martes, 10 de febrero de 2015

Na exposición antolóxica de Antón Pulido, o último acto como Conselleiro de Jesús Vázquez


Asisto onte en Ourense, na sala de exposicións de AFundación ao acto de inauguración da exposición Antolóxica do xenial pintor de Bóveda de Amoeiro, Antón Pulido.

Foi o úlimo acto de Jesús Vázquez como Conselleiro, que  tras eloxiar  o  traballo de Pulido, agradecía ao presidente Feijóo e a todo o seu equipo que o acompañaran .
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,  afirmou que esta exposición é unha ventá aberta á obra dun dos grandes da pintura ourensá e galega; “cada un dos cadros da exposición conforman un grande agasallo para os sentidos, un grande agasallo para espertar a sensibilidade de calquera”, dixo, para engadir que esta mostra “guíanos desde o expresionismo ata a arte abstracta, sempre da man dun pintor que, en medio século, nunca se acomodou”.

Feijóo subliñou que os camiños e os abismos que pinta Pulido reflicten o estado de ánimo e as perspectivas de quen contempla os lenzos, introducindo o espectador na obra de arte. “Esta retrospectiva convértese nunha completa panorámica da maduración artística dun autor que soubo reinventarse constantemente, que non perdeu o interese por facer cousas ben feitas”, abundou.
Sobre Jesús Vázquez afirmou que “traballou arreo comigo nestes anos e que en pouco tempo deixará de formar parte do Goberno do noso país” lembrando que foi “un dos motores políticos da Xunta de Galicia en áreas tan difíciles como as de Cultura e Educación. E o primeiro que tivo menos cartos cada ano”.
Salientou que conselleiro tivo que facer fronte á praga bíblica dos sete anos de vacas fracas “que coido que acabamos de superar e agardo que agora veñan tempos mellores”.
En definitiva o presidente Feijoo agradeceu públicamente o traballo desenvolvido por Jesús Vázquez  “un gran traballo, e fagoo aquí, nesta cidade, diante dos ourensáns e da xente da cultura e nesta praza que é o corazón  de Ourense”

Nin que dicir ten que comparto esta reflexión, pois Jesús Vázquez se entregou con plenitude ao servizo público e marcha pola porta grande, cunha brillante folla de resultados.
Parabén e grazas Jesús.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta