martes, 16 de septiembre de 2014

O Rei de España inaugura en Pereiro de Aguiar o Curso Escolar 2014-2015

Estiven hoxe pola mañá no Centro de Educación Infantil e Primaria Ben Cho Shey, de Pereiro de Aguiar, onde tivo lugar o solemne acto de apertura do Curso Escolar 2014-2015, presidido polas súas maxestades os Reis de España.
Foron recibidos polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert; a presidenta do Parlamento de Galicia, Piar Rojo; a secretaria de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades Montserrat Gomendio; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Jesús Juárez; o alcalde de Pereiro de Aguiar, Eliseo Fernández, e o director do CEIP Ben Cho Shey, Antón Gómez, entre outras autoridades.
Tras o saúdo dos directivos e o Consello Escolar do centro, os Reis descubriron unha placa conmemorativa e comezaron o seu percorrido polas instalacións. Don Felipe e Dona Letizia visitaron aulas de educación infantil, de educación primaria e de inglés. Ademais, puideron coñecer as áreas e proxectos máis destacados do colexio, no que cursan estudos 83 alumnos de educación infantil e 151 alumnos de educación primaria, distribuídos en 5 e 8 aulas, respectivamente.
A visita dos Reis ao centro concluíu cun breve encontro cun grupo de alumnos no patio do colexio.
A continuación, os Reis dirixíronse ao Pavillón Municipal, onde tivo lugar o acto de Apertura do Curso Escolar 2014-2015, no que interviñeron o alcalde de Pereiro de Aguiar, o director do CEIP, o ministro de Educación, Cultura e Deporte, o presidente da Xunta de Galicia e, finalmente, Súa Maxestade O Rei, quen declarou inaugurado o curso escolar 2014/2015. 
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou na súa intervención á “experiencia e á razón” que predicaba o Padre Feijóo, como bases dun sistema educativo que permita despregar todas as potencialidades que latexan nos alumnos e facelos “cidadáns da súa terra, cidadáns do mundo e, sobre todo, cidadáns do seu tempo”.
Dixo que a educación debe proporcionar as ferramentas suficientes para facer dos nenos e dos mozos, persoas capaces de desenvolverse no tempo que lles tocou vivir; “un tempo que dilúe fronteiras, que mestura culturas, que imbrica linguas, que tende a superar antagonismos co diálogo”. “Queremos formar alumnos orgullosos de ser o que son e aptos para aceptar o que o mundo lles propón ser. Queremos tamén trasladar á escola valores que o pobo galego atesoura desde fai séculos, e que se revalorizan nesta segunda década do século XXI”, precisou.
Feijóo concluíu a súa intervención, lembrando que case medio millón de mozos galegos –desde infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP e universidades- están preparándose “para ser o futuro de Galicia e para, desde Galicia deseñar o mañá do noso pobo”, aseverou.
Don Felipe, na súa intervención, reafirmou "o compromiso firme da Coroa coa educación, verdadeiro eixe e motor para o progreso de España e todos os seus cidadáns". "A educación non só é un dereito fundamental; é tamén o mellor instrumento de desenvolvemento persoal que podemos ofrecer aos nosos nenos e mozos", engadiu o Rei, quen puxo de relevo que "unha educación de calidade é, polo tanto, clave para que os nosos fillos adquiran os coñecementos e valores indispensables cos que labrarse un futuro de proveito e benestar. A través da formación obtéñense as aptitudes e capacidades que proporcionan as ferramentas para abrirse camiño na vida; tamén se adquiren os principios e valores que fan que as persoas se comprometan máis coa sociedade na que viven. En última instancia, eses valores que se conseguen e interiorizan grazas a unha educación integral, na que participan a familia e a escola, conforman eses alicerces fundamentais sobre os que se desenvolve toda sociedade libre e próspera. Por todo iso, temos a enorme responsabilidade de facer o posible para mellorar continuamente a educación que lles damos aos nosos nenos e mozos".

Continuou o Rei sinalando algúns dos problemas que afectan á educación no noso país: "É certo que en materia de educación son moitos os avances conseguidos nas últimas décadas, como o que representa a súa propia universalización. Non obstante, o noso sistema educativo segue tendo problemas moi graves, como son a alta taxa de abandono escolar e as dificultades para a inserción laboral dos nosos mozos. É un feito triste e certo que unha elevada porcentaxe dos nosos mozos abandonou os seus estudos en idades temperás, sen conseguir incorporarse ao mercado de traballo. Esta realidade provoca dolorosas situacións, trunca o porvir deses mozos e lastra o futuro da sociedade no seu conxunto. Outro feito, tan grave como innegable -e de absoluta actualidade-, é a frecuente falta de adecuación das competencias de moitos cidadáns ás necesidades da economía real. Esta carencia deriva en boa medida do desaxuste existente entre a oferta formativa e as demandas dun mercado de traballo que precisa de profesionais e traballadores con aptitudes que, a miúdo, non puideron obter na súa vida escolar e educativa".
"Debemos, urxentemente, aumentar a calidade da educación, adaptándoa á sociedade do coñecemento e ao mundo globalizado dos nosos días. Se a educación sempre foi instrumento de progreso para calquera pobo en calquera época histórica, nos nosos tempos é a clave do progreso e o benestar de todos os cidadáns; e éo para si mesmos, como individuos, pero tamén para a sociedade na que conviven. Necesitamos unha educación que forme, invariablemente, españois abertos ao mundo e preparados para desenvolverse en ámbitos complexos e competitivos dentro e fóra das nosas fronteiras, porque o noso ámbito de actuación na actualidade xa non é só a nosa localidade ou o noso país, senón, moi a miúdo, o mundo enteiro", reclamou Don Felipe.
Unha actuación musical a cargo de alumnos de 5º e 6º de primaria puxo fin ao acto.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta