lunes, 9 de marzo de 2015

Avanzan as obras de ampliación do Hospital Público de Ourense

Hoxe recibimos en Ourense a visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para visitar as obras de ampliación do Hospital Público de Ourense.

Dixo que dotarán este centro dun 15% máis de camas e o converterán en “centro de demostración do hospital do futuro”.

Avanzou que esta ampliación será unha realidade no segundo semestre de 2016, e  subliñou que detrás desta obra hai un investimento de 41 millóns e un compromiso de mellor servizo, que se está a cumprir xa desde a primeira fase que afecta o bloque de hospitalización e que permitirá: concentrar todas as unidades –un total de 14- nun único edificio fronte aos tres actuais, ben comunicado coas áreas de urxencias, consultas, probas diagnósticas e quirófanos; incrementar o número de camas nun 15% -ata chegar ás 930-; lograr que o 60% das novas habitacións sexan individuais; “e, en definitiva, comezar a mellorar de forma substancial a atención, obxectivo que completaremos nunha segunda fase que actuará sobre as áreas de consultas e servizos centrais”, aseguro

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu tamén no compromiso de converter Ourense no centro de demostración do hospital do futuro, comezando desde aquí a maioría dos proxectos que se desenvolverán ao abeiro do Hospital 2050 e do Innova Saúde.

“O obxectivo é prepararnos ante os retos do futuro como o avellentamento da poboación”, dixo, logo de salientar que esta ampliación permitirá incorporar os equipamentos e as prestacións máis innovadoras que farán posible: que os cidadáns dispoñan de habitacións intelixentes, á vangarda tecnolóxica; que conten cuns servizos de urxencias completamente informatizados, mellorando así a asistencia e reducindo esperas; que conten cun hospital autosustentable, que autoxere a enerxía que consume con fontes renovables; e que teñan á súa disposición consultas móbiles de atención domiciliaria, que facilitarán especialmente a asistencia das persoas maiores de 65 anos.

Feijóo referiuse á ampliación como unha obra inescusable e inaprazable froito do esforzo do persoal sanitario, dos cidadáns e do Goberno galego. “Inescusable porque precisaba actualizarse para dar resposta ás necesidades actuais, pero tamén ás futuras. E, inaprazable porque esta área sanitaria non podía quedar á marxe das melloras que estamos levando a cabo noutros hospitais públicos galegos”, precisou.

Feijóo recoñeceu así o esforzo de todas as persoas que, fronte a unha crise sen precedentes, fixeron posible manter e mellorar a Sanidade Pública galega. E, nesta liña, salientou, nun primeiro termo, o esforzo de todo o persoal sanitario, que ten traballado con máis profesionalidade e eficacia que nunca, “en todos os centros galegos, e tamén aquí en Ourense”: acredítano as 2.603 operacións máis que desde 2009 se fixeron en xornada ordinaria nesta área sanitaria (un 25% máis); acredítao que a espera media para unha operación se reduciu en 35 días; que nas patoloxías máis graves esa espera sexa de aproximadamente 10 días; e que o tempo medio para unha primeira consulta na área de Ourense sexa hoxe case 21 días menor que en 2009.

No tocante ao esforzo dos cidadáns, destacou, a modo de exemplo o incremento do consumo de xenéricos por riba do 40% (en 2009 estaba no 10%). E, salientou tamén o esforzo das políticas orzamentarias, dedicando á sanidade pública máis do 40% do total dos orzamentos de Galicia.

Ademais desta obra, Feijóo lembrou tamén outros compromisos que se están a levar a cabo e que teñen unha incidencia fundamental no servizo sanitario da provincia. “Refírome a máis de 17 millóns de investimento nos hospitais da provincia, non só no de Ourense. Tamén no Barco e en Verín”, subliñou, logo de facer referencia ao impulso dado á rede de Atención Primaria: co novo centro de saúde do Couto, que está en construción; coa licitación dun novo centro de saúde en Barbadás; cos centros de saúde en Vilamarín, en Vilar de Santos, en Entrimo, na Merca e en Toén”. Ademais, sinalou a mellora do centro de saúde nos Peares e a mellora do centro de saúde en Carballeda de Avia.

Neste mesmo eido, resaltou tamén as melloras asistenciais que se incorporaron nos últimos anos, e que fan máis accesible e máis completa a Sanidade pública que reciben os cidadáns: desde as vías rápidas en patoloxías oncolóxicas; ata a dotación dun novo quirófano no servizo de Neurocirurxía do CHUO; ou a apertura de novas especialidades no Barco e en Verín como neuroloxía, dixestivo e cardioloxía.

Feijóo concluíu reiterando o compromiso do Goberno galego de seguir traballando nesta liña: “Neste 2015 o 50% da poboación en Galicia está nunha área sanitaria onde se está facendo un hospital novo ou reformándose. E no ano 2016, o 70% dos galegos vivirán nunha área sanitaria onde se estea facendo un hospital novo ou reformándose”.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 

Recibirá resposta