Saliento neste
blog a recente visita da directora de Turismo de Galicia, Mª Nava Castro Domínguez, xunto co
delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez González,
e o xerente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, ao Centro de
Adestramento de Remo dos balnearios de Arnoia e Laias.
No campo de regatas de Arnoia visitaron o novo equipamento financiado pola
Xunta de Galicia que está composto de sala de musculación, remoergómetros e
embarcacións de apoio. A adquisición deste equipamento foi posible grazas ao
convenio de colaboración asinado entre a Xunta de Galicia e a Deputación de
Ourense para a realización de actividades de dinamización turística na
provincia de Ourense.
Este convenio tamén recollía os
actos de promoción internacional de “Ourense Provincia Termal” e potenciación
do Centro de Adestramento de Remo Laias-Arnoia e Castrelo (CERLAC) en
diferentes eventos como as Copas do Mundo de Remo de Posnan (Polonia) e Lucerna
(Suíza), nos meses de maio e xullo respectivamente, mais no Mundial de
Aiguebelette (Francia), que se celebrará a finais deste mes. Esta promoción
internacional iniciouse o pasado ano no Mundial de Piragüismo de Amsterdam
incluído no mesmo convenio de colaboración do 2014.
Estas actuacións contribúen á
potenciación do territorio e a súa consolidación como destino turístico. Os
obxectivos son a potenciación da desestacionalización da oferta turística, a
elaboración e promoción de produtos turísticos centrados no termalismo e no
deporte e a promoción de produtos turísticos en mercados de proximidade.
Nava Castro destacou que o
turismo deportivo é un dos atractivos da nosa comunidade autónoma xa que
“existen unhas condicións envexables para a práctica de numerosas actividades,
dende os deportes tradicionais ata os deportes extremos e os náuticos”.
Nesta visita tamén mantiveron un
encontro en Laias con membros da selección australiana de remo e a directora de
Turismo especificou que a gran riqueza que ten Galicia para a potenciación do
remo é a combinación das infraestruturas necesarias para albergar un centro de
concentración de referencia cos beneficios do termalismo a través dos seus
balnearios. “Reúne todo o necesario para que Galicia sexa un destino turístico
para o adestramento ao mais alto nivel”, explicou.
A execución de accións está a
continuar neste ano con actuacións como a sinalización das vilas termais, o
inicio dos traballos para a clasificación e definición da oferta termal, o
desenvolvemento do programa Turismo Senior Termal de Galicia ou o avance do
proxecto Smart Turismo.
En total, investíronse mais de
tres millóns de euros en iniciativas integradas neste plan a prol do turismo
termal de Ourense en particular e de Galicia en xeral.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta