viernes, 13 de febrero de 2015

Sobre o apoio de España a economía de Grecia

Pronto se cumprirán cinco anos da miña asistencia a un Pleno do Congreso celebrado o 20 de maio de 2010 no que se debateu o Real Decreto-lei 7/2010, do 7 de maio, polo que se creaba o Fondo de apoio á República Helénica e se autorizaba un crédito extraordinario por importe de 9.794.387.450 euros para a súa dotación.

Eu fun un de 321 deputados que votóu a favor da validación dese Real Decreto, que só contou con dous votos en contra e tres abstencións.

Abriu ese debate a entón Vicepresidenta segunda do Goberno, Elena Salgado. Tras aludir á crise financeira internacional centrouse en destacar o caso de Grecia, e dixo que "a evolución da súa economía nos últimos anos se veu caracterizando por unha serie de desequilibrios externos e internos, en particular unha débeda pública dun nivel moi elevado e unha débeda exterior que aumentaba significativamente. Ademais, hai que resaltar a existencia de fortes debilidades estruturais do seu sistema estatístico."

Tras explicar as monumentais dificultades - fundamentalmente a ausencia de liquidez- desa República para facer fronte ás súas obrigas explicou que o paquete financeiro global de axuda tería un montante total de 110.000 millóns de euros, a desembolsar en tres anos, dos que 80.000 serán achegados polos Estados da zona euro e os 30.000 restantes polo Fondo Monetario Internacional. E dixo que a contribución de España a este programa de axuda corresponde ao 12,24 por cento do total e resulta nunha cifra de 9.794.387.450 euros, dos que o primeiro ano se haberán de desembolsar 3.672.895.290 euros.

Salgado explicou que o sistema de apoio á economía grega estaba sometido a unha forte condicionalidade que é a que constitúe a principal garantía para a devolución do préstamo. Iso implicaba que o Goberno grego tiña que adoptar un programa de decisións adicionais. “A pedra angular deste programa era un severo axuste fiscal esixido, cuxo obxectivo, era reducir o déficit público no ano 2014 por debaixo do 3 por cento e que o ratio débeda-PIB poida comezar a descender a partir do ano 2013. Recordou que o ratio débeda-PIB estaba nesa data neste momento por enriba do 120 por cento”.

Rematou a Vicepresidenta a súa intervención aludindo a que o apoio a Grecia " é unha decisión histórica sobre o goberno económico do euro e parécenos un paso fundamental na tarefa de seguir construíndo Europa. "

Polo Grupo Parlamentario Popular fixou a nosa posición Cristóbal Montoro que comezou manifestando o seu apoio á axuda financeira á República Helénica, e dixo “Facémolo en defensa propia. Facémolo en defensa do euro. O euro é estabilidade, o euro é o club da estabilidade económica, e o que está acontecendo con Grecia e con España, señorías, é que son países que incumpriron as regras da estabilidade económica. "

E aproveitou para alertar á Vicepresidenta económica do Goberno "Por iso agora temos que saír en axuda financeira de Grecia e por iso antonte, despois do Ecofin presidido polo Goberno de España, o comisario de Asuntos Económicos e Monetarios urxe a tres países da Unión Europea a reducir o déficit público -tres países, señoría; non menciona a máis-: Grecia, Portugal e España. "
  

Aludo a este debate, pois estase celebrando en Bruxelas un cumio de xefes de Estado e de Goberno da UE. Nela participa o novo presidente heleno Alexis Tsipras, tras a súa vitoria nas eleccións xerais celebradas en Grecia o 25 de Janeiro, que está cuestionando abertamente o cumprimento dos compromisos adquiridos coa UE.


E quero compartir ao respecto as palabras pronunciadas onte por Mariano Rajoy sobre a situación de Grecia cando dixo que Europa é "enormemente solidaria" con ese país. Neste sentido, argumentou que só a Unión Europea lle está a prestar diñeiro, máis de 200.000 millóns de euros. Ademais, recordou que "España achegou 26.000 millóns, 7.000 en préstamos bilaterais e 19.000 nun aval do Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE)".



Resaltou que Grecia, non pagará o principal ata dentro de trinta anos e os intereses do MEDE ata que transcorran dez, o que, ao seu xuízo, "son unhas condicións magníficas".


Rajoy declarou que hai que esperar a que o Executivo grego "diga con claridade" que é o que quere, pero que debe cumprir os compromisos que asumiu no seu momento: "O importante é que se cumpran os acordos; a partir de aí, todos intentaremos ser construtivos".


"Non" se pode construír "Europa se todos decidimos non cumprir os nosos compromisos. Polo tanto, espero que haxa sensatez e sentido común porque non podo contemplar o escenario de que Grecia non cumpra os seus compromisos, engadiu Rajoy.

Todos queremos axudar a aliviar as dificultades de Grecia, pero non a cambio de que España non recupere o diñeiro prestado.

Como recordaban estes días varios membros do executivo español o prestado a Grecia é o que importa o pagamento das prestacións por desemprego.