Salientar a entrada hoxe no
Parlamento de Galicia do Proxecto de Lei de orzamentos da Xunta de Galicia para
2015.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro
Puy, afirmou estos orzamentos “marcan un punto de inflexión importante, xa que
por primeira vez desde o ano 2009 se somete a este Parlamento un presuposto que
ten unha previsión de gastos superior ao ano anterior, ao mesmo tempo que se
sigue a reducir o déficit e o custo da débeda”.
Puy concretou que “reflicten as
prioridades de gasto sinaladas polo Presidente da Xunta no seu discurso no
Debate sobre o Estado da Autonomía: acadamos o 80 por cento do gasto social, co
incremento das partidas da dependencia ou Risga; teñen unha compoñente
redistributiva, porque as deducións fiscais benefician a quen máis o necesita; e
a través dos investimentos en infraestruturas sanitarias e hidráulicas non só
conseguimos subir o nivel de investimentos da Xunta, senón tamén potenciar
algunhas infraestruturas que teñen un marcado carácter social, como as
hospitalarias”.
Tamén destacou que “é a primeira vez desde
o ano 2009 que o gasto dos orzamentos se incrementa nun 0,5 por cento, é dicir,
45 millóns de euros máis, ao tempo que se reduce o déficit”. “A esta cifra,
súmase a maior capacidade de dedicar gasto a investimentos e actividades non
financeiras (15,7 millóns de euros), como consecuencia dunha redución dos
custos do xuro da débeda”, apuntou Puy. Ademais, engadiu que “este incremento
do gasto é compatible coa senda do cumprimento do déficit previsto, que baixa
do 1 ao 0,7 por cento do PIB”.
Así mesmo, na súa valoración destacou
o incremento do aforro corrente con relación ao exercicio do ano pasado. “O
gasto corrente é cuberto co ingreso corrente e, ademais, se poden financiar investimentos por importe de 415
millóns de euros, máis do dobre do ano pasado”, explicou Pedro Puy.
“Cando falamos que hai unha boa
xestión por parte do Goberno galego, cómpre salientar que, unha vez pagados os
xuros da débeda e atendidos os gastos correntes, a Xunta dispón cos ingresos
correntes de 415 millóns de euros para investimentos, que é o que permite que o
capítulo VI de investimentos da Xunta suba con relación ao ano pasado”, sinalou.
Por outra banda, o portavoz popular
subliñou que o orzamento tamén recolle un incremento para as políticas activas,
especialmente dirixido ao emprego xuvenil e para maiores de 45 anos, e ás
axudas á competitividade das empresas, particularmente a través do impulso da
economía do coñecemento e das exportacións.