Hoxe 25 de Xullo, festa de Santiago Apostolo é un día grande para os galegos e reproduzo o artigo do presidente da Xunta que comparto plenamente.
Mil primaveras máis para Galicia.
"Pasaron xa trinta e catro anos desde que foi colocado no cemiterio de Mondoñedo ese fermoso epitafio que acompaña para sempre Álvaro Cunqueiro. ‘Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis’. Ninguén dubida de que o autor de Merlín e familia é un dos artífices de que a nosa terra sexa perdurable. Da súa man, Galicia prolongouse nas lendas, nos mitos, na fantasía, encarnándose en seres que compoñen unha poboación que vive na imaxinación dos lectores. Son polo tanto trinta e catro primaveras máis as que o noso país ten gozado, grazas ao legado cunqueirán.
Entendo, porén, que ese pensamento inscrito no mármore tamén sería axeitado para moitos galegos anónimos que, sen ser escritores coma don Álvaro, contribuíron a que Galicia seguira presente no tempo. Non importa a que se dedicaran nin cal fora a súa maneira de entender o mundo. Sen falarse nunca, sen coñecerse, eses galegos experimentaron o mesmo impulso e sentiron que, máis alá das súas vivencias persoais, había outra colectiva na que debían colaborar.
Esa forza común exprésaa moi ben outro creador, Salvador García Bodaño, cando define Galicia como ‘isto que vai en nós e que nos leva’. Non se pode explicar a constancia do feito galego a través da historia sen esa enerxía que fai de cada habitante desta terra un corazón que nutre de esperanza todo o país. Abonda con repasar esa historia para constatar que moitos pobos coma o noso esmoreceron vítimas do seu esgotamento vital. O noso está en pé, disposto a afrontar os retos que o mundo nos propón.
Diante desas encrucilladas que constantemente se nos presentan, Galicia ten respondido sempre coa fortaleza das árbores provistas de fondas raíces e coa flexibilidade precisa para abanearse. O noso país adáptase aos novos tempos sen perder ese contacto coa terra que lle proporciona identidade. Velaí a característica que máis admiran os que nos visitan. Nin somos esa comunidade que quedou ancorada na idea de que calquera tempo pasado foi mellor, nin tampouco aquela outra que borra os vestixios do que foi antano.
Mais aló de concretas xestións gobernamentais, é esa facultade para ser fieis á nosa terra e ao noso tempo, a que fixo posible as primaveras anunciadas na tumba de Cunqueiro. Primaveras que ás veces chegaron despois de outonos e invernos duros nos que se puxo a proba a nosa capacidade de resistencia. Pero mesmo neses momentos aciagos nunca se quebrou a unidade esencial do país. Unha inmensa maioría de galegos comprendeu que seguía vixente a advertencia de Curros Enríquez: ‘quen á discordia se entrega, vai direito cara á morte’.
Álvaro Cunqueiro falecía en 1981, no mesmo ano en que se celebraron as primeiras eleccións autonómicas. A Galicia que sobrevivira na imaxinación de tantos creadores tomaba corpo en institucións que a equiparaban ás democracias do mundo. Eses galegos que, sen coñecerse, traballaran moitas veces en silencio a prol das mil primaveras atopáronse no Parlamento, compartiron problemas e debateron xuntos as solucións. O autogoberno será desde entón un factor engadido para lograr que Galicia perdure.
O 25 de xullo é un alto no camiño para reflexionar sobre o que somos. Todos os galegos gardamos entre as mellores lembranzas aquelas festas do patrón nas que a xente se reunía, volvían os de fóra, disipábanse inimizades, contábanse historias do pasado e facíanse proxectos de futuro. Ese día facíase máis visible a comunidade. O Día de Galicia representa o mesmo espírito. Galicia faise máis visible a si mesma e ao mundo enteiro.
Aínda que quedan moitas primaveras por esgotar, queremos outras mil máis e desexamos que os galegos que celebren a nosa festa grande no día de mañá digan que os seus devanceiros do 2015 cumpriron co seu deber. Que así sexa."