
O turismo termal constitúe un dos produtos turísticos máis importantes e estratéxicos de Galicia como destino único. Para o seu desenvolvemento, enfócanse diferentes programas de acción aliñados coas principais retos do plan integral: consolidar un posicionamento de marca diferencial, unha oferta turística multiexperiencial os 365 días do ano, un desenvolvemento turístico económica, social e ambientalmente sustentable e un sector competitivo, innovador e con visión internacional.
Aínda que os recursos termais están nas catro provincias galegas; Ourense presenta unha gran potencialidade á hora de contribuír ao posicionamento global de Galicia como destino termal, dada a súa concentración de recursos, axentes e servizos relacionados directa e indirectamente co termalismo e a calidade destes. Galicia conta, ademais, coas augas mineromedicinais coa máxima temperatura alcanzada, as de Lobios, que manan a 72 graos.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta