Hoxe
na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente do Alberto
Núñez Feijóo, avanzou a creación de dúas
novas aceleradoras para pemes innovadoras e empresas de base tecnolóxica
galegas en fase de consolidación, que se ubicarán nas provincias que non
contaban con ningún ata o de agora, Lugo e Ourense. “Interésanos seguir
insistindo na innovación como fonte de creación de emprego e dun novo modelo
económico despois da recesión”, explicou Feijóo.
Estas
dúas aceleradoras buscarán favorecer o desenvolvemento de iniciativas
vinculadas aos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, “por
entender que nestas dúas provincias estes proxectos poden ter maior éxito”,
segundo precisou o presidente. Os espazos, denominados AgroBiotech, estarán
situados no Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello ourensán de San Cibrao
das Viñas, e no Centro Tecnolóxico Alimentario-CETAL de Lugo.
Entre
as súas vantaxes, Feijóo resaltou que, ao compartiren as empresas o mesmo
espazo, “facilitarán a transferencia do coñecemento e o acceso á información
entre as empresas que traballan en rede” e que lles permitirán “incrementar a
capacidade de captación de financiamento público non só galego e español, senón
tamén europeo” no marco do Horizonte 2020, cuxas ferramentas financeiras
reservan máis de 80.000 millóns para a innovación.
Os
dous centros AgroBiotech complementan ás dúas aceleradoras que xa existían en
Galicia: ViaVigo, promovida en colaboración coa Zona Franca, na cidade olívica,
e Galicia Open Future, situada na Cidade da Cultura de Santiago. “Trátase de
que as aceleradoras de empresas non só existan no Eixo Atlántico, senón tamén
na Galicia do interior, e ademais vinculadas a sectores que entendemos que
teñen capacidade de ubicación no interior”, incidiu o mandatario autonómico.
Para
acadar estas metas, a Axencia Galega de Innovación destinará ao programa
750.000 euros no primeiro ano, co obxectivo de beneficiar a 15 pemes
innovadoras nuns espazos que teñen vocación de permanencia.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta