jueves, 17 de septiembre de 2015

O ano que vén a Xunta completará a devolución do 100% da paga extra de 2012 aos empregados públicos

Celebro o anuncio feito hoxe polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, de que a Xunta completará o vindeiro ano a devolución do 100% da paga extra de 2012 aos empregados públicos. Deste xeito, o segundo 25% desta paga será recibido polos máis de 100.000 empregados públicos autonómicos antes de que remate 2015, e o 50% restante percibirase ao longo do ano que vén.

“Esta devolución demostra unha vez máis que a xestión responsable das arcas públicas, á larga, sempre produce beneficios”, reivindicou Feijóo. Afirmou que, grazas á boa xestión, a Xunta dispón en 2015 e 2016 dos 200 millóns de euros necesarios para compensar os empregados públicos polo esforzo que fixeron hai tres anos. Así, as persoas que non recibiron esta paga no seu momento, obterán agora unha media de 1.600 euros: 800 neste 2015 (dos que 400 xa foron percibidos no primeiro semestre deste ano) e 800 no vindeiro ano.
O Proxecto de Lei que fai posible esta devolución apróbase no primeiro Consello no que a Xunta ten capacidade legal para facelo, segundo lembrou o presidente, despois de que o pasado venres a Administración Central do Estado (a única que ten competencias para esta materia) aprobase o Decreto Lei correspondente. Este texto está sendo xa remitido ao Parlamento de Galicia para que poida ser aprobado no prazo máis breve posible, dixo.
Dispoñibilidade orzamentaria e cumprimento do déficit


Feijóo lembrou tamén que Galicia pode devolver esta paga porque cumpre as dúas condicións que marca o Ministerio de Facenda: ter dispoñibilidade orzamentaria e cumprir o obxectivo do déficit en 2015. “Debido á seriedade ao xestionar as contas públicas e debido ao esforzo dos empregados públicos non nos vimos obrigados a realizar as medidas máis duras de contención do gasto”, asegurou. Non houbo despedimentos de empregados públicos nin reducións de xornadas de persoal interino e Galicia foi a comunidade que mantivo máis estable o número de empregados públicos durante a crise, engadiu.



O xefe do Executivo autonómico recoñeceu que a mellora económica é froito dos esforzos dos cidadáns e das empresas, sumados ao compromiso da Administración, e recalcou que a vontade da Xunta é a de ir devolvendo eses esforzos de forma paralela á recuperación, como neste caso se fai cos empregados públicos.