domingo, 22 de noviembre de 2015

Eleccións Xerais 2015: presentadas as candidaturas do PP de G

Viaxo hoxe a Santiago de Compostela ao acto de presentación das candidatas e candidatos do PPdeG ao Congreso dos Deputados e ao Senado.

Durante a súa intervención Alberto Núñez Feijóo sinalou que hai dúas verdades irrefutables: co PSOE o paro crece e a economía afúndese; e co PP ocorre todo o contrario, sendo todo o resto incertezas.

Recordou que veñen dunha lexislatura complexa cun comezo moi difícil pola situación de recesión para a que non parecía haber outra saída que o rescate, enfrontábanse a débedas millonarias, o paro crecía e, sobre todo, non había certezas de onde estaríamos na actualidade.

Sen embargo, afirmou que hoxe están onde hai catro anos parecía case inalcanzable, coa economía recomposta, o rescate despexado e o emprego medrando cada día.

Por este motivo, afirmou que queren reivindicar que o esforzo do pobo tivo ao seu carón ao PP desde un goberno que dixo a verdade e non desperdiciou o sacrificio da xente; desde administracións xestionadas con responsabilidade; e cunha maioría ampla no Congreso e no Senado que deu a estabilidade política necesaria para avanzar.

Segundo as súas palabras, estamos ante unha nova lexislatura difícil pero tamén esperanzadora e con retos por diante. Para Feijóo, a diferenza entre hoxe e hai catro anos é que agora si sabemos onde podemos estar ao final da próxima lexislatura e só hai un xeito de non volver poñer incertezas no camiño que é co Partido Popular.

Asimesmo, o líder do PPdeG apuntou que só cos populares haberá un presidente que tomará decisións desde o primeiro día, aportando unha seguridade que non poden dar nin Podemos, nin Ciudadanos, nin os socialistas.

A LISTA DE UNIDADE

Alberto Núñez Feijóo cualificou a candidatura dos populares como a dun partido que decidiu renovarse grazas a xente que quere dar un paso adiante no seu compromiso cos intereses públicos e a aqueles que deixan paso a outras persoas. Así, a renovación mestúrase con experiencia pero, tamén, nesa propia renovación hai experiencia política, profesional e de xestión.

Nesa liña, o presidente salientou que todo o partido, dentro e fora das listas, colaborará xa que son un equipo de galegas e galegos que comparten un proxecto.

Segundo Feijóo, o PP asegura a estabilidade e a convivencia constitucional, ademais dunha España unida desde a pluralidade dos seus cidadáns. Por iso, pediu a confianza da xente remitíndose aos feitos xa que só hai un proxecto de país e ese é o do Partido Popular.

Mentres o resto son proxectos personalistas, a lista de unidade é a do PP, engadiu Feijóo ao tempo que explicaba que teñen esa unidade porque compartiron esforzos estes anos e porque, por riba dos estrellatos televisivos, son un equipo cun un proxecto de país.

Pola contra, os proxectos doutros grupos políticos só xiran arredor dunha única persoa mentres, segundo lembrou o presidente, o PP é un partido de maiorías e de goberno, con equipos amplos en todas as comunidades, provincias e concellos.

O PARTIDO DA XENTE

O mandatario galego apuntou que o PP é o primeiro partido de Galicia e o primeiro de España, algo que decide a xente de forma libre e democrática.

Desta forma, contrapuxo os partidos que só falan deles mesmos, co seu partido, que si está ao servizo dos cidadáns, dos intereses xerais e do país por riba da persoa.

Nesa liña, asegurou que quen mellor representa ese concepto é Mariano Rajoy que sempre antepuxo os intereses xerais aos persoais ou partidistas e, podendo ser quen máis presumira porque fixo máis e acadou máis que calquera outro, é o máis humilde de todos.

Así, sinalou que Rajoy podería apoiar as súas decisións na súa maioría, a máis ampla da democracia pero, sen embargo, prefire contar cos demais porque goberna para todos.

REPRESENTANDO A GALICIA

Por outra banda, o líder dos populares galegos sinalou que na candidatura están representadas todas as xeracións e todas as comarcas pero, sobre todo, as aspiracións das galegas e galegos como son o crecemento, o emprego, o benestar familiar e a política útil.

Ademais, apuntou que para os galegos tamén hai algo máis na candidatura dos populares porque eles si teñen presente Galicia nas súas prioridades, non fan remendos nin improvisan candidatos e non son a franquicia dunha marca que busca arañar votos como poida.

Do mesmo xeito, engadiu que para o Partido Popular, Galicia non é un lugar como outro calquera xa que o partido naceu en aquí e sería imposible sen ela.

Con respecto ao candidato popular á presidencia do Goberno, Feijóo asegurou que Mariano Rajoy sabe ben o que é Galicia xa que a ten sempre presente.  Deste modo recordou que Rajoy xestiona España pensando en Galicia, como despois amosan os orzamentos que dependen do Ministerio de Ana Pastor.

https://m.youtube.com/watch?feature=youtu.be&utm_source=hootsuite&v=figSdi7ZoB8

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es 
Recibirá resposta