lunes, 26 de enero de 2015

Campaña especial de asistencia para pensionistas retornados, co obxectivo de prestar a axuda necesaria no proceso extraordinario de regularización

Saliento a moi boa nova de que a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) disporá de 26 técnicos durante a campaña especial de asistencia para pensionistas retornados, co obxectivo de prestar a axuda necesaria no proceso extraordinario de regularización. A Xunta participará coa Axencia Tributaria do Estado (AEAT) nesta campaña, que comezará en marzo e prolongarase durante catro meses.

A conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, anunciou hoxe que a Axencia Tributaria do Estado habilitará en febreiro un sistema de cita previa. Os contribuíntes poderán solicitar unha cita por teléfono ou por internet, e o día que se lles asigne poderán realizar e presentar as declaracións tributarias que lle correspondan coa axuda de persoal especializado.
A campaña especial de asistencia a pensionistas retornados realizarase nas oficinas da AEAT, a través de plataformas conxuntas nas que participará persoal da Xunta de Galicia e da Administración do Estado. Así o establece o protocolo de colaboración asinado hoxe entre a titular de Facenda e a delegada da AEAT en Galicia, Imelda Capote.
Unha vez solicitada a cita, os contribuíntes levarán a súa documentación para realizar o trámite de regularización. Esta colaboración entre as dúas administracións é similar á que veñen realizando dende hai anos na campaña da renda. En total, a ATRIGA e a AEAT disporán de 40 técnicos para axudar a este colectivo, dos que 26 son da Xunta.

Ao remate da reunión do Consello Territorial de Dirección para a Xestión Tributaria, a conselleira de Facenda recordou tamén que dende o pasado 1 de xaneiro os pensionistas retornados xa poden solicitar a devolución das sancións, os recargos e os xuros de demora.

Este trámite poden facelo por internet ou, presencialmente, nas oficinas da Axencia Tributaria de Galicia e nas da Axencia Tributaria do Estado. A ATRIGA tamén dispón dun número de teléfono (881.99.52.84) para informar sobre o proceso de devolución. A Xunta conta ademais con persoal especializado en todas as delegacións da Axencia Tributaria de Galicia para axudar aos pensionistas retornados neste procedemento.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta