sábado, 18 de octubre de 2014

Lembrando a figura dun grande ourensán: Antonio Tabarés

Asistín na tarde de onte no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense  ao acto de presentación do libro “Cómo lo veo”, que recopila os artigos que ao longo de catorce anos publicou no diario La Voz de Galicia, do recentemente falecido Antonio Tabarés Lezcano.

Comezou o acto, nun ateigado salón,coa intervención do seu grande amigo Eduardo Olano, enxeñeiro de montes e expresidente da Deputación que lembrou a figura de Antonio.

Logo foi o turno do conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez e despois do presidente Manuel Baltar, que definiu a Tabarés como “Ourensabio”, dixo que Antonio “formaba parte dese Ourense universal que tanto amaba e para o que pedía grandes racións de autoestima e unha autopista infinita para fuxir do vitimismo, sen dúbida o noso peor inimigo”. 

Destacou que Tabarés “sempre enriquecía calquera debate coa súa perspectiva de “gran angular”, froito dunha traxectoria marcada pola súa humanidade, a súa capacidade de traballo e algo que hoxe en día é un artigo de luxo: a visión”.

Baltar considerou “ que esta publicación é unha humilde homenaxe para quen transmitía na súa columna bonhomía dabondo e opinións de peso, necesarias para fixar criterio. Había nel o articulista, o tertuliano, o emprendedor, o xestor, o amigo… tantos Antonio Tabarés como poidamos imaxinar”.

Pechou o acto a súa filla Fernanda Tabarés,  directora de V Televisión, que con enorme emoción agradeceu a todos os presentes a súa asistencia e a publicación deste libro que recorda os pensamentos, inquedanzas e sentimentos do seu querido pai, do que dixo ter "herdado a curiosidade", que lle resulta tan necesaria para o seu traballo xornalístico.

Estas verbas emocionaron a todos, e serviron para constatar o baleiro deixado por Antonio despois do seu pasamento hai un ano e o sinceiro e profundo cariño que lle profesaban xentes de diversas procedencias, idades, modos de pensar,profesións, etc. 

Parabens a Eduardo Olano, José Manuel Rubín e José Luis Sousa "que foron os promotores da iniciativa que acolleu a  Deputación de Ourense para publicar este interesante libro.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta