sábado, 12 de septiembre de 2015

A vindeira Edición da "Vuelta a España" sairá por primeira vez na historia da provincia de Ourense

Excelente noticia a anunciada onte en Medina del Campo polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro, e o director da "Vuelta a España", Javier Guillén, de que a 71ª Edición da "Vuelta", que se celebrará o vindeiro verán de 2016, sairá por primeira vez na historia da provincia de Ourense.

A nosa comunidade albergará, ademais, cinco etapas que transcorrerán polas catro provincias galegas. Deste xeito, Galicia ocupará, unha vez máis, un lugar destacado neste gran acontecemento deportivo que conxuga a competición coa promoción turística por onde discorre.

Como salientaba Nava Castro este evento deportivo é “unha magnifica ferramenta para dar a coñecer as variadas paisaxes, a sorprendente natureza, a excelente enogastronomía e o noso importante patrimonio cultural diseminado por toda a xeografía galega”.
Salientar que no pasado ano, tanto na saída coma durante a carreira ou na meta de cada unha das etapas que transcorreron polo territorio galego houbo un nivel de asistencia de público masiva rexistrándose un total de 2.100.000 espectadores in situ.
A estes espectadores que se acercaron ata os lugares por onde pasou La Vuelta hai que engadir a espectacular repercusión mediática acadada. O evento foi seguido por un gran número de seguidores a través das pantallas de varios países do mundo acadando a cobertura internacional 190 países dos cinco continentes.
A nivel nacional, La Vuelta tamén tivo unha presenza continuada na televisión con mais de 8 horas de difusión diarias e unha cota de pantalla do 14%, así coma unha audiencia acumulada de mais de 31 millóns.
En total, este evento xerou máis de 18 mil artigos na web, mais de 6 mil artigos en prensa, 600 repercusións na radio e 516 noticias de televisión.
As cinco últimas etapas da La Vuelta 2014 disputadas en terras galegas supuxeron mais dun billón de audiencia e unha valoración de preto de 16 millóns de euros.
Ademais, ao impacto mediático e a gran repercusión comunicacional que xerou, hai que unir os beneficios directos que produciu La Vuelta nas zonas polas que transcorreu.
Soamente a organización realizou reservas en 80 hoteis galegos, o que supuxo un total 2.500 prazas hoteleiras ocupadas ás que hai que sumar as prazas dos invitados, medios de comunicación e afeccionados.
Con todo, o retorno económico de La Vuelta 2014 ao seu paso por Galicia foi de máis de 4 millóns de euros, dos que mais de 2 millóns de euros proviñeron da repercusión mediática e os mais de 1,7 millóns de euros restantes viñeron do retorno da inversión directa.


O feito de ser Ourense o punto de partida, foi cualificado por Baltar como "unha excelente noticia" polo presidente do goberno provincial, quen destacou "o gran impacto promocional e económico que suporá, con máis de dúas mil persoas integrando o dispositivo dunha das probas ciclistas máis importantes do mundo". 

Manuel Baltar considera que a nosa provincia "será un magnífico escaparate para difundir toda a nosa riqueza natural, artística, histórica e turística, con enclaves tan singulares como a Ribeira Sacra".

"A importante repercusión mediática da "Vuelta" contribuirá a destacar a singularidade de que a provincia de Ourense é un dos destinos termais máis importantes do mundo", afirmou o presidente do goberno provincial, quen subliñou o ámbito internacional que acada o termalismo na nosa provincia –centro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- e os aspectos técnicos, paisaxísticos e de infraestruturas termais "que fan de Ourense un dos territorios do mundo con mellores condicións para actividades turísticas, de lecer e terapéuticas neste eido, fortalecido todo elo polo Plan "Ourense, a provincia termal" que lle dará a este sector estratéxico o impulso necesario para converter aínda máis ao termalismo nun dos grandes motores da economía ourensá". 

Baltar expresou que é moi importante "que toda a rede de balnearios  sexa fundamental neste paso da Vuelta por Galicia sexa fundamental neste paso da Vuelta por Galicia".

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta