Onte o Consello da Xunta aprobaba o proxecto de Lei de orzamentos xerais
da Comunidade autónoma de Galicia para o ano 2015. A Xunta difundiu unha nota que pola súa importacio reproduzo.
Uns orzamentos con máis recursos para o emprego, e para consolidar a liña descendente do paro; que prevén case 8 de cada 10 euros para gasto social; que seguen apostando pola rebaixa selectiva de impostos; e que compatibilizan todo iso cun maior investimento por primeira vez desde que comezou a crise.
Durante a rolda de prensa do Consello, Alberto Núñez Feijóo afirmou que
estes presupostos crecen pero sen abandonar o camiño da solvencia das contas
públicas; “porque seguimos axustándonos –dixo- aos criterios de déficit e
porque reducimos o recurso á débeda e reducimos o pagamento por intereses por
primeira vez en 10 anos”. E, insistiu en que consolidan as posibilidades de dar
o xiro económico que se iniciou, “e que agardamos se complemente nos próximos
anos”, ao prever un crecemento económico do 2% o vindeiro ano; “o maior crecemento
económico desde o ano 2007”.
Elaborados co máximo rigor e sen abandonar a senda da estabilidade
Feijóo afirmou que os presupostos do vindeiro ano están elaborados co máximo
rigor, de acordo co teito de gasto aprobado polo Parlamento, e serán remitidos
á Cámara antes do 21 de outubro, que é o prazo establecido por lei.
Nesta mesma liña, salientou que se trata duns orzamentos realistas e
coherentes de acordo coa situación do momento. “Fomos responsables cando
chegamos en 2009 e nos vimos obrigados a revisar as contas á baixa; fomos
responsables todos os exercicios seguintes, nos que consecutivamente os
orzamentos tiveron que reducirse ata niveis de 2006; e fomos responsables o
pasado ano, cando logramos frear a caída, estabilizar as contas e presentar uns
presupostos en niveis similares a 2013” , lembrou, ao que engadiu que con esa
mesma responsabilidade, apróbanse os primeiros orzamentos “que, aínda que
levemente, crecen desde que se iniciou a crise económica, porque entendemos que
estamos en condicións de manter o gasto público incluso cun pequeno crecemento,
exactamente, do 0,5%, é dicir, de medio punto en relación co presuposto do
exercicio anterior”.
O presidente da Xunta fixo fincapé en que este crecemento orzamentario se
produce “sen abandonar a senda da estabilidade”. Así, explicou que as contas de
2015 crecen pero sen esquecer o compromiso de cumprir cos criterios de déficit
público pactado por todas as comunidades no Consello de Política Fiscal e
Financeiro, e que este ano está fixado no 0,7%.
E, tampouco se esquece o obxectivo de seguir reducindo a dependencia da
débeda, algo que se consigue por dúas vías: tanto cun menor incremento de
débeda –increméntase a débeda pública un 30% menos que no 2014-; como a través
do menor gasto en xuros, que se reduce por primeira vez en 10 anos e que será
case un 5% menor que en 2014 (en datos absolutos, os intereses que hai que
pagar pola débeda pública se reducen en máis de 15 millóns de euros con
respecto a 2014).
“É dicir, seguiremos sendo solventes para ser autónomos. Seguiremos sendo
solventes para seguir financiándonos nas mellores condicións posibles. E
seguiremos sendo solventes para seguir cumprindo coas nosas obrigas, como a de
pagar aos nosos provedores”, aseverou.
Consolidar o xiro económico
Durante a rolda de prensa, Feijóo resaltou que os Orzamentos de 2015
consolidan as posibilidades de dar o xiro económico que se iniciou, “e que
todos agardamos completar”; e, o que é aínda máis importante, permiten poñer en
marcha mecanismos para a recuperación social e económica dos galegos.
No tocante ao primeiro punto, precisou que
despois de recuperar neste 2014 taxas positivas de crecemento por primeira vez
en catro anos, en 2015, a previsión é
continuar nesa liña ascendente. Así, a previsión é que o PIB medrará un 2%; “o
que significa que estariamos na mellor evolución económica da economía galega
desde 2007”.
