miércoles, 10 de junio de 2015

A exposición ‘Vía Iacobitana’ no Congreso dos Deputados

Esta tarde no Congreso dos Deputados a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou a exposición fotográfica ‘Vía Iacobitana’ que funcionará dende hoxe ata o próximo 1 de xullo. Acto organizado en colaboracion coa Asociación Parlamentaria dos Amigos do Camiño de Santiago.

Varios fotógrafos galegos, transformados en eventuais peregrinos, percorreron as diversas rutas do Camiño de Santiago para mostrar a través das súas fotografías a súa particular visión e as sensacións persoais que lles suxire a ruta.
“Á visión da paisaxe circundante e próxima, cambiante segundo a época do ano, o tempo e as variacións da luz, súmase a vivencia da propia peregrinación e ao legado cultural que atesoura, coa presenza de cada un dos camiños, do seu rico patrimonio histórico e dos peregrinos que cada ano percorren a Vía Iacobitana que lles conduce a Santiago de Galicia”, explicou a directora de Turismo de Galicia.
Nava Castro sinalou que, a través da mostra, cada un destes artistas recolle nas súas imaxes, uns camiños vivos e moi vividos, plenos de evocacións e propostas. “Rutas de peregrinación a Compostela ao alcance de todo aquel que se fai peregrino e desexa sentir unha experiencia milenaria”, resaltou a responsable de Turismo da Xunta de Galicia.
Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia explicou que coas imaxes propostas por ‘Vía Iacobitana’ evidénciase unha vez máis a multiforme esencia do Camiño de Santiago, o sentido xeneroso e aberto da peregrinación xacobea, así como, o seu inesgotable e imantador poder de sedución. “A sensibilidade artística e a profesionalidade dos fotógrafos que participan na mostra, cativados polos potenciais e valores desta experiencia única, forxan un novo legado iconográfico que pasa a formar parte do legado xacobeo, un tesouro en permanente estado de recreación e renovación”, sinalou Nava Castro.


Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta