lunes, 13 de octubre de 2014

Visitando as obras de execución da (LAV) Madrid-Galicia ao seu paso pola provincia de Ourense

Participo hoxe na visita da ministra de Fomento, Ana Pastor, ás obras de execución da Liña de Alta Velocidade (LAV) Madrid-Galicia ao seu paso pola provincia de Ourense, en concreto ás obras do tramo entre os túneles do Espiño-A Canda-Vilavella.
Na súa visita, Pastor estivo acompañado polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e o Secretario de estado de Infraestruturas, Julio Gómez Pomar, entre outras autoridades.

Durante o percorrido, a ministra comprobou a evolución das obras e o seu avance conforme ao ritmo previsto, así como o estado de execución dalgunhas das principais estruturas localizadas no citado tramo da LAV que atravesa a provincia de Ourense, e cuxa conclusión permitirá completar a conexión Madrid-Galicia no horizonte de 2018; tras a entrada en servizo do tramo de alta velocidade Olmedo-Zamora, prevista para o próximo exercicio.
A ministra destacou o impulso investidor que o Goberno proporcionou durante esta lexislatura á conexión de Galicia e a Meseta, cuxo último exemplo se concretou o pasado 26 de setembro ao aprobar o Ministerio de Fomento, a través de Adif Alta Velocidad, un investimento global de 542,7 millóns de euros (IVE incluído) para a instalación de diversos equipamentos e a subministración de materiais destinados á construción da LAV Madrid-Galicia.
Neste sentido, o investimento máis significativa, por valor de 511,9 millóns de euros, corresponde á adxudicación da redacción dos proxectos construtivos, execución das obras, conservación e mantemento das instalacións de encravamentos, sistemas de protección do tren, control de tráfico centralizado, sistemas auxiliares de detección, telecomunicacións fixas, GSM-R e instalacións de protección e seguridade no tramo Olmedo-Ourense.
Ese contrato inclúe tamén a conservación e mantemento das instalacións existentes no tramo Ourense-Santiago, xa en servizo. Ademais foi aprobada a licitación de cinco contratos de subministración e transporte de balastro para o tramo Zamora-Pedralba de la Pradería.
Do mesmo modo resaltou que os Presupostos Xerais do Estado para o ano 2015 prevén un investimento de 891,4 millóns de euros para o tramo Olmedo-Lubián-Ourense-Vigo, do Corredor Norte-Noroeste de Alta Velocidade, o que permitirá proporcionar un importante impulso á conexión de Galicia á rede de alta velocidade.
 Estruturas singulares:
Entre os elementos singulares do tramo visitado destacan os túneles bitubos do Espiño e de Vilavella, de 15,8 e 7,6 km respectivamente de lonxitude, así como a explanada na que se situará a estación de Porta de Galicia, na Gudiña.
Túnel do Espiño.

O túnel do Espiño, de 7,9 km de lonxitude en cada un dos seus dous tubos, intégrase no traxecto entre Lubián e Porto, de aproximadamente 60 km, dos cales arredor das dúas terceiras partes do percorrido discorre en túneles paralelos, o que significa que a lonxitude total de túneles no referido traxecto é de algo máis de 80 km.
O túnel do Espiño, cunha lonxitude de 7.909 m en vía esquerda e 7.853 m en vía dereita, é un dos máis longos da LAV Madrid-Galicia e discorre polos termos municipais da Gudiña e Vilariño de Conso.
Debido á súa gran lonxitude, ambos os dous tubos escaváronse con puntos de ataque dende as bocas Leste e Oeste e tamén dende a galería de ataque intermedio cara a ambos os dous emboquilles.
Nas bocas dos dous tubos sitúanse, entre ambas as dúas vías, zonas de rescate. Ademais, existen galerías de emerxencia de conexión e galerías de servizo entre ambos os dous tubos.
Explanada estación Porta de Galicia:
O subtramo Túnel do Canizo vía dereita, nas inmediacións da Gudiña, inclúe o túnel para vía única de alta velocidade correspondente ao tubo dereito e a explanación de ambas as dúas vías (esquerda e dereita) necesaria para albergar a plataforma e plataformas da estación de Porta de Galicia.
Ademais do túnel do Canizo (vía dereita), este subtramo, de 6,6 km de lonxitude, presenta como estrutura singular o paso sobre a estrada OU-33 (22 m de lonxitude) no Concello da Gudiña. Tamén conta cun paso superior e outro inferior para salvar outras vías de comunicación.
Túnel de Vilavella:
Este túnel bitubo está situado no subtramo Túnel da Canda-Vilavella (3,8 km de lonxitude) e conta cunha lonxitude de 902 m en vía dereita e 869 m en vía esquerda. Ambos os dous tubos adoptan en cada unha das súas dúas bocas a morfoloxía de túnel artificial para mellorar a integración da infraestrutura nas abas.
Nas bocas dos dous tubos sitúase, entre ambas as dúas vías, unha zona de rescate de 1.525 m2 en boca este e 500 m2 en boca oeste. Ademais, existirá unha galería de emerxencia de conexión entre ambos os dous tubos.
No turno de intervencións o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a liña de alta velocidade que actualmente se está a construír en Galicia confirma que “a obra máis difícil de ferrocarril da historia de España se está a realizar no momento máis difícil da economía do país.
Sinalou que, aínda que queda por unir por tren de alta velocidade Lugo e Ferrol co resto da columna vertebral da alta velocidade de Galicia cara a Madrid, as obras visitadas hoxe confirman que “a obra máis difícil de ferrocarril da historia de España se está facendo no momento máis difícil da economía do país”. “Unha obra que cambiará a economía produtiva de Galicia, a nosa relación co resto de España e a visión de España de Galicia”, aseverou.

Feijóo aseverou que en cuestión de poucos meses, inaugurarase o Eixo Atlántico de alta velocidade que une A Coruña con Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense, “conforme aos prazos dados”. E que, á súa vez,”Ourense verá reducido o tempo de conexión con Madrid en máis de 30 minutos, grazas á chegada do AVE a Zamora. Isto significará, agregou, que “a partir do ano 2015 será máis rápido circular Galicia - Madrid en tren que en coche”. “Estou convencido de que, conforme á execución das obras e aos orzamentos aprobados, o obxectivo de ter rematado o tren de alta velocidade completo no 2018 é un obxectivo que se pode acadar e que imos acadar”, abundou.
O presidente da Xunta referiuse aos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2015 como a proba da vontade do Goberno central, que preside Mariano Rajoy, de culminar a valente tarefa de rematar co déficit das infraestruturas ferroviarias de alta velocidade cara ao noroeste, concretamente, Castela e León-Galicia.
Se non hai tantos anos se falaba de que o obxectivo de Galicia era conquerir un 8% do total dos investimentos do Estado nos Orzamentos, Feijóo destacou que, nos últimos tres anos “ese 8% anhelado transformouse en máis dun 12% do total dos investimentos nos Presupostos Xerais do Estado”; deste xeito, incidiu en que Galicia é unha das comunidades con maior investimento de España.
“Nestes presupostos de 2015 volvemos ser a segunda comunidade autónoma con maior investimento por habitante, sendo Ourense a provincia con maior investimento en ferrocarril de España, o que significa que a porta de entrada do tren de alta velocidade como é Ourense se consolida definitivamente para ser unha porta aberta ás infraestruturas, á competitividade da economía, aberta a millóns de persoas e aberta, en definitiva, ao progreso e ao benestar”, subliñou.
Diante destes datos, o responsable do Goberno autonómico considerou de xustiza recoñecer a determinación dun Goberno que, “está facendo as obras máis difíciles de España nos momentos máis difíciles”. 




Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta