Hoxe no Parlamento de Galicia, tivo lugar o debate do Proxecto de
Lei de Orzamentos para 2015.
Para defender o proxecto,
en nome do Goberno inteveu a conselleira de Facenda, Elena Muñoz
Fonteriz, resaltando que as contas da Xunta para 2015 caracterízanse “polo
rigor e o realismo” e establecen “unhas prioridades claras”. Entre os
obxectivos están priorizar o gasto social, seguir cumprindo co obxectivo de
estabilidade orzamentaria, incidir nas rebaixas selectivas de impostos para
favorecer a familias e empresas, e reforzar as políticas que favorezan a
creación de emprego, a recuperación económica e o crecemento.
O Orzamento de 2015 será o primeiro
dos últimos dez anos no que se reduce a partida destinada a gasto financeiro, e
deste xeito a Xunta aforrará nos vindeiros anos 52 millóns grazas á rebaixa de
tipos acadada nas operacións de débeda que se subscribiron neste exercicio
2014. O custe medio da carteira de débeda baixou ao 3,46%, por debaixo da media
do Estado.
Esta cantidade súmase aos 150 millóns de euros de aforro que
Galicia acadará polo aprazamento noutros dez anos na devolución das
liquidacións negativas dos anos 2008 e 2009. Deste xeito, a Comunidade Autónoma
vai aforrar máis de 200 millóns grazas á mellor xestión da carteira da débeda e
ao aprazamento das devolucións, que foi aprobado por proposta do Executivo
autonómico.
Muñoz
Fonteriz tamén anunciou que a Xunta aprobará a Oferta de Emprego Público (OEP)
para o ano 2014, pola que a Administración autonómica sacará a oposición 53
prazas no ámbito da Función Pública, un 13% máis que o ano anterior. A OEP
centrarase no reforzo dos órganos especializados da Administración e na Axencia
Tributaria de Galicia, co obxectivo de reforzar a loita contra a fraude fiscal.
A Conselleira insistiu en que estas contas son as
primeiras que medran desde o inicio da crise. A Xunta contará en 2015 cun
orzamento de gasto non financeiro de 8.436 millóns de euros, un 0,5% máis que
no presente exercicio, e a capacidade de gasto aumentará en 61 millóns de
euros.
Avanzou que Galicia volverá ser en 2015 unha das
comunidades que fará maior esforzo investidor. A Xunta destinará ao capítulo de
investimentos practicamente o 15% da súa capacidade de gasto, case o dobre que
a media de comunidades. Segundo os últimos datos do Ministerio de Hacienda,
Galicia tamén está a liderar neste 2014 a execución de investimentos reais.
Outra dos eixos de actuación no vindeiro ano será a mellora do mercado laboral.
Muñoz Fonteriz recordou que Galicia é a segunda comunidade na que máis baixou o
desemprego no que vai de lexislatura –un 16,1%, o dobre que a media-, pero
insistiu en que a creación de emprego é prioritaria e por iso os Orzamentos
incidirán no emprego xuvenil, cun plan de emprego dotado de 100 millóns, e
tamén no colectivo de persoas maiores de 45 de anos.
Ademais, a
área social seguirá concentrando 8 de cada 10 euros do Orzamento da Xunta,
blindando o gasto en sanidade e educación e reforzando as partidas para os
colectivos máis necesitados. Neste sentido, a partida para dependencia medra en
20 millóns e achegarase ata os 300 millóns; a discapacidade contará cun
orzamento duns 100 millóns, e a partida para a Risga volve aumentar e xa conta
co dobre de recursos que hai seis anos.
A
conselleira recalcou tamén que os beneficios fiscais medrarán en 2015 case un
5%, ata superar os 320 millóns de euros. Ademais, desta cantidade a inmensa
maioría -280 millóns- terán un carácter social e beneficiarán a familias e
empresas.
Muñoz
Fonteriz explicou que Galicia “segue xerando confianza, ten os mercados abertos
e non precisa de axuda do Estado”, mantendo unha autonomía financeira que supón
que os nosos provedores sigan entre os que cobran con máis axilidade de España.
Ademais, a Comunidade seguirá en 2015 pola senda de redución do déficit
autorizado, que pasará do 1% neste exercicio ao 0,7% do vindeiro, é dicir, tres
décimas menos. Galicia é a terceira comunidade onde menos medrou o déficit
público dende o inicio da crise.
Finalmente, Elena Muñoz Fonteriz referiuse aos retos de futuro que ten Galicia
para esta década, e confirmou que en 2015 se aprobará un plan estratéxico para
a segunda parte da década, que dará continuación ao xa existente para o período
2010-2014. Sobre isto, incidiu en que as prioridades serán a competitividade
das pemes, a mellora da empregabilidade, a sostenibilidade ambiental, a
economía do coñecemento e o benestar social.
A conselleira sinalou que os
Orzamentos para 2015 “serán útiles para Galicia e para os galegos”, e recordou
que permitirán atender os servizos públicos fundamentais, priorizar a atención
dos sectores que máis o necesitan e buscan un crecemento sostible e integrador.
Recibirá resposta
Recibirá resposta