Hoxe tivo lugar, ao igual que en miles de concellos
españois, a sesión constitutiva da nova Corporación municipal de Ourense,
na que os catro grupos con representación no Pleno se votaron a si mesmos, e
ante a ausencia dunha maioría absoluta, foi proclamado alcalde, o cabeza
da lista máis votada tendo o apoio de dez edís, Jesús Vázquez Abad.
Logo foi o turno do seu discurso de investidura,que reproduzo:
" Señoras e señores concelleiros e dende agora
compañeiros de corporación, convidados, medios de comunicación…
As miñas primeiras palabras teñen que ser de
gratitude, de inmensa gratitude por poder asumir o reto e a gran
responsabilidade de ser o alcalde de tódolos veciños e veciñas de Ourense.
Gratitude, en primeiro lugar, aos que votaron o día 24 de maio a candidatura
que encabecei, gratitude tamén aos meus compañeiros de Corporación que hoxe me
reiteraron ese apoio e gratitude a todos os que confían na miña persoa para liderar
a construción dun Ourense renovado.
E este Ourense renovado que estou seguro que todos
queremos, acaba de expresarse nas urnas: dixéronnos os cidadáns que o temos que
facer xuntos, que o temos que facer entre todos. Esa foi a súa vontade e ese é
o reto que dende hoxe nos poñen por diante a todos nós e a min en primeiro
lugar.
Asegúrolles que a miña vontade, como non
podía ser doutro xeito, é ser alcalde de tódolos veciños e veciñas de Ourense,
dos que nos votaron e dos que non nos votaron, dos que votaron o día 24 de maio
e dos que decidiron, polas razóns que fosen, non acudir ás urnas.
Eu quero ser o alcalde de todos e para eso
teño claro que a nosa política será –e xa o anunciamos antes das eleccións-
unha política de man tendida, unha política de diálogo e transparencia, unha
política centrada no interese común, unha política centrada no beneficio
colectivo, unha política centrada no diálogo e nos máximos consensos posibles,
unha política comprometida, desde logo, coa transparencia e a concordia.
Son tempos novos e temos que entender que hai
novas maneiras de facer política. Temos que entendelo tanto desde a
responsabilidade do goberno, como desde a responsabilidade da oposición. O
goberno é tarefa miña, man tendida e firme. A oposición, gustaríame firme, como
debe ser, pero tamén corresponsable nos grandes retos que ten a cidade. Seguro
que haberá puntos de encontro. Debemos buscalos, para mellor servizo dos cidadáns
e do presente e futuro de Ourense.
Non vou a enunciar cada un dos asuntos que
nos van ocupar estes vindeiros catro anos, pero está claro que hai eixos
estratéxicos onde temos que actuar con especial dilixencia.
Falo do ordenamento urbano, do remate das
comunicacións ferroviarias, da conclusión de infraestructuras culturais
pendentes, do aproveitamento termal,de desenvolver o noso potencial turistico,
do comercio –que tanta importancia ten na nosa estructura económica e social-
da fixación da nosa xuventude -o futuro- á cidade, e tamén da atención e
coidado dos nosos maiores. A nosa política, a política do Concello, debe ter
unha gran sensibilidade social, porque aínda que hai indicadores que apuntan a
que estamos saíndo da crise, o certo é que esa recuperación aínda tardará en
percibirse nidiamente polos cidadáns. Debemos de axudar a mitigar na medida do
posible esa situación.
O eixo social terá pois, un peso notable no
goberno que dende hoxe presido. Porque os gobernantes non debemos esquecer que
gobernamos para as persoas, pois as cidades son suma de historias de onte, e
persoas de hoxe. E entre estas persoas, moitas, por varias causas, precisan
unha atención e axuda directa e próxima.
Esa proximidade aos cidadáns e ise compromiso
social cos máis débiles serán dous sinais de identidade do meu goberno.
Buscaremos traballar coas portas abertas á cidadanía, falando e escoitando aos
nosos cidadáns, do rural e do urbano, dunha banda e outra do Miño, do centro e
dos barrios, porque a todos eles nos debemos.
Como administración pública, naturalmente,
temos a obriga ineludible de mellorar os nosos servizos aos cidadáns. Esa é a
nosa primeira responsabilidade, e no funcionamento deses servizos medirase a
eficiencia dun goberno.
Eu confío plenamente na capacidade dos
traballadores desta Casa, confío no seu compromiso coa institución na que
traballan e coa cidade na que viven. Estou seguro que coa súa entrega e implicación
renovadas e co noso respecto ao seu traballo, conseguiremos achegar entre todos
ideas e medidas que fagan máis eficaz e satisfactoria a tarefa común de
contribuír ao benestar de Ourense.
Empezamos hoxe catro anos de retos. Non son
pequenos os problemas que nos agardan. Tampouco son pequenas as forzas e a
vontade coa que pretendemos afrontalos. Eso sí, a nosa mirada está posta no
futuro con forza, vontade e ilusión. Vimos aquí a construir ese futuro, e non a
mirar cara a atrás.
O pasado non nos corresponde, é só o prólogo
de hoxe. O noso único reto é o de construir un futuro no que haxa lugar para os
soños, para a ilusión por un mundo mellor, que no noso caso, é Ourense. Se mo
permiten, emularei a Celso Emilio Ferreiro. Así, eu digo, queremos vivir e
mellorar este lugar “Onde o mundo se chama Ourense”.
Si. Aquí o mundo chámase Ourense, e a
historia chámase Hoxe. E aquí estamos 27
servidores públicos elixidos hai uns días, con ideas, procedencias e visións
diversas, pero todos ilusionados cunha andaina nova en pro da cidade. Fagámola
xuntos.
Fagamos xuntos ese camiño que está por facer,
pero sempre diante nosa. Nós, todos nós, somos os que decidimos os pasos que
queremos dar, o xeito en que os damos, e
a dirección na que queremos ir.
Non quixera deixar de facer, neste acto
solemne e protocolario, unha referencia de agradecemento á Corporación saínte.
Foi unha etapa difícil a que lles tocou vivir e agradezo o seu traballo a prol
desta cidade ao tempo que lles reitero o meu respecto institucional.
Para concluír, lembremos que Ourense sempre
foi, desde a súa orixe, un lugar de
encontro. Naceu ao pé da Burga, ao redor do encontro nas Augas Quentes, -como o
poeta José Ángel Valente lle chamou á cidade-, naceu ao redor do encontro dos
ríos, naceu no cruce das vías de comunicación de entrada a Galicia, naceu do
encontro dos que viñan en distintas épocas e dos que xa estaban aquí. Ourense,
lugar de encontro de homes e mulleres namoradas dunha cidade amable, agradable
e bimilenaria da que todos estamos orgullosos e á que non podemos defraudar.
O futuro está por escribir. Ogallá sexa o
mellor para todos.
Permítanme que remate cos versos finais dunha
composición de Otero Pedrayo, para as festas de Ourense de 1932, de hai 83
anos.
Ourense, ouro. Corazón.
Esperanza, bondade, tesouro"
Finalizado o acto tiven a oportunidade, xa no despacho da alcaldía, de felicitalo e desexarche todo o mellor á fronte do goberno desta
gran cidade de Ourense.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta