martes, 27 de enero de 2015

Feijóo presenta un ambicioso Programa de Impulso Democrático con 5 leis e 50 medidas en 50 días para que Galicia vaia por diante en transparencia e exemplaridade

A noticia política do día de hoxe estivo no Parlamento de Galicia onde o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou nun pleno extraordinario un Programa de Impulso Democrático con 5 leis e 50 medidas en 50 días para que Galicia vaia por diante en transparencia e exemplaridade.

No seus discurso deu conta do novo impulso democrático que se vai desenvolver ao longo dos próximos meses “e xa desde este mesmo xoves no Consello”, cumprindo así o seu compromiso de comparecer na Cámara para abordar este debate e tratar de acordar coa oposición estas iniciativas.

Feijóo incidiu no seu compromiso de dar conta do que a Xunta leva feito, e tamén do que vai facer para seguir loitando “contra a presenza desas persoas que utilizan a política para os seus intereses”, a través de tres liñas de actuación principais: “dotar á acción do Goberno da transparencia máxima; conseguir, ao mesmo tempo, un maior control externo do Goberno; e garantir unha maior participación cidadá na mellora do sistema de democracia representativa que nos temos dado”.

Máis polo miúdo, precisou que as propostas presentadas  “van no sentido do que xa vimos aplicando desde que chegamos ao goberno en 2009: máis instrumentos para garantir o compromiso ético dos gobernos; e máis control e transparencia da acción do goberno”.

MEDIDAS DE IMPULSO DEMOCRÁTICO

1. Medidas no ámbito dos Gobernos

Nun primeiro termo, Feijóo subliñou que o programa recolle accións en moitos ámbitos, que se poden agrupar en dúas grandes liñas: o impulso da transparencia dos datos públicos, a partir dunha nova lei galega e dos seus desenvolvementos, da posta en marcha do Portal de Transparencia e Goberno Aberto de Galicia e do reforzo do portal Open Data; e unhas maiores esixencias de ética pública, cunha parte dedicada a bo goberno na Lei de transparencia, cun seguimento do Código Ético e con novas esixencias para o desempeño do altos cargos.

Avanzou que este xoves o Consello da Xunta aprobará as medidas incluídas neste Programa de Impulso Democrático máis vinculadas ao Goberno e a Administración, entre as que citou algúns aspectos importantes como:

1. A elaboración e tramitación do proxecto de lei dunha nova Lei de ordenación da asistencia xurídica da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público. Unha lei que dilucidará con precisión cales son os casos nos que un empregado ou autoridade pública podería recibir asistencia letrada da Administración. Deste xeito, asegúrase que, en ningún caso, unha persoa que fose culpable do delito do que se lle acusa vexa a súa defensa pagada cos cartos dos contribuíntes.

2. O impulso e seguimento das medidas previstas no Código Ético Institucional da Xunta de Galicia.

3. O inicio dun plan de reasignación de efectivos na administración autonómica destinado a reforzar as unidades dedicadas ao control e á inspección e que permitan detectar fraudes, incidindo particularmente no ámbito das subvencións e bolsas, tal e como se aprobou tamén nunha resolución do Debate de Estado da Autonomía.

4. O establecemento de mecanismos de control da legalidade e de seguridade xurídica no eido local, que se tratará de acordar coa Fegamp.

“Estes son algúns dos eixos que se inclúen no Programa que estudaremos o xoves”, insistiu, logo de referirse ao eixo de maior transcendencia:

5. A nova Lei de transparencia e do bo goberno: elaborar un texto novo, unha lei que permita avanzar máis e ser aínda máis esixentes.

- Unha lei participada por todos: para acadar a elaboración dun anteproxecto de lei o máis consensuado posible para a súa posterior tramitación parlamentaria abrirase un foro de participación cidadá sobre o novo texto. O obxectivo é que en marzo poida comezar esa tramitación do Anteproxecto de Lei de transparencia.

- Esta lei deberá: establecer as definicións en materia de transparencia; establecer a obriga de subministrar información por parte das persoas da Administración, pero tamén as entidades que contraten coa Administración e as que reciban subvencións; regular o dereito de acceso á información pública; ou definir cal vai ser o Órgano de control e seguimento da transparencia, que será un órgano autonómico e independente.


- Tamén deberá establecer normas de bo goberno, con medidas como:
  • Establecemento, por primeira vez, de límites da actuación dos gobernos en funcións. Un goberno en funcións non poderá, en consecuencia, nin presentar proxectos de Lei, nin autorizar convenios ou acordos co Estado e outras CCAA, nin aprobar convocatorias de provisión de postos de traballo, nin modificar RPT, nin adquirir compromisos de gasto fóra do gasto corrente.
  • Regulación do traspaso de poderes, coa obriga de deixar un informe de xestión no que quede constancia dunha serie de contidos mínimos (convenios vixentes, execución orzamentaria, compromisos asumidos, accións xudiciais nas que se sexa parte, contratos vixentes, obrigas pendentes de pagamento...).
  • Consolidación por lei de que exista un Código Ético Institucional que obrigue os altos cargos e que teñan que asumir no momento da súa toma de posesión.
  • E, ademais, respecto ás medidas reguladoras do alto cargo recolleranse e ampliaranse algunhas das que xa se aplican na Administración Xeral do Estado, para garantir o máximo control cidadán do desempeño dos altos cargos.
• Haberá un control da actividade dos altos cargos antes de acceder ao Goberno. Estará obrigado a inhibirse sobre asuntos que afecten a empresas nas que ocupase postos directivos nos dous anos previos ao seu nomeamento. Pero ademais, esa actividade nos dous anos previos deberá constar na súa declaración de actividades pública, para que a cidadanía teña constancia das vinculacións de todos os cargos públicos.

• Haberá maior control da súa actividade durante o exercicio do alto cargo, pois se prohibirá tamén a participación maior ao 10% non só en empresas contratistas da Administración senón tamén en subcontratistas.

• E tamén unha maior supervisión da súa actividade despois da súa saída. Para iso designarase a un órgano encargado de revisar as variacións do seu patrimonio para que sexan xustificadas. E ademais, establecerase a obriga de que, durante os dous anos nos que lle afecte a Lei de incompatibilidades, teña que declarar á Oficina de Incompatibilidades, con carácter previo, calquera actividade que pretenda emprender. Esta Oficina certificará se se cumpre ou non coas normas de incompatibilidade.

Esta lei tamén deberá regular o Portal Web de Transparencia, de xeito que se garantan os principios básicos de accesibilidade, interoperabilidade, calidade e reutilización da información publicada. No tocante a este portal, Feijóo subliñou que:
- Aumentarase a transparencia da Administración institucional: obrigarase legalmente a ter publicado na web o inventario total de entes, as retribucións do seu persoal directivo e os contidos dos seus contratos-programa e plans de actuación.
- Aumentarase a transparencia da acción lexislativa do Goberno: obrigarase legalmente a publicar no Portal de Transparencia o programa lexislativo do Goberno para que os administrados poidan prever os futuros cambios normativos e publicaranse tamén os textos das resolucións xudiciais que afecten á vixencia ou á interpretación das normas vixentes.
- Aumentarase a transparencia dos servizos públicos: obrigarase por lei a publicar todos os pregos de condicións das concesións de servizos públicos que faga a Xunta.
- Aumentarase a transparencia do empregado público: obrigarase legalmente a publicar no Portal de Transparencia o cadro total de empregados públicos e a súa distribución por grupos; os acordos reguladores das condicións de traballo e os convenios colectivos; as ofertas públicas de emprego e os procesos de selección do persoal e o os liberados sindicais e os seus custos.
- Aumentarase a transparencia do patrimonio da C.A: obrigarase por lei a publicar a relación de bens inmobles e de vehículos oficiais do sector público autonómico.
- Aumentarase a transparencia das contas públicas: obrigarase por lei a publicar toda a información sobre a débeda pública: a súa evolución, os indicadores estatísticos.
- Aumentarase a transparencia da actividade urbanística: obrigarase por lei a que no Portal de Transparencia estean á disposición da cidadanía todos os plans xerais de ordenación municipal e as súas modificacións e revisións.
- Aumentarase a transparencia da actividade contractual e convencional da Xunta. Co compromiso de que esta nova Lei de transparencia inclúa a renovación do decreto do rexistro de convenios para aumentar as posibilidades de consulta cidadá e regular as novas funcionalidades tecnolóxicas.

2. Control externo: nova Lei do Consello de Contas.

O presidente do Goberno autonómico resaltou que a existencia dunha maior demanda social de transparencia e control sobre o manexo dos fondos públicos aconsella unha actualización da xa antiga norma reguladora do Consello de Contas para reforzar ese organismo. “Dotalo de novas funcións en materia de control e auditoría das contas, así como de prevención da corrupción, tal como comprometemos no DEA”, lembrou.

Con este obxectivo presentarase unha Proposición de Lei do Consello de Conta que contemplará aspectos como:
  • A atribución de facultades de prevención da corrupción, creando no seu seo unha sección encargada de: elaborar plans de riscos de prevención da corrupción; colaborar coas administracións galegas na elaboración de normas internas sobre prevencións deses riscos; e asesorar ao Parlamento, ao sector público autonómico a ás entidades locais galegas en materia de prevención da corrupción.
  • A potenciación da realización de auditorías operativas
Aberto ao diálogo, Feijóo expresou a súa confianza en que, “entre todos, poidamos ter a nova Lei aprobada neste primeiro período de sesións deste 2015”.

