viernes, 23 de octubre de 2015

O Goberno regula a posta en marcha da Oficina encargada de recuperar os bens procedentes de delitos

Destaco hoxe do aprobado no Consello de Ministros o Real Decreto polo que se regula o funcionamento da Oficina de Recuperación e Xestión de Activos (ORGA), que se integrará no Ministerio de Xustiza. 

Unha oficina que hoxe era visitada polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy acompañado polo ministro de Xustiza, Rafael Catalá.

A nova Oficina será competente para localizar, recuperar, conservar, administrar e realizar os efectos, bens, instrumentos e ganancias procedentes das actividades delituosas dentro do marco dunha organización criminal.

A vicepresidenta do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría, sinalou que este órgano "é unha ferramenta fundamental na loita activa contra a corrupción e a criminalidade organizada".

Ademais, subliñou que a Oficina actuará en todo tipo de procesos e que a venda dos bens comisados servirá para sufragar determinados programas de carácter social.

A portavoz do Goberno lembrou que ata a data os activos comisados quedan a disposición de cada xulgado ou tribunal, que ten unha capacidade limitada para xestionalos. 

Así mesmo, os procesos son complexos e alárganse no tempo e existen problemas de deterioración dos bens e gastos de mantemento e custodia. A partir de agora, a Oficina poderá adoptar as medidas necesarias para conservar e xestionar os bens tendo en conta a súa natureza, as posibilidades de venda ou adxudicación e o custo de custodia e conservación.

Como principal novidade, Sáenz de Santamaría destacou que se "poderá proceder á venda anticipada dos bens sen esperar ao final do procedemento, evitando a deterioración, a desaparición do ben e aforrando gastos de conservación". 

O rendemento que se obteña da venda utilizarase para protexer e asistir ás vítimas de delitos, abonarlles as indemnizacións recoñecidas por sentenza xudicial, así como para a reinserción dos delincuentes e a prevención doutro tipo de delitos.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta