miércoles, 15 de julio de 2015

Rajoy anuncia que levará ao Congreso para o seu debate o terceiro programa de axuda a Grecia

Compareceu esta mañá no pleno do Congreso o presidente do Goberno para analizar as conclusións de Consello Europeo dos días 25 e 26 de xuño, o presidente do Goberno e informar tamén das reunións celebradas nas últimas semanas para buscar unha saída á crise de Grecia.



Mariano Rajoy insistiu en que a principal cuestión agora é restablecer a confianza entre o Goberno grego e as institucións europeas: "Vencer a desconfianza xerada nos últimos tempos é o reto que estamos intentado superar" e engadiu que "o radical cambio de actitude do Goberno grego" fixo posible o acordo. Por esta razón, comezaron as negociacións para articular un terceiro programa de axuda para o país heleno, ante o que Grecia terá que ofrecer "un compromiso moi firme de cumprir o acordado".


Recordou que os acontecementos das últimas semanas deterioraron a situación económica en Grecia: dunha previsión de crecemento do 3% para 2015 pasouse a un decrecemento de entre o -2% e o -4%. Ademais, empeorou a situación dos bancos helenos, polo que o importe do novo plan de rescate para Grecia "se incrementou notablemente".

Tras sinalar que "resulta difícil cualificar a estratexia negociadora do Goberno grego", Mariano Rajoy sinalou que a chegada de Syriza ao poder supuxo un cambio radical na situación do país heleno, posto que o Executivo de Tsipras optou por incumprir o programa económico que estaba en vigor e por dar marcha atrás nas reformas que se acordaran.

Rajoy recordou que, no transcurso do proceso negociador coa Unión Europea, o Executivo heleno decidiu convocar un referendo, aínda que "aínda segue sen estar moi claro cal é a cuestión que se formulaba ao pobo grego".

O presidente destacou o apoio prestado polo Banco Central Europeo (BCE) ás entidades bancarias gregas. O BCE "activou para Grecia a súa liña de liquidez de emerxencia", o que evitou a quebra dos bancos gregos e que moitos cidadáns dese país perdan os seus aforros e depósitos. Non obstante, e a pesar do "paraugas protector dun programa de asistencia", o Executivo grego tivo que "decretar o peche dos bancos e impoñer un corralito"

Dixo que, "o resultado de todo isto foi moi negativo para os cidadáns gregos" porque as necesidades de financiamento do país heleno aumentaron "notablemente": as institucións europeas estiman que o novo programa necesita entre 82.000 e 86.000 millóns de euros; antes, o FMI fixara esa axuda en 52.000 millóns de euros. Tamén recordou que, ata o momento, Grecia recibiu 200.000 millóns de euros en préstamos en condicións moi favorables, unha cantidade que supera o PIB grego.

Con respecto ao novo acordo con Grecia subscrito o pasado domingo, Mariano Rajoy subliñou que se descartan por completo quitas nominais na débeda". Ademais, pactouse co Goberno grego unha serie de reformas que han de aprobarse hoxe (reforma do IVE e do sistema de pensións e aplicación completa dos compromisos europeos en materia de estabilidade presupostaria). Outras reformas, engadiu, terán que ser aprobadas antes do 22 de xullo (modificación do sistema xudicial, regulación das reestruturacións bancarias, etc.).

En calquera caso, Rajoy asegurou que o obxectivo do novo programa de axuda é "levar a Grecia a unha senda de crecemento sostible e a que recupere o antes posible o acceso aos mercados". Neste sentido: "Sentamos as bases para lograr un acordo sólido e duradeiro de apoio a Grecia", subliñou.

En canto á posición española, o presidente dixo que sempre mantivo "unha actitude construtiva". Neste sentido, explicou que España "se mostrou partidaria de manter o apoio de Europa a Grecia" a cambio de esixir "como contraprestación a responsabilidade do Goberno grego". Segundo dixo, "teño a mellor predisposición para que este asunto conclúa do mellor xeito".

Ademais, Rajoy anunciou que levará o novo programa de axuda a Grecia ao Congreso dos Deputados para o seu debate. Aínda que non é un trámite necesario en España (os parlamentos de Alemaña, Finlandia, Austria, Holanda, Estonia e Eslovaquia deben aprobar este acordo obrigatoriamente), tomou esta decisión porque "son moitos os recursos que se reclama que garantan os contribuíntes españois". Mariano Rajoy mostrouse convencido de que o euro "sairá fortalecido desta proba", algo que será "bo para Europa e bo para os cidadáns que a habitan".

Sobre o Consello Europeo de xuño, celebrado en Bruxelas os días 25 e 26, Rajoy explicou que se abordaron tres asuntos: crise migratoria no Mediterráneo; cuestións relacionadas coa seguridade e a defensa e; por último, asuntos económicos vinculados ao emprego, ao crecemento e á competitividade.

Con respecto á crise migratoria do Mediterráneo, o presidente asegurou que a UE debe "dar unha resposta solidaria" para evitar que sigan repetíndose traxedias como as que xa vivimos. Destacou que os líderes europeos consideran que a experiencia española en materia de xestión de fluxos migratorios é "un modelo que debe seguirse polo conxunto da Europa".

Neste sentido, decidiuse impulsar a cooperación cos países de orixe, fortalecer o papel de Frontex e desenvolver un sistema de recolocación e reasentamento para as persoas que necesiten protección internacional.

En materia de seguridade e defensa, explicou, o Consello Europeo de xuño acordou impulsar a nova Estratexia de Seguridade Interior e a revisión da Estratexia Global sobre Política Exterior e de Seguridade. Os líderes da UE constataron que todos os países europeos "somos obxectivos claros da barbarie terrorista", polo que "sería suicida pretender unha defensa por separado de cada un dos nosos países".

Polo que se refire ao emprego, o crecemento e a competitividade, o presidente apuntou que se abordaron tres asuntos: as recomendacións específicas aos Estados membros no marco do Semestre Europeo (a situación de España cambiou radicalmente dentro da zona euro e, polo tanto, tan só recibe catro recomendacións porque "os nosos desequilibrios xa non son excesivos"); as propostas para completar o deseño da unión económica e monetaria (recollidas no informe dos presidentes da Comisión, do Consello Europeo, do Eurogrupo, do BCE e do Parlamento Europeo e no que se aposta por un proceso gradual e continuo, "baseado en criterios de converxencia"); e a estratexia europea para o desenvolvemento da economía dixital, asunto no que o Consello Europeo se comprometeu a avanzar.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta