jueves, 18 de diciembre de 2014

Aprobada a Estratexia de inclusión social de Galicia (EIS) 2014-2020

Saliento a positiva nova de que este mañá o Consello da Xunta presidido por Alberto Nuñez Feijóo aprobou hoxe de xeito definitivo a Estratexia de inclusión social de Galicia (EIS) 2014-2020, que xa coñecera como informe no mes de novembro e que agora pecha a súa tramitación tras incorporar as achegas das entidades do sector. Grazas a este diálogo, incorporáronse 22 novas medidas, co que o número total de actuacións ascende a 316, organizadas ao redor de 8 eixes transversais e outros tantos de carácter sectorial.
O orzamento mínimo –poderá ampliarse- para desenvolver esta iniciativa estímase nunha cifra superior aos 522 millóns de euros. Esta contía de partida xa supón un 126% máis que a partida consignada no anterior Plan de inclusión de Galicia 2007- 2013, que contaba con 231 millóns de euros.
Cabe lembrar que na EIS inclúese tamén a Estratexia específica destinada á poboación xitana, que xa fora tamén coñecida polo Consello da Xunta. Esta está composta por 93 medidas ao redor de seis eixes: educación, vivenda, saúde, emprego, servizos sociais e participación.
Para garantir a eficacia e flexibilidade de toda esta planificación, elaboraranse tres plans operativos de carácter bianual, o que permitirá axustar a execución das medidas e mesmo incorporar outras novas.
Os principais obxectivos da EIS son a loita contra a pobreza infantil e a redución das consecuencias da exclusión territorial. Perseguirá, ademais, dar un novo pulo á inserción no mercado laboral e mellorar a prevención nos casos de vulnerabilidade. Todas as actuacións están deseñadas tendo en conta a avaliación do anterior Plan galego de inclusión social 2007-2013, de xeito que se pon en valor a experiencia previa e se busca a máxima efectividade.
22 novas medidas:
A estratexia someteuse ao diálogo coas entidades do sector, co fin de enriquecela. Grazas ás súas achegas, incorporáronse ao documento definitivo un total de 22 actuacións que non aparecían no borrador.
Entre estas, as máis destacadas son: favorecer a participación das persoas en risco de exclusión no proceso de reflexión e toma de medidas; apoiar as entidades para a creación de programas de vivendas tuteladas ou semituteladas para as persoas sen fogar ou con vivenda precaria; habilitar vivendas de titularidade pública como recurso de aloxamento transitorio; apoiar a mellora das competencias clave e capacidades básicas da poboación adulta; promover a inclusión sociolaboral das persoas retornadas; e fomentar a implicación dos medios de comunicación e da iniciativa privada na loita contra a discriminación, pobreza e exclusión.
Ademais destas novas incorporacións, cabe salientar que o borrador xa reforzaba as medidas máis eficientes e propoñía outras novas para avanzar na atención á exclusión social.
Así, entre as novas propostas xa incorporadas no borrador están: acondicionar e reformar, coa axuda do Feder, as infraestruturas destinadas a servizos de atención de necesidades básicas (comedores sociais, albergues...); habilitar un procedemento para o pagamento anticipado das axudas de inclusión social, con carácter previo á súa xustificación, nos casos de familias con menores; ou crear unha bolsa de horas para a realización de  accións de mediación intercultural co colectivo inmigrante e as minorías étnicas.

Tamén establecerá mecanismos para abordar a exclusión territorial como, por exemplo, impulsar a creación de redes de cooperación e espazos de dinamización ou mellorar o acceso aos servizos sociais a través das TIC, promovendo o teletraballo social ou puntos de atención móbiles e flexibles.


Aposta pola inclusión


Esta iniciativa inscríbese na decidida aposta deste Goberno por apoiar as persoas en risco de exclusión. Por iso, en 2015, o orzamento destinado á inclusión medrará nun 17,7%, ata os 70 millóns. En concreto, a Risga contará o próximo ano con 47,7 millóns de euros, un 20 por cento máis en comparación co orzamento inicial de 2014. De cara ao próximo ano cabe destacar tamén o incremento na orde de contratación de perceptores da Risga, que se puxo en marcha por primeira vez este ano, que aumenta nun 100% ata os 10 millóns de euros.


Parabens a Xunta pola aprobación desta folla de ruta pola inclusión social, que a xudará a moitas persoas que o necesitan.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta