Quero salientar
que o pasado venres o Consello da Xunta autorizou o proxecto de decreto
que establece o complemento extraordinario de 206 euros para os ao redor de
43.000 perceptores de Pensións Non Contributivas da Seguridade Social (PNCS);
do Fondo de Asistencia Social (FAS) e do Subsidio de Garantía de Ingresos
Mínimos (SGIM). En total, o Goberno galego investirá preto de 9 millóns de
euros nestas axudas.
Esta axuda –que se
aboará nun pagamento único en xaneiro- beneficiará, polo tanto, a pensionistas
de xubilación e invalidez, na súa modalidade non contributiva; a persoas
anciáns e enfermas con incapacidade para o traballo beneficiarias de axudas
periódicas individualizadas; e ás persoas que presentan unha minusvalía e que
son beneficiarias do Subsidio de Garantía de Ingresos Mínimos.
Ademais de
Galicia, só outras tres comunidades autónomas manteñen un complemento destinado
a este colectivo: Andalucía, Cataluña e Estremadura. Galicia é unha das rexións
que aboa a contía máis elevada aos beneficiarios.
Para optar a estas
axudas non é necesario que os beneficiarios presenten ningún tipo de solicitude
nin facer ningún trámite adicional, xa que directamente percibirán o
complemento extraordinario os que xa estean cobrando as pensións mencionadas. En
concreto, actualmente hai en Galicia 42.710 perceptores de PNC; 10
beneficiarios de FAS e 450 beneficiarios do SGIM.
Deberán cumprir
dous requisitos: ter a residencia habitual en Galicia e estar en situación de
alta en nómina, é dicir, ser xa pensionista na data 1 de xaneiro de 2014 e
permanecer nesta situación na data de entrada en vigor do decreto (o mesmo día
da súa publicación no DOG) que vén de autorizar hoxe a Xunta.
O pagamento
realizarase de oficio a todas as persoas beneficiarias que reúnan estes
requisitos, para o que se recorrerá á información contida na base de datos da
Xunta de Galicia. O pagamento efectivo farase a través dunha transferencia
bancaria na conta corrente onde as persoas beneficiarias teñan domiciliado o
recibo ordinario da súa prestación.
Esta iniciativa inscríbese na decidida aposta do Goberno da Xunta por apoiar
ao colectivo en risco de exclusión, unha aposta que se reflicte tamén nos
orzamentos para 2015, que inclúen a mesma partida que se aprobou hoxe.
En global, os orzamentos destinados á inclusión aumentarán nun 17,7
por cento o próximo ano, ata acadar os 70 millóns. Dentro desta partida, cabe
destacar o investimento destinado á RISGA, que contará con 47,7 millóns de
euros, un 20% máis que o orzamento inicio deste ano.
A inclusión laboral é outra das principais liñas de actuación con este
colectivo. Por iso, o próximo ano a orde de contratación de perceptores da
RISGA, que se convocou por primeira vez este ano, duplicará o seu orzamento o
próximo ano, de 5 a 10 millóns de euros.