Acabamos de coñecer unha agardada noticia: O Comité
Electoral do PPdeG recibiu hoxe as propostas dos órganos municipais ou
provinciais competentes sobre as persoas que encabezarán as listas do partido
ás vindeiras eleccións nas sete principais cidades de Galicia.
Os candidatos das catro capitais
de provincia serán Carlos Negreira por A Coruña, Jaime Castiñeira por Lugo,
Jesús Vázquez por Ourense e Jacobo Moreira por Pontevedra.
Respecto ás outras tres grandes
urbes da Comunidade, os alcaldes de Santiago e Ferrol, Agustín Hernández e José
Manuel Rey Varela, optarán a un novo mandato e serán os cabezas de cartel do
PPdeG nas próximas eleccións. Pola súa banda, a conselleira de Facenda, Elena
Muñoz, será a encargada de liderar a candidatura dos populares na cidade de
Vigo.
Isto supón que o PPdeG renove os
seus candidatos en catro das sete cidades respecto aos cabezas de cartel que
presentou na anterior cita electoral, o que supón un 57,1% de renovación.
Repiten os candidatos e alcaldes
de A Coruña e Ferrol, así como o aspirante de Lugo, que obtivo en 2011 a
porcentaxe máis alta de voto do PPdeG nas sete cidades aínda que non serviu
para obter unha maioría suficiente para gobernar.
No caso da miña cidade, a proposta de Jesús Vazquez foi acordada por unanimidade do Comité Electoral do PP de Ourense.
Jesús, con raíces familiares en Ribadavía, naceu en Nuremberg (Alemania) en 1967. É Licenciado en Ciencias Económicas e
Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e Doutor Cum Laude en
Ciencias Económicas e Empresariais pola de Vigo, na que exerceu como profesor
titular do departamento de Organización de Empresas e Marketing. A súa carreira
profesional desenvolveuna tamén como administrativo de primeira en Banco
Gallego S.A., profesor titor da Universidade Nacional de Educación a Distancia
en Ourense, subdirector da Escola de Estudos Empresariais e decano da Facultade
de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo.
Desde o 26 de marzo de 2008, e ata o seu nomeamento como Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia o 20 de abril de 2009, ocupou o cargo de deputado electo por Ourense do grupo parlamentario populardo Congreso dos Deputados. Neste tempo, exerceu como membro das comisións de Economía e Facenda; de Educación, Política Social e Deporte; e de Ciencia e Innovación. Posteriormente, foi tamén voceiro de Universidades do grupo parlamentario popular e presidente da Comisión Nacional de Universidades do Partido Popular.
En xaneiro de 2012 o departamento do que é Conselleiro pasa a asumir tamén as competencias de Cultura do Goberno Galego. Compatibiliza o cargo de Conselleiro no Executivo Galego co escano de deputado autonómico no Parlamento de Galicia dende 2012.
Ademais de todo o anterior é un gran compañeiro e mellor
persoa. Creo que é p candidato ideal para merecer a confianza maioritaria dos electores de Ourense e así obter
a responsabilidade de encabezar o futuro goberno municipal desta importante
cidade.