Hoxe no Parlamento de Galicia tivo lugar o debate de
totalidade do proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña
aos orzamentos da Xunta.
Nel, o voceiro do GPP Pedro Puy sinalou que “no fondo, esta lei de
medidas fiscais e administrativas afianza o crecemento previsto do 2,5 por
cento do PIB, hai un incremento dos beneficios fiscais de contido social
de máis de 350 millóns de euros e introduce unha política fiscal de
redución de impostos por importe de 140 millóns de euros”, concretou.
Salientou o “equilibrio razoable que o actual Goberno
galego ten conseguido na política de reforma fiscal, nos termos de eficiencia,
equidade e crecemento económico”, xa que manifestou que “un orzamento que
deixa máis recursos en mans dos cidadáns e ao mesmo tempo impulsa ao gasto
é expansivo, que é o que necesita a economía galega nestes momentos para
afianzar a senda do crecemento”.
Centrándose nas medidas fiscais, o portavoz popular indicou
que a nova tarifa do imposto sobre a renda “é enormemente máis progresiva
en relación ao que había cando gobernaba a esquerda en 2011”. Para
xustificar esta afirmación, Puy salientou que con esta reforma progresiva
“pagan menos os que menos teñen e máis os que máis ganan”.
Así mesmo, Puy salientou que o Grupo Popular e o BNG
“coinciden na contribución do 80 por cento dos contribuíntes de Galicia, porque
ata os 20.200 euros presentan a mesmo tipo de imposto”. Porén, a proposta de
AGE “quere subir aínda máis os impostos a estes contribuíntes”, polo que
indicou a este grupo parlamentario que “leccións de solidariedade, de
progresividade e de redistribución da renda á política fiscal do PP moi
poucas”.
O portavoz popular tamén se referiu á reforma do imposto de sucesións e
salientou “a interesante operación de equilibrio realizada polo Goberno
galego, porque seguen tributando os que reciben por herdanza máis de 400.000
euros e reforza o seu carácter de incentivo social que fomenta o aforro e
incentiva a transmisión entre pais e fillos”.
Respecto da práctica exención do imposto de transmisións no
rural, Pedro Puy afirmou que “ten unha finalidade económica de mobilización de
terras, gañar competitividade e que non haxa custos fiscais adicionais
para aqueles agricultores e gandeiros que desexan ganar tamaño para
facer máis rendibles as súas explotacións”.