Por outra banda, o presidente da Xunta asegurou que as contas do ano que
vén esgotan practicamente ao 100% o teito de gasto, ascendendo a 8.436 millóns
de euros, “o que supón 0,5 puntos máis de crecemento con respecto ás contas do
ano anterior”. “E por este motivo, hai
varias decisións relevantes -tanto no proxecto de lei como no proxecto de Lei
de medidas fiscais e administrativas que tamén aprobamos hoxe-, e que poderían
resumirse en: menos paro, máis gasto social, menos impostos e máis
investimento”, dixo.
Ademais de incluír un 6% máis a recursos en materia de emprego, Feijóo
subliñou que os presupostos volven asegurar o gasto social: preto de oito de
cada dez euros das contas autonómicas do próximo ano destínanse á Sanidade
pública, á Educación pública e aos Servizos sociais públicos. “É dicir, estamos
10 puntos por riba do que nos atopamos no ano 2009 en gasto social. Do 68% do
presuposto da Xunta do ano 2009 adicado a gasto social, pasamos a máis do 78%”,
precisou.
“Crece o presuposto na área de Benestar para as contías destinadas ás
persoas que perciben a Risga; crecen 18 millóns de euros o que supón un 45%
máis. Crece o presuposto en materia de Cultura un 3%. Ou crece o presuposto da
Sanidade pública para atender os compromisos das infraestruturas sanitarias e
da tecnoloxía”, engadiu.
As contas do próximo ano afondan tamén na política fiscal, baseada en
tres liñas de actuación: unha política fiscal que incrementa os esforzos en
detectar aos que non cumpren coas súas
obrigas, “e imos persistir na fraude fiscal”; unha política fiscal que protexe os
que menos teñen e que protexe o territorio; e unha política fiscal que aposta
polas rebaixas selectivas de impostos.
Sobre o segundo punto, Feijóo avanzou a creación, por primeira vez, dun
canon mineiro, “que terá un tipo de entre o 1% e o 1,5% dos ingresos das
empresas que se dediquen á extracción de metais na Comunidade, quedando exentos
deste canon as tradicionais explotacións de lousa e de granito pero non as
explotacións de metais que se concretan na lei”.
Sobre as rebaixas de impostos, e ademais do compromiso anunciado no
Debate sobre o Estado da Autonomía cunha rebaixa de impostos para as familias
con máis dun fillo, Feijóo explicou que: “Rebaixamos impostos para favorecer o
investimento en investigación universitaria; rebaixamos impostos para
incentivar o uso de enerxías limpas nos fogares; e adoptamos a decisión de
rebaixar o imposto para o sector do transporte profesional ao incrementar ao
100% a exención do céntimo sanitario”.
No eido das infraestruturas sanitarias Feijóo destacou que a Xunta
destinará: 27 millóns de euros aos centros de saúde; máis de 50 millóns ao
Hospital Público de Vigo; máis de 13 millóns ao Hospital de Ourense; máis de 7
millóns ao Hospital da Coruña e máis de 6,5 millóns ao Hospital da Costa e ao
Hospital do Salnés.
“Así mesmo, hai un maior investimento tamén en infraestruturas viarias pendentes:
o Corredor do Morrazo será licitado e adxudicado o próximo ano; finalizaremos o
tramo Celeiro-San Cibrao; finalizaremos o eixo que conecta Monforte con Sarria
e con Lugo; finalizaremos o acceso ao porto de Burela e desbloquearemos a
autovía á Costa da Morte e a plataforma loxística de Salvaterra, na área
metropolitana de Vigo. E, en materia de saneamento, destinaremos 142 millóns
para Vigo, Ribeira, Ferrol e Narón; e iniciaremos unha partida orzamentaria para
a depuradora en Santiago así como para outras actuacións en distintas vilas
costeiras, co compromiso de sanear as rías nesta lexislatura”.
Diante de todas estas cifras, Feijóo incidiu en que os Orzamentos de 2015:
continúan a aposta ininterrompida pola solvencia de Galicia e permiten un menor
endebedamento; aseguran a todo risco as prestacións esenciais; afondan na
convicción de contribuír desde a política fiscal a axudar aos sectores
produtivos e ás familias enfocando cara a eles as novas rebaixas de impostos; e
incrementan o compromiso cara á recuperación económica.
“En definitiva, estamos a falar duns orzamentos que perseguirán
obxectivos ambiciosos: que a finais de 2015 haxa menos paro, menos impostos,
blindaxe do gasto social e maior crecemento económico”, concluíu a modo de
resumo.
Recibirá resposta
Recibirá resposta