3. Participación cidadá e financiamento dos partidos.

Por último, Feijóo fixo mención tamén aos aspectos vinculados á participación da cidadanía na política nunha dobre vertente: a da participación a través dos partidos políticos; e a da participación directa a través de novas vías para o acceso á información e á elaboración de propostas no Parlamento.

No eido da participación a través dos partidos políticos destacou unha nova Lei de financiamento dos partidos políticos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Un texto que entre outras cousas deberá recoller: a prohibición de doazóns aos partidos por parte de persoas xurídicas; e o establecemento de medidas de transparencia adicionais ás previstas na normativa básica estatal.

Logo de solicitar ao Consello Consultivo a elaboración dun texto que servise como Anteproxecto de Lei de financiamento dos partidos políticos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o titular da Xunta expresou o seu convencemento de que “nos próximos días recibiremos ese texto e, a partir de aí, comezar a súa tramitación para ser aprobado o correspondente proxecto de lei por parte do Consello da Xunta e, con posterioridade, ser enviado a este Parlamento no período de sesións que vai comezar”.

No eido de ofrecer vías de participación cidadá, tanto na actividade lexislativa, como na de impulso e control das administracións, Feijóo lembrou a aprobación na Cámara dunha nova norma para a regulación das iniciativas lexislativas populares, “e queremos seguir avanzando nesta idea”, aseverou.

Nesta liña, considerou que é oportuno contar cunha norma que permita regular as diferentes vías de participación na actividade parlamentaria, tanto as agora existentes, como outras novas que se poidan incorporar. E avanzou a presentación dun texto que permita regular:

• tanto as iniciativas lexislativas populares,

• como a posibilidade de presentar proposicións non de lei por parte dos cidadáns.

• ou a posibilidade de que a cidadanía poida realizar preguntas dirixidas ao Goberno que os grupos poderán asumir para a súa tramitación
Ademais, ese texto incorporará unha regulación que poida dotar de maiores garantías de control e sirva para impulsar e iniciativas xa existentes como “Lexisla con nós”. Unha medida impulsada desde a Presidencia do Parlamento, e que permite que as achegas que os particulares realizan durante a tramitación de proxectos lexislativos sexan coñecidas e valoradas nas correspondentes ponencias.

“En resumo, estamos a falar de máis control interno nos gobernos; máis control externo por parte do Consello de Contas; e mellor regulación da participación cidadá directa e mellores garantías no financiamento dos partidos”, concluíu, logo de incidir en que “máis aló das palabras, esta Xunta está respondendo e ten respondido con feitos” desde 2009.

I. Feitos no ámbito da ética e a honorabilidade dos altos cargos e o persoal da Administración Autonómica:

1. Decisión de facer públicas as declaracións de bens patrimoniais dos membros da Xunta. Unha práctica que foi posteriormente blindada con rango de lei. O presidente Feijóo foi o primeiro presidente da Xunta que fixo públicas as súas declaracións do IRPF.

2. Aprobación dos criterios básicos para regular, por primeira vez na Autonomía galega, as viaxes oficiais ao exterior dos cargos da Administración autonómica.
3. Homologación e publicación das retribucións do persoal directivo dos entes instrumentais do sector público autonómico, establecéndose topes máximos segundo o tipo de organismo.

4. Aprobación do primeiro Código ético Institucional da Xunta de Galicia, un manual que regula e condensa nun único documento os criterios básicos de conduta e responsabilidade profesional no ámbito da administración autonómica galega.

II. Feitos no eido da eficiencia e calidade dos servizos da Administración:

5. Redución do 50% do número de altos cargos; redución do persoal eventual; redución de coches oficiais e menor gasto corrente.

6. Lei de garantía da calidade dos servizos públicos (en tramitación na Cámara).

7. Posta en marcha de tres plans para avaliar, reestruturar e optimizar o funcionamento da Administración instrumental dependente da Xunta de Galicia: con medidas de axuste, de supresión ou mellora do funcionamento, sobre 160 entes dependentes.

III. Feitos no eido da contratación:

8. Lei de racionalización do sector público, coa que se rebaixou á metade as contías de adxudicación directa para contratos menores.

9. Garántese que procedementos negociados iniciados pola Xunta sexan os máis transparentes das administracións públicas españolas, de xeito que as empresas poidan coñecer as ofertas das competidoras para acadar mellores prezos antes da adxudicación definitiva.

10. Sistema de factura electrónica.

11. Regulación da Plataforma de Contratos Públicos de Galicia.

IV. Feitos no eido da transparencia e do acceso á información e á participación da cidadanía:

12. Faise máis accesible a Guía de Procedementos e Servizos.

13. Implementación da iniciativa Open Data da Xunta de Galicia.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta