Destaco hoxe da actividade política en
Galicia a comparecencia do conselleiro de Facenda,
Valeriano Martínez, que no Parlamento de Galicia resaltou que a nova Lei do
Emprego Público permitirá ter unhas administracións máis eficientes co
obxectivo de prestar un mellor servizo aos cidadáns, e destacou que Galicia
será a terceira comunidade autónoma que adapta toda a súa normativa sobre
función pública á normativa básica do Estado.
O titular de Facenda presentou o proxecto de Lei do Emprego
Público, que incorporou ao borrador inicial máis de 150 alegacións presentadas
polos representantes dos traballadores, as universidades e outros 30
colectivos. “O texto foi obxecto dun intenso proceso de negociación”, recordou
Valeriano Martínez, quen avanzou que no futuro avanzarase nese proceso de
diálogo para o desenvolvemento e aplicación directa da lei.
Entre as novidades do texto, o conselleiro destacou que esta lei
instaura na Administración galega unha cultura da avaliación. Así, a avaliación
do desempeño vai permitir medir e valorar o rendemento e o esforzo dos
empregados públicos. Este sistema será aplicado por órganos especializados
dotados de autonomía funcional que traballarán sempre baixo criterios de
transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación.
Ademais, implantarase tamén a carreira profesional do persoal
funcionario, coa finalidade de permitir a súa progresión profesional sen
necesidade de cambiar de posto de traballo. “A carreira horizontal fornecerá
aos funcionarios dun sistema motivador”, indicou Valeriano Martínez, posto que
se terán en conta experiencia, formación, méritos e coñecementos.
Dixo que a través desta Lei do Emprego Público o persoal da Xunta
de Galicia recuperará os niveis salariais nun período máximo de tres anos,
mediante un fondo retributivo incluído na propia normativa. Neste 2015, a
Administración galega destinará 51 millóns de euros para aboar a todos os seu
empregados o 25% da paga extraordinaria suprimida polo Goberno en 2012.
Galicia será a primeira comunidade que suprime por lei o plus
para ex altos cargos, tal como establece a normativa presentada hoxe no
Parlamento. O conselleiro lembrou que este complemento retributivo xa estaba
suspendido e que, con esta lei, “non o imos devolver e ademais vaise suprimir”.
Outra das novidades que inclúe a nova Lei do Emprego Público é o
cambio na provisión das xefaturas de servizo. Estes postos —máis de 500 na
Administración galega— pasarán a proverse por medio dun concurso específico con
convocatoria pública.
Ademais, a normativa tamén establece os procesos de funcionarización do persoal
laboral fixo, o que permitirá gañar en polivalencia. Así, dotarase dun único
réxime legal a determinados colectivos de empregados de servizos como as
oficinas de emprego ou os servizos sociais.
En canto ao persoal directivo profesional, a nova normativa establece que será seleccionado ordinariamente entre funcionarios de carreira e persoal laboral fixo ao servizo das administracións públicas, e a súa selección basearase nos principios de mérito, capacidade e idoneidade. Este persoal tamén será avaliado conforme aos criterios de eficacia e eficiencia, e estará suxeito a responsabilidade pola súa xestión e ao control de resultados.
En canto ao persoal directivo profesional, a nova normativa establece que será seleccionado ordinariamente entre funcionarios de carreira e persoal laboral fixo ao servizo das administracións públicas, e a súa selección basearase nos principios de mérito, capacidade e idoneidade. Este persoal tamén será avaliado conforme aos criterios de eficacia e eficiencia, e estará suxeito a responsabilidade pola súa xestión e ao control de resultados.
Na súa intervención, o conselleiro de Facenda resaltou que a
nova lei dotará “dun marco único, estable e flexible” as administración
galegas, e explicou que se trata dunha normativa “para os cidadáns, para toda
Galicia, para a mellora dos servizos públicos e socialmente responsable”.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta