viernes, 12 de septiembre de 2014

Aprobadas medidas de racionalización do sector público e de reforma administrativa

Onte no Pleno do Congreso aprobamos as emendas do Senado ao Proxecto de Lei de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa, salvo a introdución do rótulo "Capítulo IV: Medidas de función pública" antes do artigo 28; e a que se refire á disposición adicional décimo quinta do texto refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, que non quedan incorporadas ao texto que será publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) para entrar en vigor.

Trátase dunha importante Lei adopta as medidas lexislativas necesarias para implantar recomendacións da Comisión de Reforma das Administracións Públicas (CORA), tanto para a reordenación do sector público institucional, coma noutros ámbitos da actividade administrativa.

Recóllense modificacións legais para permitir a reordenación de organismos públicos co fin de mellorar a súa eficiencia e reducir o gasto público. Afóndase na racionalización de estruturas públicas, simplifícanse procedementos para cidadáns e empresas, reducindo trabas burocráticas e impulsando a Administración electrónica.

Medidas importantes de Función Pública:

. Día de libre disposición: concédese un día máis aos recoñecidos na normativa vixente para asuntos particulares dos empregados públicos. A partir de agora serán cinco días, tras aprobarse outro anteriormente a finais do ano pasado.

. Flexibilización da dependencia funcional dos funcionarios interinos: Introdúcense cambios para fomentar a mobilidade dos empregados públicos, co obxectivo de conseguir que, nun contexto de redución de gasto público, poidan destinarse máis recursos ás unidades deficitarias de persoal.

. Cambios normativos do Estatuto Básico do Empregado Público para permitir ás persoas que traballan na Administración que teñan outras vías de desempeño profesional dentro da súa carreira administrativa.

+ Se crea a situación administrativa de servizos na Administración civil para o persoal militar.

+ Se aclara o réxime aplicable a determinados supostos de mobilidade voluntaria entre administracións territoriais.

Medidas de Transparencia:

. Creación base de datos nacional de subvencións.

A Lei de transparencia establece a obriga de facer públicas todas as subvencións e axudas públicas concedidas con indicación do seu importe, obxectivo ou finalidade e beneficiarios.

Na lei que onte aprobou o Congreso modifícase a Lei Xeral de Subvencións, para promover a transparencia e facilitar que sirva como instrumento para a planificación das políticas públicas, mellorar a xestión e colaborar na loita contra a fraude de subvencións e axudas públicas.

Medidas para garantir a prestación da asistencia sanitaria:

. Consorcios Sanitarios

Modifícase a Lei sobre Habilitación de Novas Formas de Xestión do Sistema Nacional de Saúde para determinar o réxime xurídico dos consorcios sanitarios, co fin de garantir que as CCAA poidan seguir utilizando esta forma de xestión nas prestacións sanitarias.

Medidas para a simplificación de trámites para os cidadáns e empresas:

Recóllense modificacións básicas de normativas necesarias para a implantación de cinco das suxestións de simplificación máis ambiciosas contidas no informe CORA.

-  Taboleiro Edictal Único: O Taboleiro Edictal Único do "Boletín Oficial do Estado" permitirá que todas as Administracións Públicas insiran os seus anuncios nunha única localización electrónica centralizada. O cidadán poderá ter coñecemento de todas as notificacións por comparecencia que poidan afectar aos seus dereitos e intereses lexítimos mediante o acceso a un portal e coa garantía e seguridade xurídica que supón o BOE. Publicacións, ademais, con carácter gratuíto.

- Licenza Deportiva Única: Habilitará o seu titular para participar en calquera competición oficial, calquera que sexa a Comunidade Autónoma en que esta se celebre. Pretende estender o principio de unidade de mercado ao deporte non profesional, para eliminar duplicidades e reducir os trámites administrativos necesarios para a práctica deportiva.

- Listado único de certificados electrónicos de confianza admitidos polas Administracións: Coa aprobación desta norma, aínda que se establece un período transitorio, a única lista de confianza de prestadores de servizos de certificación establecidos en España será a que mantén o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Medidas de racionalización de estruturas e procedementos:

- Consorcios

Regúlanse cuestións técnicas, pero importantes, como pode ser o réxime dos consorcios, porque ata agora estaba regulado como se creaban e non como se liquidaban, co que moitos deles continuaban funcionando a pesar de que xa non tiñan vixencia.

- Reordenación de determinados e organismos públicos

Procédese á racionalización de estruturas públicas, especialmente naqueles ámbitos onde existen competencias compartidas entre distintas Administracións, de modo que cada Administración conte co tamaño e os medios axeitados para o exercicio das funcións que ten encomendadas. 

Recóllense unha serie de modificacións lexislativas para adecuar as estruturas dos ministerios de Educación, Cultura e Deporte; Emprego e Seguridade Social; Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, para que as súas funcións se leven a cabo cun menor número de entidades, unha visión máis global e integradora e un menor custo para os cidadáns.

Por exemplo, refórzase a Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, a coñecida como ANECA, como un organismo público encargado desa avaliación da calidade do noso sistema universitario e do profesorado, englobando as funcións doutra serie de organismos. No caso do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música, vaise permitir a colaboración dos distintos coros que existen na Administración do Estado. No ámbito de redución destaca, a integración da Sociedade Estatal España Expansión Exterior no ICEX para aforrar custos e mellorar a xestión.

No Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, actuacións para crear institucións potentes, con máis peso da política social, que aforren gastos de funcionamento é dicir, non gastar máis da conta en organigramas e centrar os recursos en política social. É o caso, por exemplo, do Instituto Nacional de Consumo, que se fusiona coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria, creando unha grande Axencia de Consumo e de Seguridade Alimentaria no noso país.

Así mesmo, refórzase o Instituto Nacional da Muller, que pasa a desempeñar funcións antes desperdigadas por outras direccións, para crear un verdadeiro Instituto da Muller e da Eliminación da Discriminación. Todos os ministerios, ademais, poñerán en práctica, sen custos adicionais, políticas de integración.

Eficiencia enerxética nas adquisicións das Administracións Públicas:


Con esta lei establécese a obriga das Administracións Públicas integradas no Sector Público Estatal para que só adquiran bens, servizos e edificios que teñan un alto rendemento enerxético.


Remato lembrando que o 19 de xuño de 2013 o presidente do Goberno presentaba o informe da Comisión para a Reforma das Administracións Públicas (CORA), despois de facer uba radiografía minuciosa do noso sector público e comprometíase a actuar en consecuencia con decisións do Consello de Ministros.

Os resultados quince meses despois xa son tanxibles en ámbitos como os da lei de réxime xurídico das administracións públicas, a do procedemento administrativo, a lei de subvencións, a factura electrónica e a morosidade nas administracións públicas, etc.


Non obstante queda aínda moito por facer para continuar evitando ineficiencias e reducir gastos en prol dunha maior eficiencia da administración pública e beneficio do cidadán, simplificar trámites, suprimir órganos ou entidades innecesarias, axilizar procedementos e mellorar a xestión dos medios públicos.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta