lunes, 23 de febrero de 2015

Ourense ten un novo Edificio de Xulgados

Asisto hoxe ao acto de inauguración dos novos  Xulgados que foi presidido polo titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e que conóu coa presenza do Presidente do TSJ de Galicia, Miguel Ángel cadenas, do Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, da Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo e do alcalde de Ourense, Agustín Fernández, entre outras autoridades.

Un excelente inmoble  que supuxo un investimento de 18 millóns de euros -a maior infraestrutura xudicial que este Goberno fixo nos últimos seis anos-, que conta con máis de 14.000 metros cadrados distribuídos en nove plantas; ten capacidade para 24 xulgados e 16 salas de vistas, con espazos para os servizos de rexistro civil, Imelga, oficina de atención ao cidadán e á vítima, colexios profesionais, servizos de notificacións e embargos, etc. e dará servizo a máis de 200 profesionais.
O presidente da Xunta concluíu a súa intervención incidindo en que este novo inmoble vén solucionar os problemas de espazo que hai na actualidade no Pazo de Xustiza de Ourense; e revitalizará o barrio do Couto.
Na súa intervención referiuse ao novo edificio xudicial de Ourense como a proba de que cando a Xunta e a Administración Local traballan conxuntamente gañan, “porque gañan as cidades e porque, sobre todo, gañan os cidadáns”.
Así mesmo, afirmou que esta nova sede xudicial é a mostra de que os galegos nos momentos máis aciagos da crise económica “fomos quen de tentar non renunciar á mellora dos servizos públicos durante esta profunda crise económica”. “Por iso, agora que comeza a amainar o temporal económico, podemos dicir que os servizos públicos quedaron preservados tanto no eido da sanidade -con hospitais novos ou renovados nas principais cidades, e máis centros de saúde-; na educación pública -incorporando ao ensino novas tecnoloxías-; e no eido da Administración xudicial, máis eficiente e áxil, con máis infraestruturas físicas e grazas ao uso das TIC”, aseverou.

Como mostra deste compromiso, Feijóo salientou que os orzamentos da Xunta destinan este ano 120 millóns de euros, un 6% máis con respecto ao 2014, para este servizo público esencial como é a Xustiza.
Co obxectivo de acadar un sistema xudicial con máis recursos pero, tamén, cunha organización eficaz e dilixente que o faga máis próximo ao cidadán, Feijóo lembrou a posta en marcha do Plan Senda 2010-2014 que, cun investimento superior aos 30 millóns de euros, conseguiu ata o de agora avances como: a renovación do equipamento informático na administración xudicial; a incorporación da videoconferencia en 60 salas; a utilización do sistema de gravación de vistas con sinatura dixital, que a finais de marzo estará operativo en 94 salas; a presentación telemática de escritos a través do programa Lexnet (que nos últimos catro anos rexistrou 10 millóns de notificacións); a posta en marcha do portal da Xustiza, e dunha axenda web de sinalamento de vistas; a entrada en funcionamento do portasinaturas dixital (para a sinatura de documentos por vía electrónica); a dixitalización do traballo dos forenses do Imelga; ou a acreditación dixital dos profesionais da xustiza.

Todos estes avances completaranse co vindeiro Plan Senda 2015-2020, que permitirá facer efectiva a implantación do expediente xudicial electrónico ou a posta en marcha da sede electrónica dixital.

Nesta mesma liña, Feijóo salientou que a Xunta está a cometer un proceso de expurgo nas principais sedes de xustiza; e, ata o de agora, cómpre sinalar que xa foron rexistrados preto de 240.000 expedientes de 120 órganos xudiciais, coa previsión de conseguir un 75% máis de espazo nas dependencias dos xulgados galegos. E, coa finalidade de acadar unha xustiza máis próxima ao cidadán, o Goberno galego está a impulsar medidas como a asistencia xurídica gratuíta para as persoas que non teñen recursos, dotándoa do financiamento necesario e axilizando os pagamentos; e está a apostar pola mediación intraxudicial.
No tocante ao Plan de infraestruturas xudiciais, que conta cun orzamento de preto de 100 millóns de euros, o responsable do Executivo autonómico afirmou que se trata dun plan que está a poñer en evidencia o gran esforzo investidor que está a realizar o Goberno galego para ampliar a rede de infraestruturas xudiciais de Galicia.

Ao fío disto, aseverou que nestes últimos cinco anos, a Xunta leva investido máis en obras de nova planta ou de reforma, que nos trece anos transcorridos entre 1996 e 2009, desde que se lle transfiren á Comunidade as competencias de xustiza. “Un período no que se destinaron a infraestruturas xudiciais 41 millóns de euros fronte aos 50 millóns de euros que xa levamos executado nestes últimos cinco anos”, abundou.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta