Hoxe interveu o presidente do Goberno galego, Alberto
Núñez Feijóo nun almorzo-coloquio organizado pola Cámara de Comercio de EE.UU
en España.
Sinalou
que o Estado e as súas autonomías non son dúas realidades diferentes porque as
autonomías son Estado, interveñen na súa gobernación e, polo tanto, calquera
intento de alterar os equilibrios dese Estado lles afecta.
Así, fronte aos
desafíos do independentismo catalán, apuntou que Galicia “está plenamente
concernida porque se pon en perigo un sistema institucional que posúe dous
avais: o respaldo democrático dos seus cidadáns, e uns resultados que
permitiron superar numerosos déficits históricos en materia económica,
empresarial, tecnolóxica, educativa e ata na propia autoestima.
Galicia, proseguiu, é unha Comunidade estable, que non está inmersa en debates
que incrementan as trabas ao investimento, senón en todo o contrario. Demóstrao
a Lei do emprendedor, que simplifica os trámites administrativos para poñer en
marcha un negocio; a rebaixa fiscal histórica incluída nos orzamentos do
vindeiro ano; ou a aposta que a industria galega está a facer pola industria
4.0 e pola innovación, ou por mellorar a formación dos máis novos a través da
FP dual e os idiomas.
Feijóo asegurou que Galicia está a traballar firmemente
pola internacionalización e a competitividade das súas empresas. Faino, dixo,
favorecendo os investimentos en innovación, coas Unidades Mixtas de Innovación,
cunha dedución específica neste eido desde o ano pasado, e con distintas ordes
de axuda como o programa Interconecta.
Así, resaltou, Galicia presenta hoxe maiores fortalezas
que en 2010. Acumula sete semestres seguidos de crecemento, alcanzando o 1,8%.
A demanda interna creceu un 2,3% no segundo trimestre deste ano. A formación
bruta de capital acada o mellor dato desde 2007. E, no tocante ao mercado
laboral, remata outubro con menos desempregados que no mesmo mes de 2010, polo
que volve a niveis de paro inferiores aos de hai cinco anos e presenta un
comportamento mellor en termos interanuais que a media do Estado.
A internacionalización da economía,
dixo, ten moito que ver nesta mellora; e, ao respecto, mencionou que 2013 e
2014 foron anos históricos en materia de exportacións, e que os datos ata
agosto indican que así seguirá sendo, posto que estas operacións creceron nos
primeiros oito meses do ano un 4,5%.
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta