Hoxe todos falan da "consulta ", declarada ilegal polo TC que tivo lugar onte en Cataluña, e xustamente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo estivo esta mañá en Barcelona pronunciando unha conferencia-coloquio no marco do ciclo Conversas no Círculo de Economía, trasladado unhas interesantes e sensatas mensaxes que reproduzo.
Dixo que “non é esta unha época de muros” senón, pola contra, “de pontes”, de apuntalalas e proxectar outras mellores e avogou por iniciar unha nova etapa baseada nunha política democrática, que responda aos intereses da maioría, pero sempre dentro das regras do xogo que a maioría fixou previamente.
Durante a súa intervención, Feijóo salientou que a España constitucional é unha obra de todos e apostou por intentar perfeccionala entre todos. E, ao fío disto, lembrou que en Galicia se desenvolveu un patriotismo inclusivo, que permitiu salvagardar a unidade dos seus cidadáns en torno a un proxecto de país orgulloso de selo, pero ao mesmo tempo aberto e comprometido co interese xeral que todos compartimos.
Todas estas realidades iluminan, segundo o titular da Xunta, unha das máximas que definen a Galicia actual: “somos un territorio aberto, onde a galeguidade non se mide polo berce, senón polo compromiso”, incidiu.
Para o presidente da Xunta o efecto da cultura autonómica sobre a sociedade galega non foi o repregamento, senón a expansión; “e o efecto da sociedade galega sobre a autonomía –engadiu-, o dun forte revestimento de sentido común.
Ese ‘sentidiño’ que tanto pregoou o noso primeiro presidente Xerardo Fernández Albor e ese ‘seny’ que tan ben caracteriza o día a día do pobo de Cataluña”.
Ese ‘sentidiño’ que tanto pregoou o noso primeiro presidente Xerardo Fernández Albor e ese ‘seny’ que tan ben caracteriza o día a día do pobo de Cataluña”.
Diante disto, Feijóo asegurou que a sociedade catalá é perfectamente consciente da responsabilidade que ten ante si e expresou o seu convencemento de que saberá asumila coa madurez que a caracteriza, “xa que se algo tivo de positivo todo este proceso é que sacou á palestra pública unha serie de debates que permiten contrastar os imaxinarios baseados en prexuízos coas realidades representadas con datos”
Sobre este punto, o responsable do Goberno galego fixo fincapé en que hai fórmulas para mellorar o financiamento das comunidades autónomas; “intereses compartidos por todos, que entre todos debemos conciliar para obter un mellor trato do Estado”, aseverou, ao que engadiu que, non obstante, a adopción dunha vía unilateral, contraria á que tradicionalmente percorreu a sociedade catalá, levaría ao colapso financeiro da que sempre foi un dos territorios máis puxantes de España.
Neste sentido, afirmou que cando as axencias de cualificación aventuran a degradación da débeda en caso de independencia; cando os fondos internacionais esixen cláusulas que os protexan ante unha posible saída do euro; cando os economistas máis respectuosos advirten da inviabilidade dun eventual Estado; ou cando as empresas se formulan trasladar a súa sede a outro lugar, están constando a ameaza que para o pobo de Cataluña representa un camiño baseado en prexuízos.
Feijóo asegurou non recoñecer á España que debuxan algúns para xustificar as súas opcións. “É como se necesitaran presentar un país macabro, escuro e intolerante para obter un salvoconduto ideolóxico”, dixo, ao que engadiu que España non é así, “porque entre todos transformámola, modernizámola e adecuámola a súa pluralidade”. “España non é así grazas en gran medida á forza do pobo catalán, auténtica vangarda dos cambios que se produciron”, profundou.
Se ben é verdade que a lei sen política esta falta de alento vital, de impulso humano e de emocións, Feijóo lembrou que unha política sen lei está abocada á arbitrariedade e ao mero populismo e concluíu aseverando que na encrucillada actual “necesitamos de ambas as dúas, para pasar a páxina de onte e avanzar nas solucións de mañá”.
Recibirá resposta