lunes, 4 de agosto de 2014

Aprobado o teito de gasto non financeiro da Xunta para 2015

Hoxe no Parlamento foi aprobado o teito de gasto non financeiro para 2015, que queda fixado en 8.436 millóns de euros. Trátase da primeira ocasión en que o límite de gasto da Xunta é maior que o Orzamento vixente, xa que o supera en 46 millóns, e baixa en 20 millóns sobre o teito de gasto aprobado para 2014.

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz subliñou que a Xunta de Galicia redobrará esforzos para consolidar en 2015 a recuperación económica e para que cada vez máis galegos teñan emprego, e destacou que os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social coñecidos hoxe inciden no cambio de tendencia na economía galega e española.

Na súa intervención, a titular de Facenda destacou que Galicia é a terceira comunidade con mellor evolución do paro rexistrado no último ano, e que a afiliación á Seguridade Social rexistra a mellor evolución interanual dende maio de 2008, con 9.000 afiliados máis que hai un ano. Tamén destacou que as exportacións en Galicia medraron neste 2014 o triple que a media, pese a que a Comunidade bateu en 2013 o récord histórico de vendas ao exterior.

Muñoz Fonteriz insistiu en que 2015 ten que ser o ano no que se consolide a recuperación económica, e explicou que a economía galega acadará xa taxas de incremento significativas, cun crecemento do PIB autonómico do 1,8%. Ademais, avanzou que o comportamento da economía galega no segundo trimestre será mellor que no primeiro, e incidiu na importancia de que siga reducíndose a taxa de paro na Comunidade, de forma que o paro baixará en 1,4 puntos ata situarse no 20,3%.

A conselleira recordou que a aprobación do teito de gasto –é o cuarto ano no que se presenta na Cámara autonómica- permite anticipar tres meses o debate parlamentario sobre a elaboración dos Orzamentos da Xunta para 2015. Non obstante, avanzou que o Goberno galego manterá os mesmos obxectivos que os últimos anos. “Continuaremos coa nosa prioridade, o gasto social, e coas políticas de investimento e incentivo económico”, reafimou.

Ademais, explicou que a Xunta estabiliza a capacidade de gasto da Comunidade Autonóma por segundo ano consecutivo e que reducirá en 170 millóns o recurso ao endebedamento, un 30% menos. Isto é posible porque Galicia continuará en 2015 a senda de redución paulatina do déficit, diminuíndo o límite de déficit do 1% en 2014 ao 0,7% do 2015.

Elena Muñoz Fonteriz insistiu en que o teito de gasto presentado hoxe na Cámara é “realista e rigoroso”, xa que está baseado en estimacións prudentes e ten como obxectivo prioritario achegar certeza na elaboración das contas para o vindeiro exercicio.

Tamén recordou que, grazas á presentación do teito de gasto, o Parlamento debate en tres ocasións sobre os Orzamentos da Xunta: hoxe, coa presentación do teito de gasto, e posteriormente no debate de totalidade do proxecto de lei de Orzamentos e no momento de aprobación das contas.

Finalmente, a titular de Facenda destacou que Galicia é unha das poucas comunidades que, ademais de aprobar o Executivo o teito de gasto, pide autorización á Camara autonómica.

O teito de gasto para 2015 establece uns recursos non financeiros de 7.963 millóns de euros, cunha suba real das entregas a conta de 111 millóns de euros. A esta cantidade súmanse os 403 millóns polo déficit aprobado do 0,7%, e 70 millóns de axustes positivos de contabilidade nacional, ata acadar os 8.436 millóns de euros.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta