domingo, 29 de marzo de 2015

A mellora das previsions de crecemento do PIB español

Esta semana que remata coñecemos os datos relativos ao Boletín económico de Marzo 2015 do Banco de España, que acreditan que durante o primeiro trimestre de 2015, a economía prolongou a traxectoria expansiva do último ano.

Estímase que o PIB tería crecido no primeiro trimestre a unha taxa intertrimestral do 0,8%, o que situaría a súa taxa de variación interanual no 2,5%.


Revisouse á alza o crecemento estimado do PIB para 2015 ata o 2,8%. Significa oito décimas máis que a proxección de decembro.

Para 2016 espérase unha continuación da fase expansiva, cunha taxa media anual do 2,7%.

No ámbito do mercado de traballo, o emprego mantivo no primeiro trimestre a pauta de mellora observada ao longo de 2014, de modo que podería crecer no período de xaneiro-marzo a un ritmo similar ao do trimestre precedente (0,7%).

Tambien coñecemos esta semana que no Informe Anual do Consello de Expertos Económicos de Alemaña (coñecido como os cinco sabios), publicado en novembro de 2014, o crecemento do PIB español se situaba no ámbito do 2,0%, mentres que agora chega ao 2,6%.

A zona euro crecerá un 1,3% en 2015, onde en primeiro lugar se sitúa Irlanda (3,3%) - aínda que a cifra sexa menor que a de 2014-, seguida de España e de Alemaña, cun 1,8% fronte ao 1% anterior.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta